Nunca Máis prevé recorrer a sentenza e convoca manifestacións para este venres

Manifestación de Nunca Máis ante o TSXG © Cerna

A plataforma Nunca Máis ten previsto recorrer a sentenza do Prestige que o pasado mércores absolveu o Estado, o capitán e o xefe de máquinas do buque dos delitos de danos ao medio ambiente a espazos protexidos e que deixou en nada a condena pola maior catástrofe medioambiental dos últimos anos. O avogado do colectivo, Pedro Trepat, xa advertira da posibilidade de acudir ao Supremo, algo que avanza agora a coordinadora xestora, que prevé confirmar o venres a súa decisión, que aínda non é definitiva.

Para ese mesmo día, Nunca Máis convoca a cidadanía galega a saír á rúa nas principais cidades e cabeceiras comarcais do país para amosar o seu rexeitamento á "impunidade" que supuxo o ditame xudicial do caso Prestige. As mobilizacións están previstas para as 20 horas deste venres 15 de novembro, no que prevén que sexa unha resposta a un ditame que consideran "inxusto e decepcionante". Todas se celebrarán baixo o lema "Non esquecemos. Non á impunidade. Mareas negras nunca máis". Haberá marchas nas principais cidades, así como en Vilagarcía, A Estrada, Foz, Ribeira, Cee e Monforte (onde será ás 21 horas), tal e como se pode comprobar no cartel que acompaña esta información. Tamén se incorporou Lalín ás concentracións. Neste caso, será ás oito na praza da Igrexa.

Nunca Máis convoca mobilizacións en todas as cidades e nas principais vilas galegas este venres ás 20 horas

"Con esta sentenza, os politicos do PP  que tomaron as decisións están avalados para novamente, ante unha situación similar, facer o que daquela fixeron: mentir, manipular e seguir sendo uns incompetentes", asegura a plataforma, que celebrará unha rolda de prensa ese mesmo venres á mañá en Compostela, onde se analizará con detalle a sentenza do Prestige e onde, con case toda probabilidade, anunciarase a presentación dun recurso ante o Supremo. "É máis que posible, si", asegura un dos seus voceiros.

"Non podemos ficar calados. Nin o estivemos daquela, nin calaremos agora", advirte o colectivo. "Estamos indignados porque a indignación é unha reaccion natural diante dunha sentenza tan descompensada en relación coa resposta do conxutno da sociedade, da xente normal que sente que sofre unha inxustiza e que está desamparada", asegura Xaquín Rubido, voceiro de Nunca Máis.

Manifestación de Nunca Máis ante o TSXG © Cerna
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.