"A solución de Ferrol Vello? Fai falla un proxecto de cidade"

Captura de pantalla no Street View da rúa Carmen Curuxeiras © Google

O pasado 16 de xaneiro eran desaloxados catro inmobles do barrio de Ferrol Vello por perigo de derrubo da fachada do número 12 da rúa Carmen Curuxeiras. Os focos dos medios fixáronse de novo na realidade dun barrio popular, de orixe medieval e trazado mariñeiro, declarado hai tres anos Ben de Interese Cultural (BIC), pero no que non se detén a degradación iniciada hai décadas. 

Aínda que perdeu as arquitecturas medievais primitivas, o barrio conserva todo o seu tecido viario orixinal e unha gran parte do seu casarío identifícase cos elementos significativos das vilas mariñeiras. Ferrol Vello é, en esencia, un barrio mariñeiro, unha das escasas portas da cidade cara ao mar, no peirao de Curuxeiras; unha alma mariñeira visíbel nas vivas cores das fachadas escachadas, e nas gamelas que peteiran contra o dique de atraque. Porén, o tempo pasa na súa contra, as casas seguen caendo sen que dende o Concello se inicien accións decididas que freen esta decadencia, e sen que se albisque unha planificación, un plan de futuro para Ferrol Vello.

Despois dun "ano crítico no que o estado do barrio empeorou de xeito acelerado”, a Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello vén de anunciar que reanuda a súa actividade, convocando unha asemblea para o vindeiro 8 de febreiro na que informará os veciños dos mecanismos dispoñibles. A comisión critica a “desidia” dos propietarios e dos poderes públicos, pois "o Concello dispón de ferramentas máis que suficientes para facer cumprir os seus deberes aos propietarios”. Ente esas posibles accións que lle reclaman ao Goberno municipal está a execución da ordenanza de Inspección Técnica de Edificios, o rexistro de predios, a ordenanza de rehabilitación e conservación aprobada hai un ano e, finalmente, a expropiación ou venda forzosa de inmobles, tamén contemplada na lexislación.

Os propios veciños, en varias ocasións, pedíronlle ao Concello que incluíse un total de 38 inmobles en ruínas no rexistro de predios, pero a actuación da administración local limitouse nestes tres últimos anos a apuntalar algunhas fachadas e a remitir algúns requerimentos a propietarios para que realizasen as obras de rehabilitación pertinentes, o que non sempre cumpriron. A Comisión afirma que "esta falta de esixencia supón un premio para aqueles propietarios que levan décadas deixando caer as edificacións sen asumir ningunha responsabilidade". Tamén demandaron investimentos no barrio, un esforzo económico para buscar a súa recuperación. Ademais das críticas ao Concello, os veciños culpan tamén da situación á "inacción da Xunta", que “non actuou en consecuencia e deixou pasar o tempo sen intervir en ningún sentido”.

 

Tres anos de declaración BIC

A declaración BIC foi un logro acadado despois de anos de reivindicación. A resolución inicial da Consellaría de Cultura, en 2009, sinalaba que "urxe manter e conservar este espazo no mellor estado, porque só a súa existencia, a súa localización no extremo occidental da poboación, o seu rueiro espontáneo e irregular, a súa discreta amplitude e a variada tipoloxía das súas vivendas serven de perfecto contrapunto para valorar tamén a novidade, o racionalismo e o mellor nivel urbano do veciño barrio da Madalena". 

Dende algúns sectores mesmo se chegou a culpar nos últimos tempos á propia declaración BIC de "bloquear" a posta en marcha de accións de reforma no barrio. Porén, a propia Comisión veciñal sinala que “culpar o BIC da inacción dos propietarios e da propia administración é unha mala excusa”. O mesmo pensa o arquitecto Xosé Allegue (COAG), cunha ampla experiencia de asesoramento e investigación sobre o proceso de Ferrol Vello: "Hai moita demagoxia e opinións interesadas, porque que se diga que a declaración BIC prexudica a declaración de Ferrol Vello é unha falacia. Porque a declaración BIC o único que fai é obrigar a que se recupere dun determinado modo, é dicir, respectando a tipoloxía construtiva e outros elementos".

 

"Fai falla un proxecto de cidade"

"Agora o motor da cidade desapareceu, desapareceu a súa identidade, e cómpre desenvolver un proxecto alternativo. Para quen rehabilitas casas se non hai ninguén que queira ir vivir ou traballar alí?"

