"Non queremos os titulares cando teñamos o monte queimado"

Artefacto incendiario entregado ao técnico da Xunta CC-BY-SA Carnotán

Iván vive no rural de Carnota, preto da estrada que vai de Maceiras  a Mallou, no barrio da Balsa. Esta non é unha zona de paso, "nin que te perdas por casualidade". No serán deste sábado, apenas unha hora despois de que a Xunta dese por controlado o lume que arrasou o monte Pindo, no mesmo Concello, escoitou "os berros dunha veciña". De novo, lume. "Xa estamos acostumados e reaccionamos no momento". Unha vez máis, á veciñanza tocoulle salvar o monte.

Tras "chamar de inmediato ao 085" Iván colleu "un par de bañeiras" cheas de auga "e arrinquei para o lume" que viña de se iniciar. "Non había moito vento; como o collemos nos primeiros segundos e, por costume, nos organizamos ben e rápido, apagámolo axiña". En apenas cinco minutos "xuntamos dez persoas pasando baldes de auga un tras outro, iso foi o que nos salvou" e tamén o que permitiu "que o meu pai dese sacado a mecha coa que prenderon". Obviamente, neste caso o incendio frustrado tamén era provocado.

A veciñanza atopou o artefacto co que, presuntamente, se tentou provocar o incendio

Arredor de "vinte e cinco minutos despois", relata, "presentouse un técnico forestal da Xunta nun todoterreo". "Ensinámoslle a mecha" que, presuntamente, iniciou as lapas, "colleuna cunha servilleta e meteuna nunha bolsa" xusto antes de "chamar por teléfono" e darlle unha explicación á veciñanza que a deixou desacougada. "Non imos declarar incendio porque non hai nin un metro cadrado queimado", reproduce Iván, quen salienta ademais que o técnico sinalou que ían "ver se temos alguén dispoñible, para mandar aquí e que vixíen". "Pero vós -advertiu aos veciños- tedes que estar pendentes, tamén". "Marchou ao cuarto de hora e non veu ninguén máis", afirma.

Segundo intento de provocar un incendio

"Co susto no corpo" varios veciños da zona decidiron vixiaren eles mesmos, a xeito de "patrulla". Se cadra "o reflexo da lúa ou a tensión que temos" foi o que provocu "que unha veciña pensara que vira lume" arrdor das doce da noite". "Outra vez carreiras e baldes de auga", pero falsa alarma. "Eu fixen garda ata as catro da mañá", explica Iván para Praza Pública, antes de contar que "contra as cinco, outar veciña erqueuse e viu outro lume comezando". "Afortunadamente, os baldes estaban cheos e entre dous veciños dérono manexado" sen que chegase a queimar máis de "tres ou catro metros" de terreo.

"Déanlle visibilidade ao acoso que estamos a sufrir"

Sen "máis datos" que a presenza "dun par de motos" na zona, moi pouco transitada, Iván pide que se lle "dea visibilidade ao acoso que estamos a sufrir". "Non queremos grandes titulares cando teñamos o monte queimado", senón "axuda" para que iso non aconteza. "Hai que amosar o que nos están a facer", reclama, nun contexto no que o risco non é só para o monte; na zona onde comezou a arder o sábado "aparca un veciño a súa furgoneta, é pintor " e o vehículo está "cheo de materiais inflamables". No mesmo lugar, a "tan só vinte metros" do lume, está "a casa máis próxima". "Estamos sós", lamenta, mentres bota man das redes sociais de internet para tentar espallar o que acontece na súa aldea e mantén, case permanentemente, un ollo no monte.

Artefacto incendiario entregado ao técnico da Xunta CC-BY-SA Carnotán
Zona queimada polo lume frustrado CC-BY-SA Carnotán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.