"Exiximos dereitos e non caridade"

Veciños entregan os documentos no Concello de Vigo CC-BY-SA ODS-Coia

Unhas cincuenta persoas reclamaron este martes no Concello de Vigo "dereitos e non caridade" tras denunciar as "insuficientes" axudas de Emerxencia Social xestionadas pola Concellería de Benestar e que cualifican tamén de "opacas na súa tramitación e deficitarias no procedemento". Convocados pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS) e pola parroquia do Cristo da Vitoria, os cidadáns manifestaron a súa indignación por unha eiva agravada pola "situación de emerxencia social ante a falta de recursos, o desemprego ou a perda de poder adquisitivo" que están a sufrir tantos veciños.

Os concentrados denuncian a "opacidade" dunhas axudas de Emerxencia Social "insuficientes e deficitarias no procedemento"

Os convocantes leron un manifesto no que lembran que dende o pasado mes de abril botáronse ás rúas "para berrar que vivir dignamente é un dereito", así como para "exixir unha Renda Básica que permita vivir cuns mínimos". "Porque estamos nunha situación de emerxencia social e para saír dela teremos que ir construíndo modelos que superen e acaben con este asasino sistema capitalista", denunciaron, logo de asegurar estar "fartos de propaganda e promesas".

A deficiencia nas axudas de Emerxencia Social xa lle fora exposta á concelleira de Benestar, Isaura Abelairas, hai máis dun mes nun encontro no que os colectivos lle exixiron "a ampliación das partidas orzamentarias destinadas a estas axudas e o respecto ao procedemento administrativo legal establecido polo propio Concello, coas garantías que iso conleva, sen que iso afectase aos prazos de concesión, especialmente no referido á posibilidade de presentar por escrito as solicitudes, a ter constancia por escrito da presentación de documentación e á notificación da resolución motivada".

Ante a falta de respostas, os afectados acudiron ás entrevistas coas traballadoras sociais co modelo de solicitude de rexistro cuberto para solicitar así as axudas económicas para situacións de emerxencia. "A resposta maioritaría foi que nas UTS non podían selar nin recoller estas solicitudes remitindo ás persoas ao rexistro do concello, malia que no documento aprobado en Xunta de Goberno aclara que si é posible", explican.

"No medio da intemperie, temos que asistir a unha nova campaña de propaganda construída sobre o asistencialismo e a caridade"

"No medio da intemperie na que nos deixan temos que asistir a unha nova campaña de propaganda construída sobre o asistencialismo e a caridade, tras anunciar o Concello aos catro ventos a aprobación das axudas do Plan Municipal de Axuda a Familias, incluído nos orzamentos por presións do seu antigo socio de goberno e da cidadanía, cunha partida de 3,2 millóns de euros", explican os colectivos, que aclaran que transcorridos sete meses, o plan confirmouse como "moi restritivo" (ao excluír as unidades de convivencia cunha renda per cápita superior aos 150 euros ao mes) e polo emprego de 200.000 euros destinados ao pago de publicidade nos medios. "En poucas palabras: publicidade a costa das nosas miserias e cos nosos cartos", denuncian.

"Temos claro que por riba da súa cobiza, dos intereses partidistas e mercantilistas, está a nosa dignidade e estamos dispostas a dar resposta ás nosas necesidade de vida dende abaixo e colectivamente", aseguraron na lectura do manifesto, antes de que tres representantes entregasen o escrito á concelleira de Benestar e ao xefe de servizo desta área, que lles asegurou que non se poderían arranxar os déficits no procedemento das axudas até setembro "por non teren diñeiro para facer as modificacións necesarias no sistema informáticoa que as xestiona". Ademais, os convocantes intentaron facer a entrega do mesmo documento ao alcalde, pero tiveron que deixarlla á secretaria ao advertirlles que "non era posible" reunirse con el. "Exiximos dereitos, non pedimos axudas; e unha Renda Básica que nos permita vivir con dignidade", remataron.

Veciños entregan os documentos no Concello de Vigo CC-BY-SA ODS-Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.