A Lei do Solo que vén: menos protección para o medio e legalización de minas e canteiras sen licenza

Canteira en Triacastela © Triacastela Viva

Xa se coñece o borrador da reforma da Lei do Solo que promove o Goberno galego, e que substituirá a norma existente, que data do ano 2002. A proposta caracterízase polo seu carácter liberalizador e descentralizador, reducindo a protección dos solos rústicos, facilitando a realización de actividades económicas en solo protexido, dotando os concellos de maior competencia no eido urbanístico, e reducindo de seis a tres anos o prazo para a tramitación dos plans urbanísticos. Ademais, créase a figura do planeamento básico para aqueles municipios cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, que non conten con ningún instrumento de planeamento xeral.

Serán legalizadas, sen sanción ningunha. todas aquelas canteiras, minas, aserradeiros e fábricas que até o de agora viñan funcionando sen licenza en solo rústico protexido

Outro dos aspectos máis rechamantes é a previsión de que serán legalizadas, sen sanción ningunha. todas aquelas canteiras, minas, aserradeiros e fábricas que até o de agora viñan funcionando sen licenza en solo rústico protexido. A única condición é que a súa actividade fose anterior ao 1 de xaneiro de 2003. Na Disposición Transitoria Sétima especifícase que "bastará co recoñecemento da dirección xeral con competencia en materia de minas" do seu funcionamento anterior a esa data, para as situadas en solos sen protección, e a aprobación por parte do Consello da Xunta para as que estean en solo protexido. Esta disposición transitoria tamén prevé que "a implantación de novas explotacións e actividades extractivas" dependerá da aprobación do novo Plan Sectorial de Actividades Extractivas.

Segundo a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, "a nova lei busca potenciar o medio rural como territorio xerador de riqueza e atractivo para vivir". A Xunta engade que a norma constitúe unha "aposta decidida polo solo rústico como solo produtivo, nomeadamente acolledor de usos turísticos potenciadores do medio, fomentando os usos económicos e mantendo a prohibición de usos industriais e residenciais non vinculados a explotacións agropecuarias". Porén, na nova Lei do Solo proposta polos populares non está presente o solo de especial protección agropecuaria, o que é interpretado como un prexuízo para o sector agrario. Deste xeito, vanse pode empregar solos agrícolas, hoxe dedicados á produción de alimentos, para outro tipo de actividades.

Na nova Lei do Solo proposta polos populares non está presente o solo de especial protección agropecuaria, o que é interpretado como un prexuízo para o sector agrario

No artigo 37 da lei de 2002, especificábanse os usos permitidos neste tipo de solos de especial protección agropecuaria, unha categoría pensada para "preservar os terreos de alta produtividade e garantir a utilización racional dos recursos naturais e o desenvolvemento urbanístico sustentable". A Xunta xustifica a eliminación deste tipo de protección na procura dunha norma "máis áxil, clara, mellor estruturada e máis sinxela".

O borrador tamén fai fincapé, segundo destaca a consellaría, "na loita contra o feísmo" e prohibirá que haxa vivendas que, unha vez construídas, deixen o ladrillo ao aire. Porén, a norma elimina as referencias que si estaban presentes na lei de 2002 sobre as características que debían ter as vivendas construídas en solos rústicos: altura, cor da fachada, materiais empregados...

Canteira en Triacastela © Triacastela Viva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.