Alternativas reais para que os concellos se 'libren' de Sogama

Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama

En plena polémica pola suba do canon de Sogama, a rebelión dos alcaldes contra o incremento da taxa e as críticas a un modelo "esgotado", xorden iniciativas que lembran que os concellos poden facer moito máis para reducir a dependencia da planta de Cerceda e non quedar só nunha única reivindicación económica. A compostaxe progresiva é a clave.

Así o recorda Adega, que lembra que hai maneiras de "reducir, reciclar e aforrar nos custos do lixo desde o minuto un". A asociación ecoloxista insiste unha vez máis en que a aposta por modelos "máis ecolóxicos, económicos e solidarios" na xestión dos residuos "non é só unha cuestión de cartos". Segundo vén recoñecendo a propia Sogama nas súas memorias, a planta recicla menos do 2% dos residuos que lle chegan á planta de Cerceda, fronte á media do 24% na UE, e ademais incinera máis da metade do lixo, para levar directamente ao vertedoiro o 47% dos refugallos. No entanto, na actualidade hai máis de 290 concellos galegos que dependen deste sistema cuxa taxa vai subir en marzo do vindeiro ano.

Sogama case non recicla e cisca directamente no vertedoiro a metade do lixo que recibe

Os municipios, que até agora pagaban 61,5 euros por tonelada de refugallos tratada, pasarán a abonar máis de 80 tras a suba dun 34% imposta pola Xunta aos municipios. A orixe desta suba está na necesidade de Sogama de equilibrar as súas contas. A incineradora de Cerceda veu reducidos os ingresos que obtén pola venda da electricidade nuns 13 millóns de euros anuais, tras a decisión do Goberno de Mariano Rajoy de eliminar as primas ás renovables. Gas Natural-Fenosa, que posúe o 49% de Sogama, non quere aceptar unha baixada nos beneficios da incineración, e a Xunta tampouco se quere facer cargo das perdas xeradas polo sistema de tratamento de residuos que promove. Ao final, pagarán os concellos e, ben seguro, os cidadáns.

Malia os intentos de chegar a un acordo, o que parecía un pacto pechado entre Xunta e Fegamp para atrasar esta suba ata xuño non foi tal. Agora, máis de cen concellos de Galicia rebélanse contra o incremento da taxa, anuncian mobilizacións e recursos xudiciais e advirten de que están dispostos a declararse insubmisos ao pago. É a resposta que lles queda ante a dependencia que teñen dun sistema que leva anos fracasando.

"A rebelión dos concellos non pode ficar só nunha cuestión económica; trasladar a presión á Xunta para moderar o 'taxazo' non pode ser o único obxectivo"

Pero Adega considera que "con valentía político e compromiso coa cidadanía" pódense pór en marcha iniciativas para reducir "dende xa" esta independencia e "desengancharse" da planta de Cerceda. "A rebelión dos concellos non pode ficar só nunha cuestión económica e trasladar a presión á Xunta para moderar o taxazo non pode ser o único obxectivo destes municipios afogados por un modelo ruinoso", di nun comunicado.

 

Tres medidas para aforrar e acabar saíndo de Sogama

Ante esta situación, a asociación ecoloxista recomenda unha serie de medidas de baixo custo que permitirían aos concellos reducir a dependencia de Sogama e aforrar máis dun 50% na factura do lixo "desde o primeiro momento e sen saír (aínda) de Sogama". A primeira das recomendacións é poñer en marcha iniciativas de compostaxe doméstica e comunitaria que permitan "reducir a materia orgánica" e que supón máis do 50% do lixo xerado. "Isto permitiría reducir inmediatamente o que os concellos e cidadanía pagan á sociedade, e investir o aforrado na mellora do sistema de recollida (implantando o porta a porta das demais fraccións) e de tratamento (plantas locais de compostaxe)".

Adega propón medidas que permitirían aforrar máis dun 50% na factura do lixo "desde o primeiro momento e sen saír (aínda) de Sogama"

Tamén aposta Adega por medidas a curto-medio prazo, como "habilitar unha área local de compostaxe cunha tecnoloxía moi sinxela e barata (compostaxe en pilas)", acompañada dunha recollida selectiva porta a porta e enviando a Sogama só a fracción resto. "Cunha boa recollida selectiva entregariase a Cerceda o 15% do que se lle envía hoxe, co correspondente aforro económico", lembra.

Xa a medio-longo prazo, o colectivo ecoloxista propón a creación de plantas comarcais ou mancomunadas de compostaxe que permitirían aos concellos "desvencellarse totalmente de Sogama". Lembra, ademais, que xa hai numerosas liñas de financiamento, especialmente a nivel europeo, para unhas instalacións onde se xestionarían tamén os plásticos e envases, "outra fonte importante de ingresos (punto verde), alén da fracción orgánica". A planta de Lousame, á que se vai mudar o Concello de Rianxo, é un exemplo alternativo.

O colectivo aposta pola compostaxe gradual e progresiva ata a creación de plantas comarcais que permitan "desvincularse totalmente de Sogama"

"Os concellos teñen o deber e a responsabilidade de promover unha xestión máis sustentábel dos recursos e queda demonstrado que os residuos son un recurso económico de primeiro nivel", engade Adega, que cre que o lixo "converteuse nun problema" tan só porque "Sogama e Gas Natural Fenosa querían ter o monopolio da súa xestión e lucrase con el". "Daquela, desengancharse de Sogama é posíbel; só a ineptitude e/ou a corrupción teiman neste ruinoso modelo", remata. Mentres, Pedro Puy, voceiro do PP no Parlamento, cre que "hai poucos alternativas" á planta de Cerceda e que as que hai "non están demostrando ser máis eficientes nin máis económicas". A Xunta, pola súa banda, rexeita renegociar o canon e só dá dúas opcións: "ou asumir o canon ou abandonar".

Centro de compostaxe © ADEGA
Imaxe dunha das xuntanzas de alcaldes sobre Sogama © Concello de Monforte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.