Os abortos que o PP prevé ilegalizar custan no estranxeiro entre 550 e 6.400 euros

Un centro de Marie Stopes, no Reino Unido © El Diario

Se finalmente entra en vigor o proxecto da nova lei do aborto aprobado hai unha semana polo Goberno que preside Mariano Rajoy, o 91% das 112.390 mulleres que interromperon o seu embarazo o ano pasado no Estado -o 97%, no caso galego- sen necesidade de xustificar a súa decisión veríanse inmersas nunha morea de trámites para certificar que seguir coa xestación supón un risco para a súa saúde física ou mental. Asociacións de médicos e especialistas, e de defensa dos dereitos da muller aseguran que, ante tantas complicacións, as mulleres acudirán a métodos clandestinos.

Se teñen medios económicos, marcharán a países como Reino Unido ou Francia, onde existen leis de indicacións e prazos similares á Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo que está actualmente en vigor en España.

En Reino Unido, onde habitualmente viaxaban as españolas cando o aborto era ilegal, someterse a unha interrupción voluntaria do embarazo pode custar entre 550 e 700 euros, dependendo de se é farmacolóxico -antes das 9 semanas- ou de se se usa ou non sedación ou anestesia xeral. Son datos facilitados por Marie Stopes, unha organización internacional de planificación familiar con numerosos centros en Reino Unido onde ofrecen servizos para a atención á saúde sexual e reprodutiva, entre eles, interrupcións voluntarias do embarazo. Os seus centros realizan un terzo do total dos abortos que se practican no país.

No Reino Unido a intervención custa ata 700 euros, aos que habería que sumar a viaxe e o aloxamento

Ao custo da intervención habería que sumar os case 100 euros que vale a consulta médica previa e necesaria para efectuar todas as análises. Segundo sinalan desde Marie Stopes, é recomendable un día de repouso despois da intervención se se vai viaxar, polo que é necesario contar polo menos con dous días de aloxamento, que, dependendo da cidade, o prezo pode oscilar entre os 40 e 60 euros -os máis económicos- por noite en habitación dobre. Todo iso sen ter en conta o desprazamento até Reino Unido.

Neste país, a lei permite a interrupción voluntaria do embarazo dentro das primeiras 24 semanas por razóns de saúde, sociais e económicas -en Irlanda do Norte só está permitido cando hai grave risco para a muller ou malformacións fetais-. Dous médicos teñen que estar de acordo pero, segundo sinalan desde a Federación Internacional de Planificación Familiar, non existen trabas para estes ditames e na práctica é similar a unha lei de prazos. Máis aló das 24 semanas, o aborto está permitido sen límite de tempo cando estea en perigo a saúde da nai e en caso de graves malformacións fetais.

En Francia é máis caro

En Francia, a lei permite abortar de forma libre dentro das primeiras 12 semanas de embarazo. Máis aló deste tempo tamén é posible facelo se está en perigo a saúde da nai ou se hai unha grave malformación fetal -indicación que non permite o borrador da lei aprobada polo PP-, e así o certifica un comité clínico.

Alí acoden ás veces mulleres españolas cuxos casos están fóra do marco xurídico actual -alén das 22 semanas, un comité clínico debe certificar en España que o feto ten graves anomalías incompatibles coa vida ou extremadamente graves ou incurables-. Un aborto neste prazo en Francia pode chegar a custar ao redor dos 6.400 euros nun hospital público, segundo a información facilitada pola Clínica Dator, o primeiro centro en España en ser acreditado para realizar estas intervencións.

O centro médico elixido é o Hospital Paule de Viguier de Toulouse, non só pola súa proximidade con España, senón pola súa "solvencia e prestixio na realización deste tipo de intervencións", explica Olga Sancho, portavoz de Dator. A muller que se vise obrigada a acudir a este centro debe enviar previamente un correo electrónico ao comité clínico do centro presentando o seu caso. Toda a documentación -carta explicativa, historial da muller, probas diagnósticas...- debe estar en francés. Se se descoñece o idioma, recoméndase contratar os servizos dun tradutor xurado.

En 2012, 31.244 mulleres abortaron no Estado por risco de graves anomalías fetais, cuxos casos non estarían amparados na lei que impulsa o PP

O comité clínico responderá nun prazo máximo de dous días e, se é aceptado en menos dunha semana, pode levar a cabo a intervención. É imprescindible ter o cartón sanitario europeo e o DNI. A muller debe pagar os gastos derivados da hospitalización e do tratamento, que cada día poden ascender a 1.600 euros, e calcúlase que son necesarios entre tres e catro días de estancia. Todo o proceso pode chegar a custar 6.400 euros, sen contar o aloxamento e o desprazamento.

En 2012, 31.244 mulleres abortaron en España por risco de graves anomalías fetais, cuxos casos non estarían amparados polo recentemente aprobado anteproxecto de Lei Orgánica para a Protección da Vida do Concibido e dos Dereitos da Muller Embarazada, e que, por tanto, poderían verse obrigadas a viaxar a Francia. Se teñen os medios económicos para custear a intervención e a viaxe, claro.

Un centro de Marie Stopes, no Reino Unido © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.