EU denuncia a proliferación de centros de orientación familiar "clericais"

Manifestación contra o peche do COF do Ventorrillo Dominio Público @15Mmontealto

Diversos colectivos (Plataforma SOS Sanidade Pública, a Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas ou a Plataforma pola Defensa do Dereito ao Aborto), e os propios empregados dos centros levan tempo denunciando a destrución de diferentes prazas de profesionais nos devanditos centros e chamando a atención sobre o "desmantelamento" da atención pública da saúde sexual e reprodutiva no país por parte da Xunta e que provoca "a perda dos dereitos sanitarios e da calidade asistencial ante o grave retroceso nos dereitos sexuais e reprodutivos, especialmente das mulleres". O caso máis significativo é o COF do Ventorrillo, na Coruña, cuxa supresión provoca que máis de 150.000 mulleres teñan que ser atendidas no outro único centro da cidade.

"Mentres asistimos ao desmantelamento dos COF públicos comprobamos con perplexidade como cargos da Xunta presiden actos inaugurais de Centro de Orientación Familiar Diocesanos”

A esta realidade, denunciada tamén por sindicatos e por todas as forzas políticas da oposición, súmanse agora as voces que alertan da proliferación de centros de orientación familiar "clericais", dependentes ou relacionados coa Igrexa católica. Así o afirma Esquerda Unida, que a través do seu voceiro na Coruña, César Santiso, critica que "mentres asistimos ao desmantelamento dos COF públicos comprobamos con perplexidade como cargos da Xunta presiden actos inaugurais de Centro de Orientación Familiar Diocesanos”. A formación engade que este centro "se presenta empregando o nome do servizo público do SERGAS coa conseguinte confusión que isto implica para os usuarios e usuarias".

Santiso afirma que dende os autodenomidados COF Diocesanos "publicitanse servizos de asesoramento en métodos anticonceptivos, asesoramento psicolóxico e psicoterapia, terapia familiar e de parella, avaliación psiquiátrica, problemas de fertilidade.... Uns servizos que, para maior abondamento, se presentan como servizos de pago sen aclarar tarifas á vez que se encadran dentro de Fundacións sen ánimo de lucro, constituídas expresamente para garantir a estrutura financeira, xurídica e de goberno do propio COF Diocesano".

Ademais, os deputados de AGE Yolanda Díaz, Eva Solla e Ramón Vázquez, presentan unha proposición non de lei para que a Xunta "potencie os COF dos SERGAS, non dea axudas aos COF dependentes da igrexa e impida que usen a mesma nomeclatrua que os públicos".

Manifestación contra o peche do COF do Ventorrillo Dominio Público @15Mmontealto
Centro de especialidades do Ventorrilo, no que se atopa o COF Dominio Público Nemigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.