O 27% da poboación galega en 2023 terá máis de 65 anos

Un neno, con dúas anciás nun centro de maiores © CEIP 2 de Tui

O IGE vén de publicar un resumo dos indicadores de lonxevidade, que certifican que o índice de envellecemento de Galicia continuará crecendo, consolidándose como unha das cuestións fulcrais ás que a política, a economía e calquera estreatexia social deberán responder nos vindeiros anos. A porcentaxe de poboación de 65 ou máis anos con respecto ao total de poboación de Galicia aumenta ano tras ano. Na actualidade representa en torno ao 23%, máis de cinco puntos superior á media española (17,7%), e con maior incidencia nas provincias de Lugo e Ourense (28 e 29 por cento, respectivamente) que na Coruña ou Pontevedra (22 e 20 por cento).

As proxeccións para 2023 indican que o peso da poboación maior de 65 anos seguirá crecendo en Galicia, até situarse no 26,9% dentro de dez anos, mentres que en todo o Estado representará o 22%. De novo serán as provincias de Lugo (30,7%) e Ourense (32,5%) as máis envellecidas, por diante da Coruña (26,5%) e Pontevedra (24,4%).

As proxeccións para 2023 indican que o peso da poboación maior de 65 anos seguirá crecendo en Galicia, até situarse no 26,9% dentro de dez anos, mentres que en todo o Estado representará o 22%

Un indicador utilizado para medir a evolución deste colectivo no tempo é o denominado Índice de envellecemento, que relaciona a poboación de 65 ou máis anos con respecto a cada 100 persoas menores de 20 anos. Mentres que en España este indicador mantén na actualidade certa estabilidade en torno ao valor 85, en Galicia presenta un continuo incremento ata superar o valor 145 no ano 2012; as previsións apuntan na mesma dirección de incremento na seguinte década, chegando a tomar valores superiores a 170 no ano 2023.

Dentro do colectivo de persoas maiores de 65 anos tamén crecerá o peso dos maiores de 85 anos, que na actualidade representan o 15,5%, e que en 2023 serán o 20,1%. Isto fará que tamén continúe crecendo o chamado Índice de sobreenvellecemento, que calcula a porcentaxe que representa a poboación de 85 ou máis anos sobre o grupo de 65 ou máis anos. En paralelo, tamén se incrementará o Índice de dependencia senil, que calcula cantos individuos de 65 ou máis anos viven nun territorio por cada 100 persoas en idade potencialmente activa (de 15 a 64 anos). Na actualidade, este índice rolda o 34% e en 2023 superará o 43%.

Os galegos e galegas de 65 ou máis anos viven maioritariamente en fogares compostos unicamente por persoas dese grupo de idade, nunha porcentaxe que supera o 54%, e que en Ourense se dispara até o 64%. Estes fogares compostos por persoas de 65 ou máis anos son maioritariamente unipersoais (53%), por diante daqueles formados por unha parella (41%).

Os homes menores de 75 anos reciben 15.508 euros, fronte aos 10.977 das mulleres. Por riba desa idade, os homes levan 12.368 euros e as mulleres só 9.829

O número de pensionistas de 66 ou máis anos en Galicia supera o medio millón de persoas desde o ano 2009. O importe medio anual desas pensións é inferior en Galicia que no conxunto de España, e tamén se detectan importantes diferenzas entre homes e mulleres. Así, os pensionistas galegos entre 66 e 75 anos cobran 13.452 euros anuais, fronte aos 15.471 da media española. A fenda mantense a partir dos 75 anos (10.878 euros fronte a 12.144). Os homes menores de 75 anos reciben 15.508 euros, fronte aos 10.977 das mulleres. Por riba desa idade, os homes levan 12.368 euros e as mulleres só 9.829. 

O 77% dos galegos e galegas maiores de 65 anos contan cun nivel de instrución equivalente aos estudos primarios, fronte a unha media do 68% no conxunto de España. A porcentaxe de poboación maior analfabeta é inferior en Galicia (4,3% fronte ao 6,7%), pero tamén é inferior a proporción de poboación con estudos secundarios ou superiores (18% en Galicia, 25% no conxunto do Estado). Este factor, unido a outros (implantación da banda larga ou factores económicos), explica que entre os galegos e galegas maiores de 65 anos se rexistre un uso das novas tecnoloxías, ordenador e internet, inferior ao do resto de España. Porén, os galegos maiores de 65 anos utilizan máis o teléfono móbil.

A porcentaxe de poboación maior analfabeta é inferior en Galicia (4,3% fronte ao 6,7%), pero tamén é inferior a proporción de poboación con estudos secundarios ou superiores (18% en Galicia, 25% no conxunto do Estado)

A esperanza de vida aos 65 anos en Galicia, entendida como unha estimación do promedio de anos que lle queda por vivir a unha persoa que chega con vida aos 65 anos no ano de referencia, no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes e semellantes ás do ano de referencia, chegou no ano 2011 aos 21,3 anos. As principais causas de defunción das persoas de 65 e máis anos en Galicia, foron en 2011 as enfermidades do sistema circulatorio, co 32,4% das defuncións, e os tumores, co 27,8%. 

Un neno, con dúas anciás nun centro de maiores © CEIP 2 de Tui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.