Galicia manifestarase contra o ataque a Siria dividida en dúas plataformas

Pancarta contra a guerra no Consulado dos EUA © R. Saavedra

A cidadanía galega está convocada esta semana a dúas accións de protesta contra o anunciado ataque militar de Estados Unidos e os seus aliados contra Siria. A Coordinadora Galega pola Paz convoca este martes ás 20.30 concentracións ante as casas do concello das principais cidades e vilas do país, uns actos que na Coruña se celebrarán ante o consulado norteamericano e en Vigo ante o consulado francés. A Coordinadora Galega pola Paz tamén se concentrará ás 20.30 horas do día seguinte ao comezo dos ataques. Pola súa banda a Plataforma Galiza contra a Guerra, constituída hai uns días, fará o propio este xoves, tamén ás 20.30, nunha convocatoria que se repetirá todas as semanas, mentres dure o conflito. As conversas que mantiveron nas últimas semanas as organizacións que fan parte de cada unha das plataformas non levaron a unha unificación de manifestos e convocatorias, polo que a protesta galega contra a intervención militar se expresará dividida.

As conversas que mantiveron nas últimas semanas as organizacións que fan parte de cada unha das plataformas non levaron a unha unificación de manifestos e convocatorias

O manifesto da Coordinadora Galega pola Paz denuncia que a intervención militar norteamericana en Siria pode desencadear consecuencias gravísimas para unha rexión xa de por si fortemente armada e con confrontacións políticas, relixiosas e armadas que se prolongan no tempo. E conclúe que "bombardear un país soberano, intervilo militarmente desde o exterior, pola forza e a violencia, non son as mellores fórmulas para resolver un conflito. Todo o contrario. É precisamente a presión económica, política e diplomática sobre as partes, da comunidade internacional, de forma multilateral, co protagonismo das Nacións Unidas e da Liga Árabe, as que poden impoñer un alto o fogo e abrir vías de diálogo e de entendemento, en Siria e no conxunto da rexión".

O texto lembra que a cidadanía siria se "levantou contra do réxime ditatorial de El Assad, hai algo máis de dous anos, reclamando, como o resto das Primaveras Árabes, pan, traballo e liberdades democráticas, co protagonismo da mocidade laica e progresista" e que "Occidente, coa miopía que o caracteriza, decidiu non apoiar estas reivindicacións e militarizar o conflito, vendendo armas aos chamados rebeldes, cada vez máis controlados por grupos yihadistas". E salienta que "a poboación civil siria, especialmente nenos, mulleres e anciáns, son as vítimas inocentes dun brutal enfrontamento alongado deliberadamente para debilitar e destruír o país, para facelo irrelevante na rexión, para facilitar os plans de control e a posterior intervención en Irán".

O texto e as convocatorias da plataforma están apoiadas por Adega, Altermundo, Amarante, Anova-In, CCOO, Asociacion Cultural Fuco Buxan, Coordinadora Galega de Ongds, Colectivo Encontro, Compromiso X Galicia, Equo Galicia, Espazo Ecosocialista Galego, EU, Fete-UGT, Foro Galego da Inmigración, Fundacion 10 de Marzo, Fundacion Araguaney, Fundacion Baltasar Garzón, Fundacion Luis Tilve, Intered, Intermon Oxfam, Mocidade Nacionalista Galega, Seminario Galego de Educacion Para a Paz, Sindicato Labrego Galego, Solidariedade Internacional, STEG, UGT, Unions Agrarias, Verdegaia, Voluntariado Social Rogas, Xuventudes Comunistas e Xuventudes Socialistas Galegas. 

A Coordinadora Galega pola Paz convoca concentracións este martes ás 20.30 horas, mentres que a Plataforma Galiza contra a Guerra o fará todos os xoves a esa mesma hora

Mentres, a Plataforma Galiza contra a Guerra sinala que os Estados Unidos e os seus aliados "están a fabricar mediante a manipulación e a propaganda unha nova mentira para xustificar o ataque, de igual xeito que con anterioridade fixeron coas supostas armas de destrución masiva no Iraq" e oponse a uns ataques que cualifica de "agresión imperialista". O seu manifesto está asinado por Adega, Agir, Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, Associaçom Galega de Amizade com a Revoluçom Bolivariana, Bloque Nacionalista Galego, Briga, Causa Galiza, Comités, Confederación Intersindical Galega, Coordenadora Continental Bolivariana- Capítulo Galiza, Federación Rural Galega, Galiza Nova, Isca!, Liga Estudantil Galega, Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, Nós-Unidade Popular, Partido Comunista do Pobo Galego, e Xuventudes Comunistas.

 

Convocatorias

Coordinadora Galega pola Paz. Martes 10, 20.30

A Coruña. Consulado dos Estados Unidos (Juana de Vega, 8)
Compostela. Concello. Praza do Obradoiro
Ferrol. Concello. Praza de Armas
Lugo. Concello. Praza Maior
Ourense. Concello. Praza Maior
Pontevedra. Praza da Peregrina
Vigo. Consulado de Francia (Camelias, 56)

Plataforma Galiza contra a Guerra. Xoves 12. 20.30

Pancarta contra a guerra no Consulado dos EUA © R. Saavedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.