AGE esixe o desmantelamento de Reganosa e denuncia que "só a corrupción" protexe a planta

Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz achéganse a falar cos veciños de Ferrolterra concentrados fóra do Parlamento © AGE

A loita dos movementos sociais de Ferrolterra contra a planta regasificadora de Reganosa chegou este mércores ao Parlamento galego. AGE, a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, esixiu “o desmantelamento de Reganosa do seu actual emprazamento” para "acabar cunha planta de gas froito da corrupción política, a insensibilidade ambiental e a temeridade respecto de veciñas e veciños". AGE cualifica así mesmo de "corrupción" o esforzo do Goberno galego para "mudar a legalidade para adaptala á Reganosa".

AGE cualifica así mesmo de "corrupción" o esforzo do Goberno galego para "mudar a legalidade para adaptala á Reganosa"

Yolanda Díaz salientou que "a historia da planta de gas parte dun pecado orixinal: un convenio confidencial no que figuran as sinaturas de Manuel Fraga e de altos cargos de Fenosa, Endesa, o grupo Tojeiro ou Caixa Galicia. A factoría ía construírse no porto exterior de Ferrol, e de súpeto mudou para o interior da ría, a escasos metros dun arsenal militar". E engadiu que "esta bomba de reloxaría non parou de recibir apercibimentos xudiciais e mesmo políticos". Aínda a semana pasada Alternativa denunciaba que as presións do PP europeo impedían á delegación de parlamentarios europeos acordar un informe sobre o estado das rías galegas mentres non se retirasen as alusións negativas a Reganosa.

O PP votou en contra da proposición de Alternativa, que aceptou cadansúa emenda do BNG e do PSdeG, grupos que se abstiveron de votar o punto da proposición de AGE, que esixe o desmantelamento da factoría

Tamén sinalou que "hai apenas un ano, o Tribunal Supremo anulaba a modificación puntual do PXOM de Mugardos que no seu día servira para permitir a construción da planta de gas sen nin sequera declaración de impacto ambiental". Segundo expón Díaz na argumentación da proposición non de lei defendida esta mañá, desta sentenza derívase que “todos os actos administrativos derivadas daquela modificación son nulos” e engade que "só unha manobra con afán prevaricatorio da Xunta de Feijóo conseguiu que se aprobase unha nova modificación dez días despois da sentenza do Supremo".

O PP votou en contra da proposición de Alternativa, que aceptou cadansúa emenda do BNG e do PSdeG, grupos que se abstiveron de votar o punto da Proposición non de Lei de AGE, que esixe o desmantelamento da factoría, pero si apoiaron a demanda de que "o goberno da Xunta cumpra a sentenza firme de 11 de maio de 2012 do Tribunal Supremo" e a petición de que a Xunta saia do accionariado da empresa.

A planta de Reganosa, a uns centos de metros do núcleo urbano de Mugardos CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.