O xulgado suspende a entrada na cadea de Carlos e Serafín

Manifestación a prol do indulto para Serafín e Carlos CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos

Carlos Rivas Martínez e Serafín Rodríguez Martínez, os dous sindicalistas condenados a tres anos de cárcere por participar nun piquete na folga do transporte da provincia de 2008, veñen de recibir unha boa dose de esperanza. O Xulgado do Penal número 1 de Vigo notificou o auto de suspensión do cumprimento da sentenza executoria, á espera da resolución polo Ministerio de Xustiza e o Consello de Ministros dos indultos presentados polos afectados.

O Xulgado do Penal número 1 de Vigo suspende a entrada en prisión á espera da petición de indulto

A decisión do xuíz vén motivada pola "petición de indulto" realizada a nome deles e aclara que se accede á suspensión" da entrada en prisión "mentres se tramita o presente expediente e ata que recaia a decisión correspondente sobre a devandita petición".

Os principais sindicatos do país, CIG, CCOO e UGT, convocaran en 2008 unha folga no sector de transporte de mercadorías da provincia de Pontevedra durante a negociación do convenio do sector. No marco desa folga, múltiples traballadores actuaron como piquetes informativos e algúns deles foron identificados pola Policía Nacional e posteriormente denunciados pola mesma. Esas denuncias policiais derivaron en varios xuízos dos que practicamente todos remataron en absolución. Pero un xulgado de Vigo considerou que dous deses traballadores, Serafín Rodríguez, da CIG, e Carlos Rivas, de UGT, eran culpables dun delito contra os dereitos de traballadores e aplicoulles a condena máxima: 3 anos de prisión.

Esta sentenza do ano 2009 foi posteriormente ratificada pola Audiencia Provincial pontevedresa e agora Serafín e Carlos poderían entrar no cárcere da Lama en calqueira momento. A sentenza foi recorrida e as centrais solicitaron o indulto que o Goberno denegou, polo que houbo un recurso de casación e un último intento de concesión de indulto.

As tres centrais sindicais apelaron ás solidariedade cidadá para que o Goberno de España atenda a segunda petición que xa está en marcha.  Varias marchas e mobilizacións reclamaron o indulto para dous sindicalistas durante os últimos meses en Galicia.

Manifestación a prol do indulto para Serafín e Carlos CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos
Cartel da CIG a prol do indulto Dominio Público @galizacig

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.