A Irmandade que levou o galego ao xuízo do Prestige

Avogados da Irmandade Xurídica Galega no xuízo do Prestige © IXG

Malia que semella que debería ser tratado con normalidade, os feitos revelan que non o é tanto. O macroxuízo pola catástrofe da Prestige rematou esta semana e quedou visto para sentenza máis de dez anos despois de que a marea negra cubrise as costas galegas. Nikolaos Argyropoulos, xefe de máquinas do buque, aproveitou a quenda de última palabra para pedir "perdón" a Galicia polos danos causados. Ao tempo, a defensa do ex director xeral da Mariña Mercante e outro dos acusados, José Luis López Sors, presentou as súas conclusións para xustificar o afastamento do barco ante o risco de "afundimento inminente" do petroleiro e asegando que achegalo á beiras podería ter tido peores consecuencias. Fíxoo a letrada Consuelo Castro, xefa territorial en Galicia da Avogacía do Estado, e fíxoo en galego.

A avogada de López Sors empregou o galego malia que o ex director xeral da Mariña Mercante pedira interpretación simultánea

A avogada empregou a lingua propia -ao igual que outros letrados durante o xuízo celebrado na Coruña- malia que López Sors pedira a interpretación simultánea durante as súas comparecencias alegando que non entendía correctamente o galego. E solicitárao malia ser nado en Ferrol e exercer boa parte da súa carreira profesional en Galicia. Interveu con auriculares e chegou a pedir que lle subisen o volume por non comprender ben as intervencións da acusación, unha polémica que foi vista por moitos como un intento de desviar a atención ou incluso de provocar.

Respondeu, xa que logo, López Sors en castelán e logo de interpretación simultánea ás preguntas doutro letrado, o de Nunca Máis, que tamén interveu en lingua galega durante o xuízo do Prestige. Pedro Trepat foi un dos que empregou o idioma propio durante un macroxuízo no que tamén se puido escoitar o galego de boca doutros letrados como Xosé Avelino Ochoa, Alejandro Martín e Miguel A. Fernández. Todos eles compartían unha insignia na súa toga, na que se representa un dolmen, o símbolo da Irmandade Xurídica Galega.

O galego estivo presente no xuízo do Prestige grazas aos letrados da Irmandade Xurídica Galega

Constituída o 21 de xuño 2008 logo dun acto en Celanova, esta Irmandade aglutina máis de vinte xuristas (entre maxistrados, xuíces, fiscais e avogados), así como funcionarios xudiciais. Todos eles partidarios e defensores do uso da lingua galega na súa actividade profesional e continuadores dunha tradición que comezaran Sebastián Martínez Risco, Roberto González Pastoriza, Ramón Carballal Pernas, Valentín Paz Andrade, Lois Peña Novo ou Arturo Noguerol, que forman parte dunha ampla nómina de funcionarios xudiciais e avogados que quixeron restablecer o uso da lingua galega nas instancias xudiciais, continuando cunha tradición interrompida durante séculos, cortada de raíz co golpe de estado fascista de 1936 e que logo continuarían Daniel García Ramos, Orencio Pérez González, Xosé Luís Albés López, Xosé Xoán Barreiro Prado, Fernando Leiceaga, Luciano Varela Castro ou os fiscais Benito Montero Prego, Xoán Horro González e Carlos Varela García.

Agora, son varios os funcionarios xudiciais que comparten a toga da Irmandade Xurídica Galega e defenden o uso da lingua propia do país nun ámbito, o xudicial, onde o idioma está tan esquecido e minorizado. Incluso nun macroxuízo como o do Prestige, centrado basicamente en Galicia e en protagonistas galegos, o galego non foi maioritario. Pero si foi importante grazas á naturalidade (e tamén compromiso) destes avogados que locen un dolmen como insignia.

Avogados da Irmandade Xurídica Galega no xuízo do Prestige © IXG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.