Terase en conta a consulta 'non vinculante' aos pais para fixar a lingua no ensino infantil

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, durante a rolda de prensa © Xoán Crespo

A consulta aos pais e nais non será vinculante á hora de fixar a lingua na que se imparta o ensino infantil en Galicia. Así o determinou de forma clara o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nas súas sentencias e así o acata a Xunta nas súas disposicións. Porén a consulta "constituirá un dato moi importante" para que os centros tomen esta decisión sobre a lingua inicial de ensino, canda a outros factores, coma o ámbito sociolingüístico e a garantía de equilibrio de ensino. O Goberno galego xustifica a importancia redobrada que se lle outorga á opinión de pais e nais en que "o coñecemento por parte dos centros da lingua materna dos alumnos/as vén obrigada pola Lei 3/1983 de normalización lingüística e toda a normativa posterior".

A consulta "constituirá un dato moi importante" para que os centros tomen esta decisión sobre a lingua inicial de ensino

O Secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou a instrución que adecúa o decreto de plurilingüismo ao fixado pola xustiza e asegurou que “a fórmula adapta totalmente o Decreto ás sentenzas do TSXG en canto que cingue totalmente o contido da norma ao ditame do alto tribunal galego”. En novembro as sentenzas do TSXG anulaban o artigo 5.2. do Decreto, no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil.

Os centros tamén considerarán a realidade sociolingüística da contorna na que estean radicados "tendo en conta, en todo caso, a garantía dunha presenza equilibrada das dúas linguas cooficiais da nosa Comunidade Autónoma como vehiculares do ensino e tamén que o alumnado deberá adquirir competencia lingüística tanto en galego coma en castelán", indica Política Lingüística. Tamén se sinala que "o alumnado deberá empregar na aula a lingua estipulada para a impartición de cada área, materia ou módulo", aspecto no que “prevalecerán, á hora de avaliar as respectivas materias, os criterios de avaliación referidos á adquisición dos coñecementos específicos”.

Hai catro semanas a Consellaría de Educación comezou a enviarlles aos centros de ensino un modelo de enquisa semellante ao do ano pasado para pasarlle aos pais e as nais en Educación Infantil e así determinar a lingua vehicular nas aulas. Isto foi moi criticado pola CIG, que lle solicitou ao TSXG que executase a sentenza e anulasee o envío da consulta por parte da Xunta. O conselleiro Jesús Vázquez saíu ao paso destas críticas cualificando de "antidemocrática" a "actitude" da CIG "ao tentar impedir que a Consellería reúna información sobre a lingua materna do alumnado de infantil, cuestión fundamental para garantir os dereitos do alumnado". A Xunta defendeu daquela que "a pregunta realizada pola Consellería ás familias é legal" e "necesaria" xa que só persegue "coñecer cal é a lingua da que parten as nenas e nenos de infantil" para así "garantir os dereitos do alumnado" en referencia á mención do respecto á lingua materna presente na Lei 3/1983 de normalización lingüística e no propio decreto 124/2007, que establece no seu artigo 7" que "a lingua materna predominante será determinada polo claustro e que para o seu establecemento deberán terse en conta, entre outros, a información achegada polos pais e nais".

CIG-Ensino presentou un "incidente de execucion de sentenza" ante o TSXG e o 11 de xullo o tribunal deulle vinte días á Xunta para xustificar que a enquisa lingüística repartida entre os centros de ensino non vai contra as sentenzas coas que o alto tribunal galego ilegalizou parte do decreto do plurilingüismo.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, durante a rolda de prensa © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.