Convocan unha concentración contra a monarquía ante a visita dos príncipes a Vigo

Cartaz da concentración contra a monarquía Dominio Público ECOAR

Monarquía Non!!! Baixo este lema a plataforma de colectivos ECOAR (Espazo de Contradiscurso, Coordinación e Construción de Alternativas e Resposta Social) chama a concentrarse este xoves ás 11.30 horas da mañá na porta principal de Citroën para protestar contra a institución monárquica, coincidindo coa visita do príncipe Felipe e a princesa Letizia a Vigo, e ás instalacións da empresa.

ECOAR centra as súas críticas no propio carácter non igualitario e non democrático da institución, pero tamén sinala os recentes casos de corrupción nos que distintos membros da Casa Real se viron implicados e a falta de transparencia da Casa Real. Tamén lembran que o actual monarca, Juan Carlos I, foi designado directamente polo ditador Francisco Franco "un xenocida recoñecido internacionalmente".

Esta plataforma cidadá constituíuse o pasado mes de marzo e nela conflúen diferentes persoas e colectivos de Vigo e a comarca, formada por axentes pertencentes a distintos movementos sociais cun perfil diverso. Ecoar busca "ser unha ferramenta a través da cal os colectivos e persoas se coordinen e acheguen á contorna social as súas virtudes" e chama "a converxer a persoas e colectivos sociais para poñer en marcha unha resposta unitaria e solidaria á crise capitalista". Daquela os seus responsables salientaban que na sociedade "está habendo un gran dinamismo e tamén un cambio de paradigma: dende as organizacións de masas a unha masa que se organiza pola súa conta".

Cartaz da concentración contra a monarquía Dominio Público ECOAR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.