A presión social paraliza de vez a mina de Corcoesto

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

Case medio ano despois de que a Xunta anunciase a suspensión da polémica mina de Corcoesto e logo de meses de presión cidadá contra as intencións de Edgewater na comarca de Bergantiños, a Administración galega vén de paralizar definitivamente o proxecto mineiro. Así llo comunicou a Dirección Xeral de Enerxía e Minas a un dos denunciantes da iniciativa da multinacional, tal e como confirmou a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas vén de comunicar a paralización definitiva do proxecto mineiro

Así, con data 11 de marzo de 2014 Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas, ditou resolución de denegación definitiva do proxecto de mina de ouro a ceo aberto de Corcoesto, unha paralización total que chega despois de que o presidente da Xunta anunciase no mes do outubro do ano pasado no debate do estado da autonomía que se decidira "non autorizar o proxecto da mina de Corcoesto ao entender que non acreditaba o cumprimento de todos os requisitos esixidos pola lexislación vixente".

O polémico proxecto promovido pola mineira canadense Edgewater non cumpría cos requisitos técnicos, económicos e ambientais exixidos pola normativa española e europea, a pesar de ter obtido unha declaración de impacto ambiental (DIA) favorable por parte do Goberno galego, tal e como lembra a plataforma. Ademais, a Eurocámara amosou en diversas ocasións as súas dúbidas sobre unha mina con elevados riscos contaminantes.

A propia multinacional recoñecera daquela que o argumento para vetala era a insolvencia técnica pero, sobre todo, a insuficiencia financeira. Edgewater non logrou reunir o 25% de fondos propios sobre o investimento do proxecto, uns 27 millóns de euros, e que foi a cantidade exixida o pasado mes de xullo pola Administración, cando paralizou temporalmente o plan mineiro. Non obstante, non foron os enormes riscos ecolóxicos e de valor económico para a comarca os que fixeron desistir ao Executivo, que xa outorgara o visto e prace ambiental á compañía a través da devandita Declaración de Impacto Ambiental (DIA), que agora queda sen efecto, segundo entende a plataforma, xa que varios expertos e mesmo o Valedor do Pobo esta declaración "estaba ligada ao proxecto".

A suspensión definitiva supón tamén que a DIA aprobada pola Xunta quede xa sen efecto

"Se queren iniciar con outro proxecto, terán que empezar de cero", asegura Braulio Amaro, un dos voceiros do colectivo, que advirte de que a empresa "xa está intentando" presentar outro plan mineiro que cumpra cos requirimentos exixidos. "Esta iniciativa está paralizada de todo, pero mentres siga habendo ouro en Corcoesto, por moi pequena que sexa a cantidade, as multinacionais vano seguir intentando, así que temos que estar en alerta e vixilantes", engade.

Tanto esta plataforma como outros colectivos, sindicatos e formacións políticas implicadas na loita contra a minería contaminante entenden que, á marxe da insuficiencia financeira, foi a presión social e cidadá contra o proxecto o que levou a que fose paralizado por parte da Xunta, que sempre mantivo que as intencións de Edgwater cumprían cos requisitos medioambientais e non supoñían risco para a comarca.

Os colectivos contrarios á mina advirten que seguirán "en alerta" ante as intencións das multinacionais de presentar outro proxecto

"Con esta resolución péchase a porta a un proxecto colonial, destrutivo e contaminante, incompatible coas activades económicas que se desenvolven nos concellos afectados e supón unha vitoria da cidadanía que por medio de numerosas e multitudinarias manifestacións, amosou un contundente rexeitamento a este tipo de actividades mineiras en Galicia", di a plataforma nun comunicado no que agradece a implicación de boa parte da sociedade "nesta loita" que "fixo visible a grave ameaza que este proxecto supoñía para a comarca". 

O proxecto de Edgwater contemplaba unha mina a ceo aberto de 95 metros de profundidade sobre o nivel do mar e ata 300 sobre o terreo para extraer uns 1,6 gramos de ouro por tonelada de rochas. Consumiría 128 quilogramos de cianuro e xeraría 4.000 toneladas de residuos que destaparían 250 quilos de arsénico por cada quilo deste material precioso. Un proxecto que ocuparía 800 hectáreas, pero que podería estenderse a case 90 quilómetros cadrados á vista dos permisos solicitados por Edgewater á Xunta.

Carta onde se comunica a paralización defintiva do proxecto mineiro de Corcoesto © Plataforma pola Defensa de Corcoesto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.