Marcha contra a Lomce "clasista, privatizadora e antidemocrática"

Marcha contra a Lomce en Compostela Dominio Público @galizaCIG

Compostela acolleu este sábado a Marcha contra a Lomce convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, e na que se exixiu ao Goberno central que retire a nova e polémica lei educativa. A manifestación -á que se uniron outras noutros puntos de Galicia-, saíu en varias columnas desde Ponte da Rocha, o CEIP Lamas de Abade, a rúa Boisaca e a residencia do Monte do Gozo. Nin a chuvia puido cos varios centos de cidadáns que amosaron o seu frontal rexeitamento ao anteproxecto lei nun acto que tivo que ser acortado pola auga que caía.

    Varias marchas remataron na manifestación central en Praterías

Os manifestantes encheron a praza de Praterías -punto final da marcha- para insistir no "rexeitamento maioritario" a unha Lomce que cualifican de "españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional" e que "liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos".

Na lectura do manifesto, Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, denunciou o "modelo neoliberal" que pretenden implantar a Lomce e que "afonda nas diferenzas sociais", ademais de rexeitala por "recentralizadora e españolizadora" e porque permite que calquera alumno evite a escolarización en galego "matriculándose nun centro privado pagado por todos nós". "Procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas e marxina aínda máis a nosa lingua, elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos", denuncia.

    "A Lomce repercute negativamente no ensino público e fortalece o ensino privado"

A plataforma lembra que a Lomce "non só vai repercutir negativamente no ensino público, senón que vai fortalecer o ensino privado concertado", ademais de "blindar os concertos, mesmo con aqueles que segregan o alumnado sexo". Nesta mesma liña, a lei "reforza a confesionalidade e impide o ensino laico".

Para os manifestantes, o anteproxecto é "profundamente antidemocrático, elimina o Consello Escolar como órgano de goberno e baléirao de todas as competencias". Ademais, "liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios". "É unha lei elitista, clasista e segregadora", insiste.

Tamén advirte que a futura Lomce "desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado" e é "profundamente antipedagóxica, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio".

    "O anteproxecto de lei reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP"

En definitiva, "reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP e facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial  para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e intregral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis".

"Significa un retroceso de décadas porque elimina a igualdade de oportunidades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace", conclúe a plataforma, que exixe a retirada do anteproxecto.

Marcha contra a Lomce en Compostela Dominio Público @galizaCIG
Manifestación en Compostela Dominio Público @frentepg

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.