Os comuneiros din non ao macrocentro comercial no monte Cabral

Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende

Os comuneiros de Cabral dixeron non. 740 estaban chamados á consulta sobre o proxecto dun centro comercial para o monte na votación celebrada este domingo no Ifevi para amosar ou non o seu apoio ou rexeitamento á cesión dos seus terreos en Liñeiriños para a creación dun espazo de ocio e compras. Segundo adiantou Faro de Vigo pasadas as 16 horas, a negativa á negociación con Eurofund Investments, firma que promove o proxecto, resultou vencedora nunha consulta na que 344 comuneiros optaron polo non e 297 dixeron si á creación de Porto Cabral.

Na consulta, 344 comuneiros optaron polo non e 297 dixeron si á creación de Porto Cabral

O non gañou en tres das catro mesas; as dúas primeiras, as de Carballal e Becerreira, foron claves para que a negativa vencese. José Manuel Estévez, voceiro do grupo contrario ao proxecto comercial, advertiu de que irán aos tribunais se o Concello aposta por expropiar os terreos, tras pedir a dimisión da actual directiva da comunidade de montes, que se amosou sorprendida do resultado e alertou tamén de que agora será a administración local quen decida o futuro dos terreos.

Foi unha votación segreda e en urna sobre a proposta da multinacional Eurofund para facerse con 300.000 metros cadrados do monte de Liñeiriños e construír así o macrocomplexo de ocio e comercio Porto Cabral. Segundo fixera público a directiva da Comunidade de Montes, encabezada por Luis Rodríguez, o grupo Eurofund ofrecía 12 millóns de euros polos terreos (40 euros por cada metro cadrado) e a entrega dun predio de entre 30.000 e 40.000 metros para trasladar o parque forestal de Becerreira, que sería destruído. No acordo tamén se incluía a promesa de que se contrataría a veciños de Cabral e que os subministros tamén serían responsabilidade de empresas da parroquia.

Porén, o desacordo entre os favorables á cesión dos terreos e os contrarios mantívose, tal e como demostran as axustadas votacións. Nunha das últimas asembleas antes da consulta, á que acudiron ao redor de 800 comuneiros e veciños, máis da metade dos asistentes amosáranse en contra do proxecto, e a práctica totalidade das 39 intervencións que se produciron reafirmaron esta posición. Entre as propostas que se realizaron na asemblea estivo a de que os terreos se aluguen e non se vendan, aceptando o proxecto, pero mantendo os veciños a propiedade das terras, ou de que sexa o concello e non a comunidade de montes quen tome a decisión. Tamén se pediu, de cara á votación, unha actualización do censo de propietarios, dando entrada a veciños que na actualidade non teñen dereito a voto.

O desacordo entre os favorables á cesión dos terreos e os contrarios mantívose ata a votación deste domingo

A desconfianza cara á directiva da Comunidade de Montes foi máxima, tanto pola opacidade amosada durante este proceso, coma por outros acordos anteriores. Por exemplo, en 2006, despois de case seis anos de xestións, aprobou un intercambio de terreos en Puxeiros na que a entidade perdeu máis de 200 mil euros.

 

Un macrocentro comercial de 'utilidade pública'?

Un dos argumentos defendidos polos partidarios da venda dos terreos a Eurofund é que, no caso de non haber acordo, o espazo sufriría unha "expropiación forzosa" por motivos de utilidade pública. Porén, dende colectivos contrarios ao proxecto salíéntase que isto non é así e que "calquera acordo de venda do Monte Veciñal debería ser desestimado diante dun tribunal (como xa se ten feito noutras ocasións) por ir en contra da Lei de Montes Veciñais en Man Común, por mor da imposibilidade de declarar o complexo de Porto Cabral como unha actuación de Utilidade Pública”.

Os partidarios da venda dos terreos cren que, sen acordo, o espazo será expropiado forzosamente; os contrarios aseguran que un acordo dese tipo sería tumbado en calquera tribunal

Destacan que no artigo 2 da Lei de Montes Veciñais en Man Común, sinálse que estes montes son “indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables”, polo que non é posible a súa venda, xa que son un patrimonio da comunidade de veciños que moran nese momento na parroquia que deberá ser trasmitida ós seus futuros titulares do mesmo xeito. A lei, sinalan, introduce unha serie de excepcións á inalienabilidade do monte xa que “poderán ser obxecto de cesión temporal, en todo ou en parte, a título oneroso ou gratuíto, para obras, instalacións, explotacións de diversa índole, servicios ou outros fins que redunden de modo principal no beneficio directo da Comunidade de veciños".

Outra das excepcións sinala que “os montes veciñais só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalentes ós dos propios montes veciñais”. Dende O Monte é Noso saliéntase que "aquí é onde radica o obxecto de toda esta problemática" e pregúntanse se "ten utilidade pública ou interese social prevalente o complexo Porto Cabral", concluíndo que "parece evidente que un parque comercial e de ocio non o ten e que ningún xuíz aceptaría tal definición".

O PXOM do Concello de Vigo asigna ao sector de Liñeiriños, no que se ubicaría Porto Cabral, un desenvolvemento de tipo público por expropiación

O Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vigo asigna ao sector de Liñeiriños, no que se ubicaría Porto Cabral, un desenvolvemento de tipo público polo sistema de expropiación. Dende O Monte é noso sinálase que "como é de desenvolvemento público, ten que ser o propio Concello de Vigo quen inicie a expropiación do sector Liñeiriños. No caso da área do sector coincidente co Monte Veciñal en Man Común de Cabral deberá argumentar o principio de utilidade pública ou interese social prevalente e basearse nas posibles infraestructuras ou equipamentos a realizar neste sector como pretexto expropiatorio". Engaden que o seguinte paso que debería realizar o Concello de Vigo sería un Plan Parcial para o desenvolvemento da área na que se incluiría o solo clasificado e cualificado segundo as necesidades de Porto Cabral. E, finalmente, "debería convocar un concurso público para a adxudicación dos terreos (non os pode adxudicar directamente a Eurofund Investments, o impulsor do proxecto) e, se non se presentase ningún outro operador, adxudicarllo".

Este colectivo sinala que "o proceso parte de que o propio PXOM asigna, nunha área dun Monte Veciñal en Man Común, un sector de desenvolvemento público no que non hai un interese público demostrado, (o que anularía ese sector do PXOM e implicaría a súa reformulación de ser levado aos tribunais); e continuaría, de ser xestionada do modo mencionado por parte do Concello, dunha actuación a mala fe, xa que estaría expropiando baixo a figura de utilidade pública para logo vendelo para un uso que non ten dita utilidade".

Conclúen que "se este fose o escenario, sería un caso de lexislación feita ad hoc, realizada coa complicidade da empresa e da Administración, para promover o desenvolvemento dun parque privado fronte aos lexítimos intereses dunha institución de raigame en Galicia como son os Montes Veciñais en Man Común, que gozan da súa lexislación sectorial". E que "ningún xuíz debería admitir a declaración de Porto Cabral como de utilidade pública ou de interese social prevalente" e que "unicamente mediante os atallos expostos podería ser executado nun primeiro momento (co impacto ambiental consecuente no propio monte), mais finalmente debería ser desestimado nos tribunais".

Parte de monte que sería destruído polo centro comercial Dominio Público O monte non se vende
Protestas no interior do IFEVI Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.