Os opositores a Porto Cabral demandan xudicialmente a directiva da comunidade de montes

Intervención da xunta reitora da Comunidade de Montes de Cabral Dominio Público O monte non se vende

Os comuneiros opostos á actual xunta reitora da Comunidade de Montes de Cabral veñen de anunciar a presentación dunha demanda xudicial contra a directiva, á que acusan de "escurantismo e falta de transparencia" na súa xestión e na presentación de contas, e de que se "negou a informar sobre as operacións inmobiliarias e gastos que realizou durante os dous últimos exercicios". As contas correspondentes a 2013 presentan un deficit de máis de dous millóns de euros.

Este grupo opositor conta con 276 sinaturas de comuneiros que asistiron á Asemblea Xeral celebrada o pasado 1 de decembro de 2013 e votaron en contra das contas, balance e xestión do ano 2012 e 2013 presentadas pola Xunta Directiva, unha maioría dos 520 asistentes á devandita asemblea. As contas dos dous últimos anos foron aprobadas polo presidente Luís Rodríguez, segundo os opositores, "de maneira presuntamente ilegal, a man alzada e facendo caso omiso dunha maioría que indignada pedía explicacións polos máis de tres millóns de euros que están sen xustificar adecuadamente".

Este grupo de comuneiros tamén sinalan que entre o 1 de xaneiro en 2012 e o 30 de setembro de 2013 a Xunta Directiva da Comunidade de Montes Veciñais de Cabral comprou terreos por valor de 2.171.959,58 euros, pero "négase a xustificar onde, a quen, para que e a que prezo comprou". Ademais, denuncian, "realizou estas operacións sen contar coa autorización previa da Xunta de Galicia ni co visto e prace dos comuneiros, esixidos pola lexislación de montes". O grupo opositor ten fundadas sospeitas de que boa parte deste desfasamento se debe á compra de terreos en Liñeiriños (o orzamento para a compra de terreos era de 350 mil euros e o gasto foi de 2,1 millóns de euros).

Ademais, durante o ano 2013 la Xunta Directiva incorreu nun déficit de máis de dous millóns de euros, superando nun 175% o que a propia Xunta Directiva previra no seu orzamento, presentado en abril. Os comuneiros opositores acusan finalmente a Xunta Directiva de "irregularidades contables", pois aprobou as contas de 2013 "antes de que finalizase o exercicio, e altera o resultado negativo disfrazando como supostos investimentos o que, en realidade, non é máis que gasto e dilapidación". O desfase é de 705.195 euros en 2012 e de 1.371.958 nos nove primeiros meses de 2013, reducíndose o saldo económico da Comunidade de Montes dende os 6.636.239 euros cos que contaba o 31 de decembro de 2011 até os 2.992.928 que recoñece na actualidade. Ademais das dúbidas existentes sobre a devandita compra de terreos, denúnciase o incremento do gasto en persoal (pasa de 244 mil euros a 347 mil) e na piscina que xestiona a Comunidade (pasa de 99 mil euros a 212 mil), ou o gasto de 10 mil euros en teléfono.

Solicitan "o auxilio xudicial" para "deter o negocio inmobiliario que a Xunta Directiva está a realizar co monte e patrimonio dos veciños"

Este grupo de comuneiros relaciona estas irregularidades coa "connivencia da Xunta Directiva co proxecto de Porto Cabral, dirixida a burlar mediante feitos consumados o rexeitamento maioritario manifestado democraticamente polos comuneiros". Un proxecto que a pesar de xa ter sido rexeitado polos comuneiros nunha votación, segue en marcha, co apoio do Concello e da Xunta Directiva da comunidade de montes. É por isto -explican- que solicitan "o auxilio xudicial", co fin de "deter o negocio inmobiliario que a Xunta Directiva está a realizar co monte e patrimonio dos veciños".  "Imos seguir adiante co proceso xudicial para clarificar a nefasta xestión dos dous últimos anos e estamos convencidos de que aínda que a xustiza vai lenta, finalmente daranos a razón", conclúen.

Intervención da xunta reitora da Comunidade de Montes de Cabral Dominio Público O monte non se vende
Protestas no interior do IFEVI Dominio Público Praza Pública
O monte de Liñeiriños (Vigo) Dominio Público O monte non se vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.