Crean a plataforma arxentina de apoio á querela contra os crimes do franquismo

Unha lousa en Pereiró lembra os centos de asasinados neste lugar CC-BY XabelDiz

O vindeiro martes 3 de setembro constituirase en Bos Aires a plataforma arxentina de apoio á querela contra os crimes do franquismo. A convocatoria deste encontro foi lanzada pola Federación de Asociacións Galegas, dirixida a organizacións sociais e organismos de dereitos humanos. A xuntanza celebrarase no Salón Arturo Cuadrado da sede da Federación, no porteño barrio de San Telmo.

O 14 de abril de 2010 interpúxose unha querela ante a xustiza arxentina co obxecto de que se investiguen os crimes cometidos en España pola ditadura franquista, que tramita ante o Xulgado Nacional Federal no Correccional e Criminal Nº 1 de Bos Aires. Inspírase no principio de xustiza universal, consagrado na Constitución arxentina e no dereito internacional, conforme ao cal os responsables de crimes contra a humanidade poden e deben ser perseguidos polos tribunais de xustiza de calquera país, calquera sexa o lugar e o tempo en que os cometeron. En virtude do mesmo actuou a xustiza española respecto dos crimes cometidos pola ditadura arxentina, e as doutros países latinoamericanos, "prestando unha invalorable axuda para pór fin á impunidade entón reinante nas nosas nacións", destaca a Federación.

Amnistía Internacional denunciou no seu informe O tempo pasa, a impunidade permanece, a falta de vontade das autoridades xudiciais españolas de cumprir coa súa obriga internacional de investigar os crimes do franquismo

A organización pro dereitos humanos Amnistía Internacional denunciou no seu último informe O tempo pasa, a impunidade permanece, a falta de vontade das autoridades xudiciais españolas de cumprir coa súa obriga internacional de investigar os crimes do franquismo. Ao desamparo xudicial en España, Amnistía Internacional suma a continua falta de cooperación e presións exercidas por parte das autoridades españolas sobre a xuíza arxentina María Servini, quen, valéndose do principio de xustiza universal, aceptaba a trámite da querela “por xenocidio e/ou crimes de lesa humanidade cometidos en España entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977”. Trabas que mesmo levaron á suspensión das declaracións testemuñais a través de videoconferencias na Embaixada arxentina de España. Tampouco as portas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos se abriron á causa, inadmitindo este tribunal todas e cada unha das demandas presentadas contra España en relación á Guerra Civil e o franquismo, argumentando, na maioría dos casos, a neglixencia dos demandantes por interposición tardía, ignorando así o periplo xudicial ao que España somete as vítimas antes de acudir a Estrasburgo.

Para axudar a este movemento a Federación considera "primordial" a constitución dunha plataforma en Arxentina

A Federación de Sociedades Galegas sinala que "ante a absoluta denegación de xustiza existente en España respecto destes crimes, e dado que o proceso xudicial aberto en Arxentina é o único no mundo que actualmente pretende investigalos, foise xerando en España unha importante rede de apoio social dando orixe a unha Coordinadora Estatal de apoio á querela arxentina contra os crimes do franquismo integrada por múltiples asociacións". Para axudar a este movemento a Federación considera "primordial" a constitución dunha plataforma en Arxentina "que organice a todos aqueles que xa veñen realizando importantes accións, sómese ás xa constituídas en distintos lugares do Estado español e agrupe todos aqueles organismos e persoas dispostos a promover a loita para pór fin á impunidade do franquismo".

O avogado Carlos Slepoy na súa casa de Madrid © El Diario
Unha lousa en Pereiró lembra os centos de asasinados neste lugar CC-BY XabelDiz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.