Rebenta unha das balsas de residuos da canteira do Monte Neme

Balsa de residuos do Monte Neme, entre Carballo e Malpica © http://artabron.blogspot.com.es/

Unha das balsas de residuos da antiga canteira do Monte Neme (entre Malpica e Carballo) rebentou esta madrugada, provocando un aluvión de auga, lama e pedras que arrasou varias leiras nos lugares de Aviño (Malpica) e Razo da Costa (Carballo) e que se dirixe á praia de Aviño. A balsa contiña 23 mil metros cúbicos de auga. A riada chegou a ameazar a integridade dunha vivenda e obrigou a cortar unha estrada. Nos últimos meses varios colectivos alertaran en varias ocasións do perigo de rebordamento e o propio Concello de Carballo informara da situación á Consellaría de Industria, sen resultados. 

A canteira abandonada carecía dun plan de seguridade. Hai poucas semanas, a comunidade de montes de Razo (propietaria da maior parte dos terreos nos que se sitúa a canteira) alertou unha vez máis da falta de seguridade existente nas balsas da antiga canteira, sinalando especialmente que unha das balsas corría un serio perigo de rebordar ou romper. A insistencia dos responsables municipais do Concello de Carballo, que en varias ocasións se dirixiron ao departamento de Minas da Consellaría de Industria fixo que o pasado mes de marzo técnicos da Xunta acudiran ao lugar para inspeccionar o terreo. Porén, despois de case un ano, nou se produciu actuación ningunha, nin sequera a sinalización do perigo que existía mesmo para unha persoa que paseara polo lugar.

En abril a Consellaría de Industria afirmou que obrigaría a concesionaria da canteira a tomar as medidas de seguridade necesarias e a cumprir co seu plan de obras. Porén, a empresa concesionaria da antiga canteira e responsable polo tanto da balsa de residuos ten sede en Valencia e atópase en concurso de acreedores.

Neste senso, AGE vén de denunciar os “riscos privados que paga toda a cidadanía”. Para Antón Sánchez, esta desfeita medioambiental ilustra a “privatización de beneficios e a socialización dos riscos tan habitual no neoliberalismo". “Todos teremos que pagar os danos”, advirte Sánchez, que tamén lembra os avisos da veciñanza do lugar: “Hai máis dun ano que se denunciara a situación”, engade, “e daquela a Dirección Xeral de Minas da Xunta prometeu un plan de seguridade. O pasado decembro aínda non existía. Xa chega tarde”.

Antón Sánchez lembra tamén que a acumulación de resisuos en balsas son o modelo de xestión de refugallos proposto para a mina de Corcoesto: “Este é o modelo que o PP defende para a mina de Corcoesto, tamén na Costa da Morte, só que, a maiores, con cianuro. Insisten en que non hai ningún perigo. O que aconteceu a pasada noite en Monte Neme abonda para desmontar ese discurso irresponsábel que só responde aos intereses colonizadores encarnados no proxecto de Corcoesto”. Unha crítica semellante realiza a Plataforma cidadá Salvemos Cabana, que a través de twitter, vén de sinalar que "as balsas mineiras nunca rebentan. Ata que o fan"

Balsa de residuos do Monte Neme, entre Carballo e Malpica © http://artabron.blogspot.com.es/
Unha gran masa de auga, lama e pedras arrasou varias leiras en dirección á praia de Aviño © @man_rial
Praia de Aviño Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.