500 'luzes' para prender un facho contra "a zona de sombra en que se está a converter Galicia"

Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, directores Dominio Público Revista Luzes

Luzes xa case se pode tocar. O venres 29 de novembro poderase adquirir nos seus puntos de venda e tamén a través da súa web, ao tempo que se presenta no Culturgal. De aquí a alá, moito traballo aínda: os últimos detalles e textos dunhas 132 páxinas que entrarán en imprenta en breve, presentacións en Vigo, Lugo e outras cidades e un gran esforzo por chegar a 500 subscritores antes da súa saída. Os promotores de Luzes queren que estes 500 subscritores-fundadores, que se beneficiarán dunha tarifa reducida (85 euros por 11 números, fronte ao prezo normal de 110 euros), sexan non só a súa base económica a partir da que traballar con confianza, senón que tamén prometen que establecerán con eles unha interlocución preferente.

Este martes Luzes presentouse en Compostela. Como destaca Xosé Manuel Pereiro, director da revista xunto con Manuel Rivas, "presentamos un ano de traballo e un ano de discusións". A presentación é aínda dun proxecto, dun manifesto de intencións (máis aló dun número cero que si se pode tocar coas mans), pero a proposta está tan definida que mesmo ten tacto. E data, algo moi importante no lanzamento de calquera proxecto, porque sempre equivale a un camiño que xa non ten volta atrás. Na presentación, Pereiro e Riva, xunto con Iago Martínez, coordinador e motor xornalístico da publicación, repetiron os argumentos e valores xa presentes no manifesto presentado este verán, e as razóns que, aquí e agora, fan necesaria unha revista de textos xornalísticos longos e traballados.

Luzes "non é soamente unha revista. É un lugar. Un ecosistema propicio para o xornalismo. Para contar as cousas como é debido, con tempo, rigor e campo aberto por diante"

Luzes "non é soamente unha revista. É un lugar. Un ecosistema propicio para o xornalismo. Para contar as cousas como é debido, con tempo, rigor e campo aberto por diante", destacan. "Facer unha revista coma esta neste momento e neste lugar", explicou Rivas, "é como un acto de insurxencia contra a conspiración do cinismo. Supón desafiar esa falsa especie de que o periodismo xa non ten sentido. A demanda de que a realidade sexa contada e ben contada, con enerxía alternativa, é equivalente á demanda de pan, é coma un alimento básico. O que está en crise non é a necesidade de periodismo como ben público, senón a confianza en que ese periodismo exista".

"Negámonos a aceptar o fracaso. Negámonos a ficar nesta zona de sombra en que se está a converter Galicia", engadiu Rivas. "O fracaso sería non intentalo", retruca Pereiro, que sinala que "o futuro é o papel, sempre que non se repita o que xa está na rede". "O problema non é o soporte en por si, senón que é o que se difunde en cada soporte, e nós pensamos que algunhas historias queren extensión, unha edición rigorosa e a fondo, unha boa maqueta, ilustracións, ser coleccionadas. Dito doutro xeito: merecen o papel", conclúe.

Luzes enténdese "como un relato", destaca Pereiro, que xa en agosto destacaba a vontade da revista de "contar historias". "Hai moi bos xornalistas fóra das redaccións", dicía daquela Pereiro, "e tamén dentro das redaccións, pero que non poden escribir coa extensión e o tempo que lles gustaría. Que vas contar en 60 liñas? Nós non queremos facer un xornalismo de 60 liñas". Na revista convivirán as reportaxes en profundidade, relatos de non ficción (no primeiro número poderase ler un de Jaureguizar sobre a operación Carioca), adiantos editoriais (poderemos ler, por exemplo, as primeiras páxinas da nova novela de Agustín Fernández Paz, A viaxe de Gagarin, meses antes da súa publicación), entrevistas (con Patricio Guzman ou Antonio Escohotado no primeiro número), reportaxes (sobre a historia do movemento obreiro en Galicia ou unha aproximación ao novo precariado artístico), con seccións fixas, coma os Episodios Galegos de Rivas, as Memorias dun repunante de Pereiro, Sete Estralos (un tema complexo explicado en sete preguntas e respostas), ou Mundo papel (que recupera textos publicados en revistas históricas cunha breve historia da publicación). "As seccións en Luzes serán como paradas, bancos onde sentar e descasar entre relato e relato, entre os tragos longos que marcarán a revista", sinala Pereiro

E unha manchea de colaboradores xa confirmados para este número fundacional: Manuel Jabois, Montse Dopico, Henrique Mariño, Santiago Romero, Diego E. Barros, Ana Camiño, Guillem Martínez, Ramón Chao, Raimundo Viejo, Xosé Abad, Ignacio Alonso, Amador Lorenzo, Xan López Facal, Antón Losada, Manuel M. Barreiro, Belén Regueira, María Yáñez, Miguel Pardo, Victorino Pérez Prieto ou José Manuel Sande.

O venres 29 de novembro poderase adquirir nos seus puntos de venda e tamén a través da súa web, ao tempo que se presenta no Culturgal

No acto deste martes en Compostela, tamén se presentou o proxecto gráfico, a cargo dos directores de arte da revista, Antonio Doñate e Xosé Carlos Hidalgo, que explicaron as escollas de deseño: "Partimos da idea de facer un obxecto: unha revista en papel cun peso e unhas dimensión determinadas, algo que vai ocupar un espazo", explican. "Non competimos coa rede nin simulamos o que acontece coas publicacións interactivas. Fuximos do impacto múltiple. Buscamos un tempo que permita o lector deterse en cada peza sen intromisións". Para pechar, houbo un concerto sorpresa de Caxade con algunhas das cancións que conterá o seu álbum de debut, que nunhas semanas publicará Discos da Máquina.

Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, directores Dominio Público Revista Luzes
Dúas propostas de portada Dominio Público Revista Luzes
Xosé Carlos Hidalgo e Antonio Doñate, autores do proxecto gráfico, e Iago Martínez, coordinador Dominio Público Revista Luzes
Actuación de Caxade ao remate da presentación que tivo lugar este martes en Compostela Dominio Público Revista Luzes
Presentación da revista, este martes en Compostela Dominio Público Revista Luzes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.