O problema de Ferrol Vello é complexo, pero Xosé Allegue agrupa todas as súas vertentes en dúas cuestións. A primeira, económica: "esta é unha cidade cunhas altísimas taxas de desemprego, cun baixo nivel de ocupación, que perde habitantes, na que a xente nova marcha, cunha poboación envellecida... Fai falla un proxecto de cidade, un proxecto de vocación económica, como o houbo en tempos, dende a cidade ilustrada até a cidade naval". E conclúe: "Agora o motor da cidade desapareceu, desapareceu a súa identidade, e cómpre desenvolver un proxecto alternativo. Para quen rehabilitas casas se non hai ninguén que queira ir vivir ou traballar alí?".

Como vai recuperarse o centro se se segue favorecendo o crecemento da cidade periférica, como pode ser o desenvolvemento do Boial?

O segundo, de planificación urbanística: "a segunda cuestión está relacionada coa actividade urbanística na periferia das cidades e co financiamento dos concellos, que obteñen gran parte dos seus ingresos das taxas urbanísticas. Como vai recuperarse o centro se se segue favorecendo o crecemento da cidade periférica, como pode ser o desenvolvemento do Boial? Por que se está desenvolvendo Boial nestes momentos? Porque hai un construtor compostelán que ten liquidez, e mércalle a Metrovacesa todos eses terreos cando Metrovacesa cae. E no Concello, encantados: constrúese unha morea de vivendas e faise un investimento público en crecemento disperso e difuso da cidade, en vez de concentrar o investimento na cidade central". E conclúe: "Se xa hai pouca xente que queira vivir en Ferrol e para colmo ti estás facendo vivendas na periferia, pois o centro degrádase e abandónase. E así levamos trinta anos". 

"Hai que falar de urbanismo, de planeamento urbano, social, económico, ten que haber unha estratexia. O que pasa é que esta cidade leva moitos anos moi mal gobernada"

Para Allegue "hai que falar, máis que se rehabilitación, de rexeneracion urbana integral. Hai que falar de urbanismo, de planeamento urbano, social, económico, ten que haber unha estratexia. O que pasa é que esta cidade leva moitos anos moi mal gobernada. Cando foi concelleiro Miguel Reimúndez houbo un intento de facer algo, pero a cousa non callou". O arquitecto sinala que "o problema dos procesos de recuperación urbanos é que son procesos lentos, que levan catro, cinco ou seis lexislaturas. Se ti queres facer un patrimonio de vivenda pública en aluguer, que para min é unha cuestión clave, tes que facelo no centro das cidades, e isto é algo que xa en Catalunya, Euskadi ou Andalucía hai anos que se vén facendo, en vez de facer promocións de vivenda pública nos arredores das cidades".

 

"Un proxecto de varias lexislaturas"

Allegue conclúe que "hai que ter un proxecto alternativo e vontade, hai que facer transversalidade, o que non é habitual na política, transversalidade entre áreas de goberno e tamén entres administracións". En canto á economía, "hai que apostar por novos sectores, ligados ás novas tecnoloxías, ligados por exemplo ao que ofrece a universidade. A Escola de Deseño Industrial de Ferrol é do mellorciño que hai en España".

E en canto á planificación urbanística, "hai que facer contas". "O Concello, cos cartos que leva gastados na última reforma da Praza de España, mercaba medio Ferrol Vello. Cantos son? Dous, tres, catro millóns de euros? Con iso mercas sete ou oito edificios de Ferrol Vello, rehabilítaos e fas vivenda social alí. E hai que empezar por aí, cunha estratexia de recuperar primeiro unha rúa, despois outra, despois outra, e se cadra en dúas ou tres lexislaturas tes o barrio en condicións", propón. "Se o que triunfa son propostas coma as do propietario da fábrica de lápices, que tira con todo para facer unha iniciativa de vivenda nova xusto no borde de Ferrol Vello, pois iso dinamita as posibilidades de recuperación, porque así ese mercado queda anulado".

"Hai que empezar por aí, cunha estratexia de recuperar primeiro unha rúa, despois outra, despois outra, e se cadra en dúas ou tres lexislaturas tes o barrio en condicións"

Como sinalaba o propio Allegue nun artigo publicado en La Voz de Galicia hai un tempo, cando se debatía a conveniencia ou non de derrubar a histórica Fábrica de Lápices (finalmente derrubada), situada en Ferrol Vello, para construír un conxunto de vivendas novas no lugar: "O que está en xogo é moito máis que Fábrica de Lápices sí ou Fábrica de Lápices non. O que está en xogo é o modelo de cidade que queremos para Ferrol".

CC-BY-NC-ND clyde scq
© milrios_gz
CC-BY-NC-SA Lydia gonzález dios
© Enrique Fidel
CC-BY-NC-SA Samuel

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.