"Nin en Londres nin en Portugal, aborto legal na seguridade social"

Dominio Público Praza Pública

"As mulleres decidimos, o Estado garante, a sociedade respecta e a Igrexa non intervén". Deste xeito pechábase o manifesto da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, ao redor do cal milleiros de persoas participaron este solleiro domingo na manifestación que esixiu "aborto libre e gratuíto" e respecto "ao dereito das mulleres a decidir sobre a súa sexualidade e o seu corpo". A marcha partiu pouco despois das doce da estación de tren de Santiago de Compostela, para chegar á praza da Quintana á unha e media, despois de percorrer as rúas da cidade.

Como xa sucedera en anteriores mobilizacións feministas, a manifestación caracterizouse pola súa animación, ritmo e por unha sensación compartida de irmandade. A faixa da plataforma, composta por máis de 70 colectivos, entre partidos políticos, sindicatos e outras entidades sociais, abría a marcha, seguida pola da Marcha Mundial das Mulleres, e polas das restantes organizacions que apoian a reivindicación. "Abortos clandestinos, nunca máis", "Nós parimos, nós decidimos", "Gallardon, dimisión", "Nin en Londres, nin en Portugal, aborto legal na seguridade social", "Sexualidade non é maternidade, parir non é o destino da muller" e mesmo "Menos rosarios e máis bolas chinas", foron algúns dos moitos lemas que os milleiros de persoas que se sumaron á convocatoria berraron ao longo do percorrido.

Unha manifestación con moita, moita xente, mulleres e homes, que pon de relevo o maioritario rexeitamento social a unha reforma que segundo as enquisas publicadas, só conta co apoio do 16% da poboación, un apoio que mesmo entre os votantes do PP non supera o trinta por cento, e que nos menores de 65 anos rolda o dez por cento. Os extremistas, os radicais, coma en moitos outros temas, pero se cadra neste máis ca en ningún outro, están do outro lado, están no empeño teimudo en desposuír as mulleres do dereito a decidiren sobre a súa sexualidade e os seus corpos. Unha marcha nunha fin de semana que despois de tantas cicloxéneses anticipa a primavera, e que tamén supón o comezo dun ciclo de mobilizacións no que a defensa dos dereitos das mulleres será un dos asuntos protagonistas, pero non o único.

Xa na praza da Quintana, o acto foi conducido por Comba Campoi e Mónica Caamaño, que deron paso á lectura do manifesto e ás actuacións de As Boubas, Mercedes Peón, Uxía e Sés, e aos poemas lidos por Susana Aríns, Verónica Martínez. Caamaño citou a Lupe Gómez con "Quero abandonar a vida morta das princesas" para lembrar outras vidas mortas, coma as da "escravitude imposta por unha reforma laboral que leva as mulleres por diante" ou as da "destrución do sistema público de saúde, a destrución dos servizos sociais, a desaparición do dereito a unha vida digna".

No manifesto, lido por unha ducia de mulleres, destacouse que "están aquí as mulleres e os homes solidarios, que non imos consentir o retorno aos tempos escuros, de silencio e de medo. Temos a enerxía e a vontade de loitar, de manter un sistema no que se respecten os dereitos das mulleres. Continuaremos até que sexamos consideradas suxeitos de pleno dereito: nin sumisas, nin caladas nin tuteladas".

De igual xeito, lembrouse que coa reforma proposta polo PP, o 90% das mulleres que o pasado ano abortaron legalmente, terían que facelo de forma clandestina: "as que teñan recursos económicos sairán ao estranxeiro, as que non, poñerán en risco a súa saúde e a súa vida". Ademais, "a isto sumarase a vulnerabilidade e a inseguridade xurídica do colectivo de profesionais da sanidade", engadiron. Noutro momento do manifesto salientouse que no contexto da UE só Polonia, Irlanda e Malta teñen lexislacións que limitan o dereito ao aborto de xeitos semellantes a como o pretende facer o PP: "Queren impoñer un modelo de sociedade na que a función das mulleres é a reprodución".

Houbo tamén numerosas referencias á Igrexa católica e á súa xerarquía: "estamos ben preto da Catedral, estamos berrando forte e claro á porta dos nosos inimigos". E tamén ás "políticas machistas" do Partido Popular, en Madrid e Galicia: "comezaron pola eliminación de organismos coma o servio galego de igualdade, os centros de información e os centros de orientación familiar, poñendo impedimentos para acceder a métodos contraceptivos, xunto coa retrógrada lei de apoio ás familias, volvendo situarnos as mulleres na esfera doméstica". Sinalouse, igualmente, a "hipocrisía" do Partido Popular, "que di defender a vida mentres elimina escolas infantís, limita os permisos de paternidade ou o dereito á reprodución asistida, ademais de recortar os servizos sociais. De que vida falan no PP cando falan da vida?".

 

"Electoralmente pódelles facer dano seguir adiante coa proposta actual"

As voceiras da plataforma reiteraban este sábado, nunha rolda de prensa previa á mobilización, a súa firme intención de "seguir traballando no tempo até conseguir a retirada da contrareforma da Lei do aborto e que o dereito das mulleres a habitar os nosos corpos sen que ninguén nos diga como facelo sexa garantido na sanidade pública".

A Plataforma cre que é fundamental que se visibilice "a oposición á contrarreforma do aborto" para evitar así "que se soterre o debate" pola precampaña das eleccións europeas ou polas intencións do PP de rebaixar a polémica". Neste senso, Pilar Estévez considera que a principal (e case única) motivación que pode levar o PP a variar as súas posturas é a consecuencia electoral: "Hai cousas que se poden cuestionar porque electoralmente pódelles facer dano seguir adiante coa proposta actual; temen polo apoio social que poden perder". "Hai moita xente no PP que sabe que con esta reforma as mulleres non terán liberdade e que o que provoca pode condicionar a vida delas ou das súas fillas", engaden, "moitos cidadáns que votaron a dereita non eran conscientes ou non agardaban unha contrarreforma coma esta".

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.