“Que a xente de Cabral tome conciencia de que isto é un ben que podemos perder para nunca recuperar"

Captura de 'Porto Cabral - SOS Comuneiros de Cabral' Dominio Público O monte non se vende

Vén de presentarse un vídeo, obra de Alfonso Álvarez e Xisela Franco, que analiza a traxectoria e os argumentos da oposición veciñal e de numerosos colectivos sociais de Vigo ao proxecto de macrocentro comercial de Porto Cabral, que destruiría unha parte importante do monte comunal. Comuneiros e expertos denuncian que a Xunta Reitora de esa comunidade "probablemente cegada por intereses económicos" actúa "contra o seu propio monte".

O vídeo chega a poucos días de que a asemblea de comuneiros vote se acepta a proposta da multinacional Eurofund para facerse cos terreos, e destaca distintos valores destes montes comunais, dende a importancia que historicamente tiveron para o sostemento das economías locais, a importancia medioambiental como pulmón da cidade de Vigo, ou as actividades económicas ou de lecer que acolle hoxendía. Tamén se lembra a loita que durante xeracións mantiveron os veciños para asegurar a propiedade comunitaria deste espazo, finalmente asegurada a finais dos anos setenta. Saliéntase que “o monte veciñal ten unhas posibilidades inmensas dentro dunha economía do ben común, na que se exercen a participación cidadá e a procura dun desenvolvemento sustentable”.

Faise un percorrido, igualmente, polas manobras políticas e mediáticas que nos últimos anos se seguiron en Vigo para que este valioso lugar puidese ser usado para distintas iniciativas lucrativas privadas. A este respecto, destácase que "o parque forestal da Becerreira, un dos máis grandes e fermosos da cidade, quedaría arrasado, e a propia comunidade perdería unha grande parte da propiedade comunal" e que "esta operación marcaría o inicio dun importante pelotazo urbanístico que interesa promocionar tanto ao Concello de Vigo como aos medios de comunicación locais, que silencian esa discordia".

Ponse o foco, igualmente, sobre "a historia da participación nesa especulación inmobiliaria da Xunta Reitora desa comunidade, que probablemente cegada por intereses económicos, actúa contra o seu propio monte enfrentando a veciños e exercendo un papel cheo de irregularidades". A este respecto, lémbrase que “toda casa de Cabral pode ter un representante comuneiro. Se un veciño vai ao local da Comunidade de Montes, solicita o seu ingreso, e non se lle tramita, pode chamar á policía, inmediatamente levantar un atestado, e denunciar o feito. É ilegal pechar o censo. O 20% dos comuneiros poden facer uso do dereito de revogación para renovar a Xunta reitora actual se consideran que existen irregularidade e abuso de poder”.

O vídeo remata cun chamamento realizado por unha veciña nova: “que a xente de Cabral tome conciencia de que isto é un ben que podemos perder para nunca recuperar. Os meus avós, a xente de Cabral, os nosos veciños, loitaron para que isto sexa noso, para que sexa declarado parque forestal. E agora que o temos, que ninguén nolo quite, por favor”.

Captura de 'Porto Cabral - SOS Comuneiros de Cabral' Dominio Público O monte non se vende
O monte de Liñeiriños (Vigo) Dominio Público O monte non se vende
Parte de monte que sería destruído polo centro comercial Dominio Público O monte non se vende
Monte en Liñeiriños (Vigo) Dominio Público O monte non se vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.