Difúndeo tal e 'Como cho digo'

Persoeiros participantes na campaña 'Como cho digo' © CTNL

Fernando Vázquez, Ezequiel Mosquera, Uxía Senlle, Salustiano Mato, Jorge Mira, Federico Pérez, Verónica Boquete, Manuel Rivas, Moncho Fernández, Sés ou María Mera. Son só algúns dos persoeiros que se uniron á campaña que reivindica que os medios de comunicación reflictan en galego as declaracións que fan nesa lingua e que se respecte o idioma que adoitan usar nas súas intervencións públicas. "Transcribir as nosas declaracións en galego é unha esixencia da veracidade informativa, expresa a pluralidade lingüística da sociedade e achega a administración á cidadanía", reivindica o maxistrado Luís Villares, coordinador de Xuíces para a Democracia e outro dos participantes nesta nova iniciativa da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) que foi presentada este martes en Compostela.

"Hai moitas máis persoas e entidades que usan normalmente o idioma do que os medio reflicten"

Como cho digo é o nome desta campaña que pretende a "visibilización do uso do galego na comunicación", sendo conscientes os seus impulsores de que "hai moitas máis persoas e entidades que usan normalmente o idioma do que os medio reflicten". Non será a primeira nin a última vez que personaxes públicas se queixen de as súas declaracións en lingua galega aparezan logo transcritas en castelán en medios escritos publicados en Galicia.

Esa é a tendencia coa que pretende acabar este proxecto da CTNL, que lembra que "cada día son moitas as entidades, asociacións ou concellos que envían notas de prensa en galego, que organizan conferencias de prensa nas que se usa a nosa lingua ou que desenvolven actos en galego que despois son traducidos nos medios e comunicados na prensa noutra lingua". "E o mesmo acontece con moitas persoas que fan declaracións ou conceden entrevistas", destacan.

A CTNL convida a persoas ou entidades con presenza pública que se sumen á campaña e soliciten así aos medios que se respecte o idioma das súas intervencións

A CTNL convida a persoas ou entidades con presenza pública e que estean de acordo coa súa reivindicación a que se sumen á campaña Como cho digo e soliciten así ante os medios que as súas declaracións na lingua propia sexan sempre transmitidas nese mesmo idioma. Á marxe de numerosos persoeiros do mundo da cultura, do deporte, da universidade ou dos movementos sociais, foron xa varias as entidades que se unirón á campaña como Xuíces para a Democracia, A Mesa, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia ou Nova Escola Galega. Ademais, Praza Pública tamén forma parte da xa iniciaiva.

"Se respondo en galego, iso debería respectarse, sobre todo se vai destinado a lectores ou ouvintes de Galicia", reivindica o adestrador do Obradoiro, Moncho Fernández, no vídeo da campaña que se presentou n'A Nave do Vidán coa presenza doutros dos persoeiros que apoian a inciativa como María Reimóndez, Mónica Caamaño, Pilar Neira Jorge Mira, Najla Shami, Uxía ou Federico Pérez.

Esta nova campaña da CTNL únese a outras como a recente, exitosa e aínda vixente Gústame o galego ou á plataforma de regalos en galego Agasallo. A iniciativa xurdiu, como nos outros casos, do viveiro de propostas normalizadoras da Coordinadora e froito das reclamacións de moitas persoas e entidades "que se queixan do que lles pasa cando fan declaracións ou conceden entrevistas".

A iniciativa culminará cunha petición expresa aos medios para que se comprometan cos mínimos reclamados polas persoas e entidades que se adhiran á campaña

Así o explica Nel Vidal, presidente da CTNL, que aclara que o obxectivo da campaña é "facerlles ver aos medios que hai esa demanda de xente á que lle gustaría que as súas declaracións, pero tamén os actos que acontecen en galego, teñan reflexo na prensa na nosa lingua". Así, Como cho digo irá xuntando persoeiros e colectivos que reclamen o seu dereito a que as súas expresións sexan transmitidas no idioma no que as fan para, dentro duns meses, "trasladarlles as propostas aos medios e pedir que se comprometan con estes mínimos".

Presentación de 'Como cho digo' n'A Nave de Vidán © CTNL

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.