Un informe de expertos eleva os riscos da mina de Corcoesto

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

Catro profesores e especialistas das universidades de Santiago de Compostela e Vigo veñen de rebater cun completo informe a posición da multinacional mineira Edgewater, así como da Xunta de Galicia, no que ten que ver nos riscos e prexuízos que a futura mina de Corcoesto podería provocar na saúde e no medio ambiente. Os doutores David A. Rubinos, Rosa Devesa-Rey, Francisco Díaz-Ferros e María Teresa Barral realizaron o informe a petición da Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños, que presentou este xoves en Compostela esta "revisión crítica" sobre a "potencial mobilización de arsénico nos materiais xeolóxicos e residuos mineiros" desta parroquia de Cabana.

O informe alerta dos riscos e prexuízos da mina de Corcoesto e rebate os documentos da empresa e o visto e prace da Xunta

Apoiados neste novo informe, voceiros da plataforma contraria á mina demandaron ao Goberno galego que reformule a declaración positiva de impacto ambiental concedida á empresa, ao considerar que está baseada nos propios estudos de Edgewater, á que acusan de "infravalorar" as consecuencias e os riscos do proxecto da firma de Canadá.

Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e investigador do CSIC, aclarou que o estudo encargado pola plataforma a estes catro especialistas xa advirte da presenza natural de arsénico na zona de Corcoesto, aínda que pouco móbil, e de residuos máis abundantes do normal como consecuencia da explotación mineira que xa se realizou na zona nos principios do século pasado. No entanto, aclara tamén que o documento alerta de que o método de análise empregado pola empresa -e recollido tal cal pola Consellería- baséase na análise cun litro de agua, un quilo de sedimento e en 24 horas, un método que non é o que recomenda a UE e que non agarda as 72 horas requiridas.

O estudo pide análises "máis exhaustivas" e cre que "é moi probable" que a concentración de arsénico sexa maior que a que di a empresa

Así, González insiste en que este é o método aplicado pola empresa para estimar que serán 77 microgramos por metro cúbico o arsénico que sairá da balsa de residuos de 11 millóns de metros cúbicos que se proxectou. Pero o informe, ao que tivo acceso Praza, déixao claro: "Dada a elevada toxicidade do arsénico e a perigosidade derivada da súa potencial mobilización, recoméndase a realización de ensaios de lixiviación máis exhaustivos que permitan estimar fielmente o comportamento de liberación a longo prazo". Ademais, insiste en que é "moi probable" que as concentracións deste material contaminante "superen" as cantidades estimadas pola multinacional nas augas de vertido. 

Ante esta situación, a plataforma contraria á mina considera que deberían repetirse os estudos e modificar tamén a clasificación de non perigosos que se outorgou aos lodos. Do mesmo xeito, e sempre baseándose no informe dos expertos, advertiron do problema que causará o po, xa que cada tonelada de roca contén 400 gramos de arsénico, que estarán expostos a voaduras e cargas e descargas con camións que provocaría que chegasen aos humanos, a flaura ou a flora da zona.

"Débense implementar as medidas efectivas de illamento nos sistemas de almacenamento estériles, se fose necesario", indica o informe, que engade que, "aínda que o proxecto contempla a instalación de balsas de decantación nos puntos de vertido, as predicibles altas concentracións de arsénico disolto nas augas de drenaxe recomendan a depuración destas augas mediante técnicas de depuración efectivas para arsénico".

Os catro expertos alertan dos "graves efectos" que podería provocar o arsénico "se non se adoptan as medidas oportunas"

"A mobilización de arsénico, se non se adoptan as medidas oportunas, podería provocar graves efectos sobre o medio ambiente e a saúde pública das poboacións expostas; a presenza previa de arsénico nas augas da zona non xustifica a liberación de elevadas cantidades de arsénico soluble e/ou asociado a partículas aos cursos de auga superficiais e ás augas subterráneas, senón máis ben un agravente", conclúe o estudo, que pide "a implementación polas autoridades sanitarias dun plan de control analítico e a realización de estudos epidemiolóxicos de efectos relacionados coa exposición a arsénico na zona".

Ao tempo, e mentres se presentaba este estudo, diante do Parlamento de Galicia concentráronse varios membros da plataforma favorable á explotación mineira en Corcoesto, que volveron asegurar a creación de 271 postos de traballo directos e uns 1.500 indirectos a partiro do primeiro ano e medio de traballos. Segundo este colectivo, "as cousas están ben feitas" e a mina "conta co visto e prace da Xunta", polo que non  habi motivos para que non se abra.

"Sa falta que lle dean para adiante ao permiso", insistiu esta plataforma, que foi contestada en canto ás súas promesas de traballo polo colectivo contrario á mina, que advirte de que os traballos da mina provocarán que se vexan afectadas xa unhas 1.260 explotacións leiteiras e todo o emprego asociado a elas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.