Debería controlar os excesos dos medios un organismo independente?

Sede do Consell de l'Audiovisual de Catalunya © CAC

A Constitución de 1978 recoñece no seu artigo 20 o dereito á información como un dereito fundamental. Un dereito, que como confirmou a xurisprudencia posterior elaborada polo Tribunal Constitucional, posúen os cidadáns ("o dereito a recibir unha información veraz") e é exercido polos xornalistas. Porén, en 35 anos de democracia España non foi quen de desenvolver a regulación asociada a este dereito, para consolidalo e mellorar a súa xestión. Só en 1997 se aprobou a norma que regula a cláusula de conciencia dos profesionais da información (nun texto que nin sequera quixo determinar quen é xornalista e polo tanto a quen afecta este dereito) e tamén se segue agardando pola norma que regule o segredo profesional. De igual xeito, as organizacións profesionais: colexios, asociacións e sindicatos, levan máis dunha década intentando que se aprobe unha Lei do Estatuto do Xornalista Profesional, que regule os dereitos dos periodistas, unha norma que chegou ao Congreso en 2004 da man de Esquerda Unida, e que foi paralizada unha e outra vez ante o desinterese dos partidos gobernantes, as grandes empresas xornalísticas e mesmo da FAPE (Federación de Asociacións de Periodistas de España). 

En 35 anos de democracia España non foi quen de desenvolver a regulación asociada ao dereito á información, para consolidalo e mellorar a súa xestión

En España custa regular a actividade xornalística, iso parece claro. As razóns, seguramente, haxa que buscalas aínda en corenta anos de ditadura, de leis de prensa franquistas e controladoras do publicado polos medios, de lapis vermellos. De feito, estas mesmas cautelas son as que durante moito tempo frearon os intentos de recoñecer uns requisitos específicos para ser recoñecido como xornalista, ou da existencia de rexistro ou colexiación obrigatoria, como si existe noutros países europeos. En España xornalista é quen traballa de xornalista e non hai (por moito que algúns antidisturbios se empeñen en inventalo) un carné de periodista. Pero dende logo, tamén pesa o poder das grandes empresas de comunicación.

As organizacións profesionais están "cansas de emitir recomendacións e de difundir pronunciamentos que non serven para nada". Propoñen a creación dun Consello Corregulador de Xornalismo que se ocupe de facer cumprir, a xornalistas e medios, o código deontolóxico da profesión

Nos últimos anos o Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP), da que forma parte o Colexio de Xornalistas de Galicia e a meirande parte dos sindicatos, entre eles o Sindicato de Xornalistas de Galicia, traballa pola aprobación dunha Lei Orgánica de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía (LOGDIC). A norma, que xa conta cun borrador articulado, propón regular a profesión para asegurar o cumprimento da función que a Constitución lles reserva aos xornalistas: ofrecer información veraz, isto é, obtida coa metodoloxía e deontoloxía axeitadas, segundo o Tribunal Constitucionañ. Quere ser unha norma que protexa os profesionais e sobre todo garanta os dereitos da cidadanía. As organizacións profesionais aseguran que están "cansas de emitir recomendacións e de difundir pronunciamentos que non serven para nada". Propoñen entre outras cousas a creación dun Consello Corregulador de Xornalismo que se ocupe de facer cumprir, a xornalistas e medios, o código deontolóxico da profesión (o que aprobou a Federación Internacional de Xornalistas). A proposta das organizacións profesionais é que este consello sexa independente do Goberno e estea integrado por representantes dos xornalistas, das empresas de comunicación, do Poder Xudicial, da universidade e das asociacións de consumidores.

No Reino Unido o escándalo provocado polas prácticas de espionaxe do News of the World levou a un consenso político para crear unha autoridade independente con capacidade para sancionar aos medios de comunicación

E denuncian que as grandes empresas de comunicación se opoñen á creación de organismos indepentes que regulen os seus excesos e velen pola ética dos contidos emitidos, apostando como moito por unha etérea autorregulación, "un modelo que lles asegura seguir sendo xuíz e parte, porque deixa baixo o seu control decidir que contidos cumpren os mínimos éticos exixibles ao dereito á información e cales non", segundo o Colexio de Xornalistas. O Colexio tamén lembra que a necesidade de organismos independentes é unha recomendación oficial do Grupo de Alto Nivel da UE sobre Pluralismo e Liberdade dos Medios. No Reino Unido o escándalo provocado polas prácticas de espionaxe do News of the World levou a un consenso político para crear unha autoridade independente con capacidade para sancionar aos medios de comunicación que falten á ética, unha caste de ombudsman da prensa, un valedor dos lectores.

