"Non hai vontade de protexer as vítimas de violencia de xénero nin os seus fillos"

Gloria Vázquez, primeira pola esquerda, nunha protesta de Ve-la Luz © Ve-la luz

As mulleres da asociación Ve-la Luz abandonaron a pasada semana a folga de fame logo dun mes de protesta. As seis vítimas de violencia de xénero que se mantiveron na súa loita ata o final -comezaron dez- conseguiron visibilizar as súas denuncias, pero non todo o que lles gustaría polo "silenciamento" que levan denunciando semanas. Tampouco acadaron resposta a todas as súas reivindicacións, pero si que se celebre unha comisión de investigación no Parlamento da que serán partícipes. Aínda así, abandonaron entre duras críticas aos que "ocupan o seus escanos mediante un discurso pusilánime e confuso" sobre a violencia machista e ante o "silenciamento do maltrato xudicial e institucional" que, segundo elas, lles "ofrece o sistema".

As mulleres reclamaron e reclaman medidas para que, no caso de que haxa indicios de violencia de xénero, se suspendan as visitas e se impida o acceso dos supostos maltratadores á custodia dos fillos; que en caso de falta, non só de delito, se lle retire o acceso dos condenados á solicitude de custodia; e que, de haber condena firme, se lle retire a patria potestade e se suspenda o réxime de visitas ao pai. Ningunha destas peticións foi atendida, aínda que no resto de reivindicacións, como na renovación do persoal dos xulgados de violencia de xénero cada dous anos e a posibilidade de formación en violencia de xénero para o persoal xudicial, así como a revisión das sentenzas dos últimos cinco anos -xa que en Galicia foron sobreseídas case o 60% do total dos casos- houbo avances.

As mulleres terán voz e serán partícipes dunha comisión de investigación no Parlamento

A comisión de investigación, xa comprometida polo PP, e da que formará parte Ve-la Luz, indagará sobre o alto índice de sobreseimentos provisionais e a lenta instrución dos procedementos, así como o funcionamento dos Puntos de Encontro Familiar en Galicia, as condicións de elaboración dos informes psicosociais e os motivos polos que só se conceden un mínimo ordes de afastamento. Logo, redactarase e formularase unha proposición de lei que se debaterá no Parlamento no prazo máximo de tres meses.

Gloria Vázquez, presidenta de Ve-la Luz e unha das mullleres que se mantivo en folga de fame, fai agora balance dun mes de reivindicacións nos que tamén se mobilizaron, mantiveron reunións cos poderes públicos e incluso se encadearon á sede do TSXG. Aínda así, asume que non acadaron o seu principal propósito.

Acadaron o seu obxectivo?

Oo noso primeiro obxectivo non o cumprimos porque a día de hoxe seguen desprotexidas as vítimas de violencia de xénero e os seus fillos. Iso non cambiou nada.

Por que non cambiou nada? Falta vontade ou son demandas difíciles de cumprir legalmente?

Non hai vontade nin hai intención de protexer as mulleres e os menores. Non ten sentido que se ofreza unha protección onde non se inclúen os fillos, o que significa deixar desprotexida a vítima. O que se fai é pecharlle a porta ao maltratador por unha vía, pero darlle outra de entrada a través dos máis pequenos. A protección non é efectiva. Ademais, non se cumpren cos protocolos xudiciais acordados, como o forense, o sanitario ou o psicolóxico. É un gran desastre organizado. Vendemos moito en Europa, pero á hora da verdade, en España e en Galicia as mulleres están a quedar desprotexidas. E só fai faltar mirar os números.

"Non se protexe os fillos e mentres se lle pecha unha porta ao maltratador, ábreselle outra a través dos pequenos"

Que números?

Pois por exemplo, que do total das denuncias presentadas, tan só un 17% das mulleres recibiron algunha protección, as que se supón que foron recoñecidas como vítimas de violencia de xénero. Así que, un 83% quedaron vendidas ou fracasaron no seu intento de saír do círculo de violencia no que están inseridas. Tamén se silencia a cantidade de xente que non denuncia e o que se provoca é unha certa xustificación dos violentos.

Que conseguiron coa folga de fame?

