A policía desaloxa Elisabeth Sanlés da súa vivenda e detén seis persoas

Elisabeth Sanlés e a súa sobriña encadeáronse na súa vivenda Dominio Público Stop Desafiuzamentos A Coruña

Consumouse a expulsión de Elisabeth Sanlés da súa vivenda no barrio do Castrillón, na Coruña. Un novo desafiuzamento, entre os milleiros que se producen cada ano (no conxunto do Estado ao redor de vinte mil no primeiro trimeste de 2013, 216 por día), pero este particularmente cruel (a muller ten tres fillos pequenos e sofre fibromialxia) e aparatoso. Na operación participaron nove grileiras da policía nacional, que dende antes das nove da mañá ocuparon as tranquilas rúas do barrio, para evitar que a concentración convocada para esa hora por Stop Desafiuzamentos rodease a vivenda.

Arriba, na vivenda, Sanlés encadeouse xunto cunha sobriña para tentar evitar o desaloxo, acompañadas ambas por cinco activistas de Stop Desafiuzamentos. Ás dez da mañá, hora anunciada da expulsión, os axentes entraron no edificio e na vivenda, abrindo a porta cunha radial e cortando igualmente as cadeas que suxeitaban as mans da muller. Tanto ela coma a súa sobriña saíron esposadas do edificio, xunto cos cinco activistas, que foron detidos, ao igual que a sobriña de Sanlés. As grileiras abandonaron o lugar en dirección á oficina policial de Lonzas, entre os berros dos concentrados, que reivindicaban que "ter casa é un dereito".

Elisabeth Sanlés sofre fibromialxia e cobra 216 euros ao mes, polo que non pode facer fronte ao pago do aluguer. Nun primeiro momento, xusto despois da expulsión, foille comunicada a noticia de que o departamento de Servizos Sociais do Concello da Coruña lle podería ter conseguido unha vivenda provisional, despois de varios meses de non ofrecerlle máis alternativa que unha estadía temporal na residencia católica de Padre Rubinos. Porén, segundo informan dende Stop Desafiuzamentos, Sanlés foi obrigada a ingresar nunha residencia de acollída, onde será obrigada a separarse dos seus tres fillos pequenos.

Sanlés foi obrigada a ingresar nunha residencia católica de acollída, onde será obrigada a separarse dos seus tres fillos pequenos

Stop Desafiuzamentos denunciara en varias ocasións que hai máis de tres meses que o departamento de Servizos Sociais do Concello da Coruña ten coñecemento deste caso, e acusouno de "inacción" e "desidia". Sanlés solicitara hai tempo un piso de protección oficial e na mesma petición sinalaba os condicionamentos froito da súa enfermidade (fibromialxia), coma a imposibilidade de acceso á citada vivenda por tratarse dun piso de máis de dúas alturas sen ascensor. O Instituto Galego de Vivenda e Solo concedéralle un cuarto sen ascensor, "recoñecendo a citada institución o seu erro e a subsanación do mesmo, pasando a suprimir a citada concesión ao non cinguirse aos condicionamentos expresados e dos que xa o IGVS tiña coñecemento", segundo o colectivo.

O colectivo tamén criticou que o xulgado comunicase a expulsión cunha marxe de tempo moi escasa (onte pola tarde), co obxectivo de evitar ou minimizar a mobilización social para impedila: "entendemos que se trata dun intento de ocultación evidente e premeditado, co que pretenden dificultar a cobertura dos medios de comunicación e a resposta cidadá e evitar a presenza de testemuñas que podan dar conta da violencia institucional exercida nestas situacións". Concúen que "estamos diante dun dos máis crueis ataques que por parte dos aparellos do Estado se están a executar para invisibilizar un problema social e que éste se asimile, a tódolos niveis, como unha carga persoal que se debe sufrir en soidade".

 

Rexeitamento de AGE e BNG

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) amosou o seu "rexeitamento total ao despregamento de violencia policial" e sinalou nun comunicado que "ao que parece, as administracións dominadas pola reacción non teñen reparo en gastar cartos de todas e todos cando se trata de reprimir a cidadanía activa ou as vítimas da súa propia acción política". Para AGE, "o dereito á vivenda é fundamental, básico. Contra o capital desapiadado e os seus valedores políticos, é imprescindíbel a defensa do dereito universal á vivenda".

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Municipal do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, que estivo desde primeira hora da mañá co grupo de persoas que se achegaron ás inmediacións do portal de Elisabeth Sanlés, denunciou en declaracións aos medios que “non hai austeridade no despregue de medios para desafiuzar unha veciña da Coruña mais si a hai á hora de buscarlle unha vivenda alternativa e para loitar contra a pobreza”. “Vivimos nun estado penitenciario onde o alcalde pasa a ser alcaide”, salientou.

De igual xeito, Francisco Jorquera, lamentou, en declaración aos medios, que a Xunta presuma “dun gran protocolo para desafiuzamentos cando vemos casos como este, que se solucionarían se houber vontade política de proporcionar unha vivenda social a esta persoa”. “Esta é a política do PP, responder a contestación cidadá con represión en vez de con políticas sociais xustas”, concluíu.

Elisabeth Sanlés e a súa sobriña encadeáronse na súa vivenda Dominio Público Stop Desafiuzamentos A Coruña
O barrio do Castrillón asistiu a un forte despregue policial dende antes das nove da mañá Dominio Público Stop Desafiuzamentos A Coruña
O barrio do Castrillón asistiu a un forte despregue policial dende antes das nove da mañá Dominio Público Stop Desafiuzamentos A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.