As ILP en demanda dunha renda básica universal entran nos seus meses clave

Cadea humana por unha renda social básica © Oficina de Dereitos Sociais de Coia

Nestes momentos están en marcha, en paralelo, dúas iniciativas cidadás para levar ao Congreso e ao Parlamento europeo, respectivamente, unha proposta de aprobación dunha renda básica universal. A nivel estatal o Movimiento contra el paro y la precariedad impulsa unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para a que necesita recoller medio millón de sinaturas, e que está a ter un desenvolvemento importante nalgunhas rexións, e algo inferior noutros territorios. En Galicia é importante o impulso que está recibindo por parte de colectivos coma a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, en Vigo.

Esta ILP propón dúas fases de implementación da renda básica. A primera fase cubriría a todas aquelas persoas que residan no Estado español e, ou ben non teñan ingresos, ou ben os seus ingresos non cheguen aos 645,33 euros que Eurostat sinala como límite da pobreza, e nese caso estas persoas recibirían os cartos do Estado até cubrir esa cantidade. Nunha segunda fase, a renda básica cubriría todas as persoas, con independencia dos seus ingresos. O obxectivo é que a ILP se rexistre no Congreso en decembro deste 2013 ou en xaneiro de 2014, para iniciar os trámites correspondentes. En calquera caso, a recollida de sinaturas xa está en marcha, para ir gañando etapas.

O obxectivo é que a ILP se rexistre no Congreso en decembro deste 2013 ou en xaneiro de 2014, para iniciar os trámites correspondentes. En calquera caso, a recollida de sinaturas xa está en marcha, para ir gañando etapas

Colectivos coma a Oficina de Dereitos Sociais de Coia defenden a Renda Básica "como un instrumento de erradicación da pobreza, un mecanismo de repartición da riqueza e distribución da renda, que pode dar seguridade económica á poboación; que permite iniciar outros modos de vida, fomenta a igualdade de xénero e contribúe a eliminar os estigmas sociais". E salientan que "a Renda Básica pode ser o piar do novo sistema de benestar e un instrumento útil para defenderse da deterioración das condicións de vida que impón o capitalismo global".

 

Iniciativa europea

A nivel europeo tamén está en marcha unha iniciativa semellante, unha Iniciativa de Cidadanía Europea aceptada pola Comisión Europea o 14 de xaneiro deste ano, e que debe recoller un millón de sinaturas antes do 14 de xaneiro de 2014, superando unha porcentaxe mínima de apoios en, cando menos, sete países distintos. O obxectico desta iniciativa é pedirlle á Comisión europea que "incentive a cooperación entre os estados membros co obxectivo de explorar a Renda Básica Incondicional (RBI) como ferramenta para mellorar os seus respectivos sistemas de seguridade social". A curto prazo, "a UE debería impulsar iniciativas tales como estudos piloto e o exame de diferentes modelos de RBI". A longo prazo, o obxectivo é "ofrecerlle a cada persoa na UE o dereito incondicional como individuo de ter as súas necesidades materiais cubertas para asegurar unha vida digna tal e como se define nos tratados da unión".

O obxectivo da Iniciativa de Cidadanía Europea é "ofrecerlle a cada persoa na UE o dereito incondicional como individuo de ter as súas necesidades materiais cubertas para asegurar unha vida digna tal e como se define nos tratados da unión"

Polo de agora, a iniciativa está moi lonxe de acadar os apoios necesarios, e fica en algo menos de 132 mil. Tan só dous países, Croacia e Eslovenia, superaron os mínimos necesarios, e en España, por exemplo, apenas hai once mil sinaturas, a cuarta parte das 40 mil esixidas por poboación. Porén, Bieito Lorenzo Penela sinala neste artigo que hai indicios positivos nas últimas semanas. Croacia incorpouse á recollida de sinaturas en setembro, e en apenas 45 días superou o mínimo necesario. Fíxoo grazas, sobre todo, ao uso de Facebook e doutras redes sociais. "Motivados polo éxito de Croacia, outros países utilizaron os mesmos medios técnicos: servirse de internet, e concretamente de Facebook para difundir a mensaxe sobre a Renda Básica incrementando significativamente os apoios á iniciativa", destaca.

A maior capacidade organizativa e o éxito do exemplo croata animou a coordinadora da campaña a organizar unha campaña de crowdfunding co obxectivo de conseguir 15.000 euros en 15 días. En menos de tres días alcanzouse o obxectivo, se ben a campaña seguirá aberta mentres dure o tempo preestabelecido, até o 20 de novembro, e os cartos que se recollan a maiores serán tamén utilizados en campañas a prol da renda básica. Con estes cartos nos próximos días lanzarase unha campaña a prol da iniciativa.

"Estase a construír un importante movemento en Europa que supón a base que contribuirá a que a Renda Básica Incondicional sexa unha realidade"

Bieito Lorenzo Penela destaca, ademais, que "hai un ano, en moitos estados europeos, o termo Renda Básica non aparecía nin sequera como palabra-chave nos buscadores de internet. Hoxe podemos dicir que practicamente todos os países de Europa posúen algunha organización que impulse a Renda Básica, coa súa web en internet e activistas coordinados que defenden esta idea". E conclúe que "estase a construír un importante movemento en Europa que supón a base que contribuirá a que a Renda Básica Incondicional sexa unha realidade".

 

Iniciativas avanzadas en Catalunya e Estremadura

Propostas semellantes están máis avanzadas en Catalunya e Estremadura. En Estremadura, de feito, xa o pasado mes de maio o Parlamento rexional aprobou a Lei de Renda Básica Estremeña de Inserción. Non é exactamente unha renda básica incondicional, senón máis ben unha renda de integración, destinada a consolidar o apoio ás persoas con menos recursos e en situación ou risco de pobreza e exclusión. A súa aprobación, malia as limitacións que presentaba (escasa dotación, limitación no número de beneficiarios...), foi saudada como un primeiro paso positivo por parte dos colectivos que promoven as rendas básicas incondicionais. Porén, dende entón, a lentitude na súa posta en marcha, ou as dificultades dos procedementos para solicitala, espertaron moitas críticas.

O Parlamento de Catalunya acordou o pasado mes de marzo admitir a trámite unha ILP que propón unha renda de cidadanía para todas as persoas en situación de vulnerabilidade

De igual xeito, o Parlamento de Catalunya acordou o pasado mes de marzo admitir a trámite unha ILP que propón unha renda de cidadanía para todas as persoas en situación de vulnerabilidade. A iniciativa, impulsada por entidades sociais, partidos e sindicatos, atópase actualmente en fase de recollida de sinaturas, 50 mil, que xa foron amplamente superadas. A proposta baséase no artigo 24.3 do Estatut, aínda sen desenvolver, que contempla que “as persoas ou as familias que se atopan en situación de pobreza teñen dereito a acceder a unha renda garantida de cidadanía que lles asegure os mínimos dunha vida digna”. E fixa esta renda nos 664 euros mensuais. CiU opuxérase inicialmente a aceptar a tramitación de la ILP polo impacto económico que suporía nos orzamentos, pero finalmente tivo que ceder, posto que o artigo 102.2 do regulamento do Parlament non lle permite denegar a admisión a trámite dunha ILP se os seus efectos económicos afectan a outro exercicio orzamentario e non ao vixente, como é o caso.

Cadea humana por unha renda social básica © Oficina de Dereitos Sociais de Coia
Imaxe da Iniciativa Europea pola Renda Básica Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.