En América Latina, onde este debate leva moitos anos de adianto con respecto a España e son varios os países que aprobaron normas que aseguran que este dereito non lle é arrebatado aos cidadáns

En definitiva, trátase de recoñecer que o xornalismo e a comunicación non son un negocio máis, que traballan cun material moi sensible, a información, fundamental para o correcto funcionamento da democracia e cuxo propietario é a cidadanía. En América Latina, onde este debate leva moitos anos de adianto con respecto a España e son varios os países que aprobaron normas que aseguran que este dereito non lle é arrebatado aos cidadáns, e que a información que reciben non é considerada un produto de consumo máis. Neste senso, resulta moi interesante, igualmente, o traballo desenvolvido non só polo profesionais, senón por organizacións cidadás que afirmaron a defensa dos seus dereitos a conunicar e recibir información. Aí está, por exemplo, a arxentina Coalición por una Radiodifusión Democrática, formada por máis de 300 colectivos sociais.

 

Os Consellos do Audiovisual

En España a única regulación admitida para os contidos difundidos polos medios de comunicación refírese ao sector audiovisual

Porén, en España semella difícil que as empresas de comunicación renuncien ao control absoluto que exercen sobre os seus contidos, sobre todo no que se refire á prensa impresa, amparándose nos preceptos de liberdade de empresa e tamén de liberdade de expresión. A única regulación admitida para os contidos difundidos polos medios de comunicación refírese ao sector audiovisual. No ámbito da comunicación audiovisual, a esixencia de que os poderes públicos exerzan unha labor regulamentadora é indiscutíbel, dado que o soporte a través do que estes medios se distribúen (o aire) é naturalmente público e debe ser organizado (como xa se está a facer) mediante a adxudicación de frecuencias de emisión en concursos abertos e públicos e en base a criterios obxectivos e de interese xeral. Pero o labor das administracións públicas non finaliza, non pode facelo, coa adxudicación destas licencias.

O Estado, a través de organismos independentes cuxos membros deben ser designados por unha maioría ampla do Parlamento (representante da soberanía popular), está obrigado a velar polo cumprimento dos criterios e condicións nas que se baseou a concesión dunha licenza de emisión. Esa é a labor que cumpren os consellos do audiovisual: a asignación das frecuencias de emisión e a supervisión do cumprimento das obrigas desa concesión: as xerais, recollidas na lexislación, principalmente na Constitución, e as particulares de cada licenza, criterios obxectivos aceptados polos beneficiarios da adxudicación. Só hai dúas formas de regular o espazo audiovisual (a completa desregulamentación é imposíbel, pois o espectro de frecuencias é limitado e debe ser organizado dalgún xeito): ou se encarga de facelo un organismo autónomo nomeado polo Parlamento, ou o fai directamente o poder executivo, como veu sucedendo até o de agora en España. Só así estaremos máis cerca dese xornalismo de servizo público, que debe dirixirse non ao consumidor, senón ao cidadán.

En Europa os consellos audiovisuais son moi frecuentes, de feito son a norma, funcionando en 40 países de todo o continente. En España funcionan dende hai anos consellos audiovisuais en Catalunya e Andalucía; habíaos tamén en Navarra e Madrid, pero foron suprimidos

En Europa os consellos audiovisuais son moi frecuentes, de feito son a norma, funcionando en 40 países de todo o continente, algúns coma o CSA francés ou o Ofcom británico cunha grande influencia. En España funcionan dende hai anos consellos audiovisuais en Catalunya e Andalucía; habíaos tamén en Navarra e Madrid, pero foron suprimidos. Son os que deciden a asignación de licencias de emisión (en Galicia isto depende directamente do Goberno galego), velan polo cumprimento das condicións polas que estas licencias foron concedidas, e emiten recomendacións e sancións cando unha emisora ou canle de televisión comete unha falta. A elección dos membros que conforman os respectivos consellos é un tema moi delicado, pois da súa maior ou menor subordinación ao poder executivo depende en gran medida a imaxe de independencia e imparcialidade que estes organismos ofrezan cara ao exterior. O CAC catalán está integrado por dez membros, nove dos cales son elixidos polo Parlament, a proposta, como mínimo, de tres grupos parlamentarios, por unha maioría de dous terzos.

Hai catro anos, dende a oposición, Alberto Núñez Feijoo prometía crear o Consello Audiovisual de Galicia, "cun estatuto similar ao Valedor do Pobo, que asuma as competencias de ditame ou adxudicación de frecuencias e o control independente dos medios públicos"

En Galicia a proposta de constituír un consello audiovisual foise esluíndo co tempo, desaparecendo dos programas electorais das principais forzas, nos que si aparecía en 2005, por exemplo, nos de PSdeG-PSOE e BNG, e no do PP en 2009. Hai catro anos, dende a oposición, Alberto Núñez Feijoo prometía crear o Consello Audiovisual de Galicia, "cun estatuto similar ao Valedor do Pobo e unha estrutura moi reducida, que asuma as competencias de ditame ou adxudicación de frecuencias e o control independente dos medios públicos". Nada se sabe desa proposta, que por exemplo tería permitido que as 84 licencias de FM adxudicadas hai un mes foran decididas por un organismo independente e con transparencia. Ou que permitiría investigar se algún medio de comunicación audiovisual cometeu abusos no caso de Asunta.

Sede do Consell de l'Audiovisual de Catalunya © CAC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.