Foi moi importante e un gran paso conseguir ter voz no Parlamento a través da comisión de investigacion que se vai formar e que xa está comprometida. Desta vez, non teremos voz como convidadas, senón que formaremos parte dela e poderemos reivindicar todas as nosas demandas e problemas. Ademais, hai tan só uns días o Concello da Coruña aprobou coa unanimidade de todos os partidos unha moción proposta polo PSdeG e consensuada con PP, BNG e EU na que se apoian as nosas reivindicacións e na que se exixe que se dote á administración de xustiza dos medios necesarios para atender con rapidez e eficacia os casos de violencia de xénero.

"A lei galega de violencia de xénero foi aprobada en 2007; desde aquela pasaron tres partidos pola Xunta e todos o fixeron igual de mal"

É esa moción, por exemplo, mái simbólica ou efectiva?

É certo que, escoitando o concelleiro de Servizos Sociais que falou, a moción foi algo máis simbólico que efectivo. Séguense facendo minutos de silencio e quizais o silencio a eles lles compense.

Malia o apoio que recibiron, vostedes foron moi críticas co discurso "pusilánime e confuso" dos partidos...

Por pór un exemplo, a lei galega de violencia de xénero foi aprobada en 2007 e desde aquela pasaron polo Goberno da Xunta tres partidos. Todos o fixeron igual de mal. Parece que non queren achegarse, ver a realidade e tomar medidas de verdade para acabar coa violencia de xénero. Eu levo mantendo reunións con todos os partidos desde hai tempo e saben de sobra cal é a nosa situación. AGE veu á nosa sede pero logo non se lle viu interese real ou, polo menos, así o demostrou ao non presentar proposta ningunha; o BNG si foi máis activo, pero non entendemos o seu discurso descafeinado que ao final tamén contribúe a nos invisibilizar. O Bloque, xunto co PSdeG, mediaron coa Xunta e o PP para que actuasen ante a folga de fame e o Partido Popular chamounos case todos os días para interesarse pola nosa situación, pero non se quixo mollar nunca.

"O PP chamounos todos os días, pero non se quixo mollar nunca; xogou a desacreditarnos"

Como cualifica a actitude do PP e da Xunta?

Saben perfectamente que os datos que achegamos avalan as nosas reivindicacións, pero xogaron a desacreditarnos. E eralles doado facelo porque sempre aluden a que somos vítimas, que temos estrés postraumático...

Tamén foron moi críticas co "silenciamento" que sufriron por parte dalgúns medios de comunicación.

Dependendo das subvencións que dá a Xunta, así nos invisibilizan algúns medios. Dígoo así de claro e así o podes poñer. Nalgúns casos, nas informacións destácase o papel do partido maioritario ou o seu discurso baleiro mentres non se di nada do esforzo que detrás fixo a asociación Ve-la Luz ou non se aclara que a moción que chegou ao Concello foi grazas ao noso traballo e á nosa loita. Para algún medio, nós simplemente non existimos. E eu non entendo que se poida silenciar a violencia.

"Dependendo das subvencións que dá a Xunta, así nos silencian algúns medios de comunicación"

Manteñen algunha secuela provocada pola folga de fame?

Claro. Non te recuperas. Aínda temos moitos problemas como a carencia de ferro e potasio ou a falta de vitaminas e minerais. Non podemos comer normal e temos que inxerir moi poucos alimentos de cada vez. Non é tan fácil.

Agarda que esta loita servise de algo? Que espera para o futuro?

A nosa maior reivindicación xa está escrita nas leis e en numerosos tratados internacionais. Non pedimos  máis que a protección das vítimas da violencia machista e dos seus fillos. Non cumprir con este mandato supón que se podería falar dun delito de lesa humanidade. Esperemos que se tomen medidas, porque de seguir tardando, cando se faga algo, os culpables xa estarán retirados ou terán pagado por outros delitos. Non é que queiran tomar medidas ou non, é que deben tomalas xa.

Gloria Vázquez, primeira pola esquerda, nunha protesta de Ve-la Luz © Ve-la luz
Pancarta na sede de Ve-la luz © feminismo.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.