"Fóra da xestión pública e o mundo comercial, hai unha realidade que fica obviada"

Presentación de GZ Imaxinaria en Medialab Prado CC-BY-SA Medialab Prado

Algo se move na cultura libre, e faino de xeito cooperativo, nunha mostra de que o medio é a mensaxe. GZ Imaxinaria é unha cooperativa de cultura libre que xorde do tecido asociativo e creativo que deu os seus primeiros pasos hai uns meses. Alg-a Lab, Axóuxere Editora, Adtlántica TV, Reciclaxe Informática, Buseira..., son algunhas das entidades e proxectos que a conforman. Destacan que en Galicia hai moitos colectivos, asociacións e particulares "que nos atopamos nunha crecente sinerxia de intereses mutuos, mais ante un panorama socio-laboral cada vez máis tenso e sen salidas. Os recortes e a crise precarizan e desestabilizan os nosos diferentes nichos e actividades produtivas".

Salientan neste senso que os une a pertenza común "á xeración chamada do precariado ou cognitariado. Estudantes perennes, licenciad@s ou doctor@s en diversas disciplinas, mais que apenas logramos insertarnos no mercado laboral". Lembran que "o mercado está integrando a cultura como nicho produtivo", mais "trátase dunha noción de cultura (mercado) técnica e vencellada ao espectáculo e ao consumo, que manexan sobre todo as empresas privadas en connivencia coas institucións públicas". O seu obxectivo é "fomentar o desenvolvemento da Cultura Libre, en tanto que proceso e en todos os seus pasos; para favorecer así unha relación máis xusta co noso entorno e outr@s, que revalorice moitas das prácticas hoxe denostadas e que permita volver a pór en común moitos dos recursos dispoñíbeis".

"No nivel colaborativo tecemos rede con persoas, proxectos ou colectivos vencellados á cultura libre. E no nivel de incidencia do noso exercicio, dirixímonos a toda a cidadanía"

Como nace GZimaxinaria? A que proxectos ou entidades vos dirixides?

No inicio pensamos en formar parte do proceso por una lóxica de afinidade e principios para defender a cultura libre dende o ámbito ou especialidade de cada un en colaboración común a través de ferramentas que beneficiaban o común. Como AtlántidaTV, a Buseira, Cousateca…etc. Tamén inflúe que a forma xurídica de cooperativa entra na lóxica de optimización e colaboración moito máis do que calquera outra e dá perfecta conta do xeito no que operamos.

Dirixímonos a persoas ou colectivos vencelladas á Cultura Libre. No nivel colaborativo tecemos rede con persoas, proxectos ou colectivos vencellados á cultura libre. E no nivel de incidencia do noso exercicio, dirixímonos a toda a cidadanía por esa idea de expandir canto máis a idea de que existen outros xeitos de vivir mellor e de forma máis digna e sustentable.

"Facilitando a intelixencia colectiva a través de tecnoloxías abertas e colaborativas, construímos dun xeito máis simple, económico e de mellor calidade ferramentas comúns como plataformas web, axendas comúns, festivais coproducidos, etc"

Que vos achegades os uns aos outros? Que gañades con este traballo colaborativo?

A colaboración no mundo antigo é entendida como un traballo de cooperación onde os individuos colaboran aportando un excedente en bens materiais ou en tempo sempre que teñan algún obxectivo común. A colaboración do novo mundo posible, ten que ver con abrir un sistema de trocas, coñecemento aberto, circulación libre e apertura total para concibir a túa vida de xeito colaborativo en cantas máis esferas da túa vida mellor, na que se inclúen tamén os sobreesforzos, abandonando a lóxica de achega con sobrantes. Un exemplo, na lóxica de optimización de fluxos, o colaborarmos en rede permite un beneficio maior permitindo que cos mesmos gastos nos que un artista ía mostrar a súa arte nun show, poida mostrar esa arte en varios espazos. Ou facilitando a intelixencia colectiva a través de tecnoloxías abertas e colaborativas, construímos dun xeito máis simple, económico e de mellor calidade ferramentas comúns como plataformas web, axendas comúns, festivais coproducidos, etc. onde os datos están abertos e o coñecemento e contactos non dependen dun xestor central beneficiando ó sector cultural alternativo. E así en moitas máis esferas que poden abordar o tema da sustentabilidade alimentaria, vestimenta, moradía, etc. como pretende o sistema de vida plantexado na Casa Colorida.

"O mundo virtual xa non é máis un mundo separado do tanxible. O virtual serve tanto para soñar e idear, como para traballar, deseñar, producir, crear, expresar, comunicar, articular e implementar no territorio todas as ideas dos individuos e todos os proxectos dos colectivos da rede"

Tedes unha compoñente virtual importante, referido a algún dos ámbitos que traballades e tamén á forma en que vos relacionades, pero non esquecedes o espazo físico: aí está o traballo sobre os montes de mancomún e tamén os espazos da Casa Tomada e Casa Colorida, verdade? 

