Tres meses denunciando a "manipulación" dos telexornais

Captura de imaxe do blog do comité da TVG © Eunonmanipulo

As denuncias por manipulación na TVG continúan. A través do blog elaborado polo comité de empresa, traballadores da canle pública analizan o tratamento informativo dunha morea de noticias nos informativos da televisión autonómica. Con xa tres meses de vida, a bitácora -creada o pasado mes de abril ao aumentarse a manipulación e represión a raíz dos masivos casos de corrupción, tal e como denunciaron os representantes dos traballadores en Praza- está a un paso de chegar ás 40.000 visitas.

O blog de denuncia dos traballadores da TVG cumpre tres meses a un paso das 40.000 visitas

Son  milleiros os galegos, xa que logo, que acceden ao blog EuNonManipulo para coñecer o tratamento que desde a TVG se lle dá ás novas desde o punto de vista dos representantes dos traballadores, así como as diferentes "varas de medir" segundo os protagonistas das informacións. "O blog tamén se fai para que os traballadores da televisión pública sexamos conscientes de que temos unha responsabilidade que cumprir", insistían os seus creadores hai uns meses.

A bitácora, que comezou a coller folgos coa análise do curioso xeito que a canle pública tiña para informar das polémicas fotografías de Feijóo con Marcial Dorado ou dos datos económicos, achega nos últimos días probas do que consideran outra grave "manipulación" por parte dos servizos informativos da canle.

Así, o blog repara na entrevista a Pablo Crespo publicada polo Faro de Vigo e na que o ex secretario de organización do PPdeG ameaza con tirar da manta e insinúa posibles casos de corrupción no partido. "A Televisión Pública Galega non fai referencia a esta información que ocupa importantes espacios nos medios de todo o Estado español", indica a bitácora engadindo enlaces a diferentes fontes, tras destacar que "nin tan sequera se emitiron as declaracións que fixo a deputada e voceira do PP, Paula Prado, sobre este asunto nunha rolda de prensa que cubriu TVG".

E só un exemplo. Durante estes tres últimos meses, foron moitos os artigos colgados no blog que chamaron a atención dos lectores que descobren a través dos textos as novas que nunca saen no Telexornal ou que son claramente manipuladas. A bitácora vén de colgar o top ten das dez entradas máis visitadas. Entre elas, dá conta da vinculación que os informativos fixeron entre o BNG e Herri Batasuna a raíz dunhas declaracións do presidente Feijóo, a equiparación que se fai da masiva manifestación contra a megaminería e unha reportaxe sobre unha viaxe pagada polas multinacionais a Asturias ou o silenciamento da absolución do presidente da Mesa, Carlos Callón, tras a denuncia dun xuíz da Coruña.

Captura de imaxe do blog do comité da TVG © Eunonmanipulo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.