O mundo virtual xa non é máis un mundo separado do tanxible. O virtual serve tanto para soñar e idear, como para traballar, deseñar, producir, crear, expresar, comunicar, articular e implementar no territorio todas as ideas dos individuos e todos os proxectos dos colectivos da rede. Son dimensións paralelas e non opostas. As novas xeracións nacen dixitalizadas, pero camiñan, dormen, comen e circulan polo espazo físico. Non é posíbel para nós separar esas dúas dimensións nos entornos nos que é posíbel acceder á dixitalización e comunicación web (a día de hoxe máis global no acceso que moitos outros recursos). Case sería imposíbel que este sistema de trocas e fluxos se deran coa mesma velocidade e afinamento sen as facilidades do software e os fluxos que permite a rede.

Como vai o proxecto de AdtlánticaTV?

Está en fase de testeo pol@s diferentes usuari@s que adquiriron servizos na plataforma e a continuación desenvolverase unha fase de aplicacións e especificacións técnicas da ferramenta segundo as demandas máis esixentes, que aportaron máis no crowdfunding. Dalgún modo isto permítenos desenvolver unha innovación baixo demanda do que queremos como comunidade de uso e non tanto un software ou plataforma de consumo. 

Que é a Buseira?

Polo de agora é un idea un tanto vaga de que hai que dalgún modo re-articular ou re-pensar as conexións metropolitanas na Galicia. Ben sexa compartindo vehículos e desprazamentos, a través dunha explicitación cartográfica de espazos, recursos e conexións; sabemos que o territorio galego peca dunha desproporcionada coas súas distancias.

"Esta crise ten a moita xente paralizada, pero xustamente nos mirámola como un ecosistema perfecto para acelerar ese novo mundo posíbel que de moitos xeitos xa está acontecendo"

A crise estanos paralizando a todos un pouco? Ou pode ser unha oportunidade para mudar estruturas?

Esta crise ten a moita xente paralizada, pero xustamente nos mirámola como un ecosistema perfecto para acelerar ese novo mundo posíbel que de moitos xeitos xa está acontecendo. Hoxe temos máis interacción entre os individuos que parte das carencias e das necesidades, e cando se entra nos fluxos colaborativos, pásase a descubrir como íamos de errados. Para nós é una oportunidade perfecta na que a creatividade e a intelixencia colectiva vai construíndo máis riqueza sociocultural, abrindo os espazos de construción e articulación cidadán, ampliando os circuítos de arte e cultura alternativa que estaba sufocada polo mercado, afondando na sustentabilidade económica con valorización de tempo e moedas complementarias, ampliando saberes e prácticas que suman cara á sostibilidade mediambiental como por exemplo, na retomada de hortas minifundistas e hortas colectivas ou urbanas, ou sexa, reconstruíndo a desfeita na que andabamos.

"Os recursos son ilimitados en canto as persoas temos o interese en compartir. Xa que tanto fóra coma dentro das estruturas de poder vertical, son persoas as que están ó outro lado do mail, do teléfono ou do mostrador"

Hai espazo e recursos para soster proxectos á marxe das institucións e do mercado? 

Fica demostrado que si, por unha banda, fóra da xestión pública e o mundo comercial, hai unha realidade que soe ficar obviada por ser tan presente: o sector privado, ou mellor podemos falar de "as persoas falando e tomando decisións". Pode ser tan fóra da tendencia xeral cando se pensa en obter recursos para proxectos culturais hoxe en día, que semella até novo.

En canto aos espazos: a cesión, usufructo, renda baixa ou simbólica, etc. son xeitos de nos relacionar en base a unha comprensión común da necesidade que temos tod@s, de que compartamos cos proxectos interesantes que xurden entre nós. Os exemplos: Alg-a Lab e Casa Colorida coma espazos cedidos, Casa Tomada cunha renda baixa que fai do proxecto algo autosustentable economicamente, etc.

Os recursos son ilimitados en canto as persoas temos o interese en compartir. Xa que tanto fóra coma dentro das estruturas de poder vertical, son persoas as que están ó outro lado do mail, do teléfono ou do mostrador. Niso reside a clave, e se cadra é mais unha cuestión de crenzas, confianza nun proxecto claro e útil para o común e de capacidade empática, que doutra cousa. É demostrábel tamén que por riba das normas e cuadraturas burrocráticas tamén se pode actuar.

Presentación de GZ Imaxinaria en Medialab Prado CC-BY-SA Medialab Prado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.