"Hai que pasar da greve laboral á greve social, da simple reivindicación do traballo á reivindación de rendas, vivenda e dereitos sociais”

Piquetes informativos Dominio Público Praza Pública

As folgas xerais só poden ser convocadas, por lei, polos sindicatos. Porén, nos últimos anos a capacidade de representación das centrais sindicais fóra das medianas e grandes empresas e sobre todo entre os traballadores en situación máis precaria, entre os autónomos, os desempregados e o chamado precariado diminuíu a súa capacidade de mobilización e a eficacia das folgas. Así se demostrou nas últimas convocatorias, cun seguimento relativamente alto na industria e transportes, naqueles sectores nas que a presenza sindical é importante, pero unha inlfuencia máis cativa no sector servizos ou nas pequenas empresas.

A sociedade muda e xorden novos colectivos, novos conflitos e novas formas de protesta, como se puido ver nas mobilizacións indignadas dos últimos meses. Este colectivos reclaman o seu papel e a súa relevancia xa que, se a loita é do 99% contra os privilexios do 1%, e se os sindicatos só representan unha parte desa maioría social, é o tempo de que nas folgas xerais se impliquen, traballen e teñan protagonismo outros sectores e outras reivindicacións, máis aló das laborais.

Na Coruña, por exemplo, está a organizarse un polo autónomo de apoio á folga xeral do 29 de marzo, conformado por colectivos de todo tipo

Na Coruña, por exemplo, está a organizarse un polo autónomo de apoio á folga xeral do 29 de marzo, conformado por colectivos de todo tipo. Hai uns días celebrouse en Montealto unha asemblea, convocada pola Rede Robin Hood, que contou coa participación de 50 persoas de 17 colectivos: Persoal da Torre e Plataforma Coruña en loita, 15M Montealto, 15M Cambre, 15M Os Mallos, 15M Sagrada Familia, 15M Obelisco, CUT, Veciñanza Os Castros, Asociación Sen Papeis da Coruña, FPG, DRX, Comisión Sen Teito 15M Obelisco, Encontro Irmandiño, CSO Palavea, Gomes Gaioso e CGT. En Vigo estanse a promover procesos semellantes, combinando a acción de entidades diversas, algunhas con máis tradición neste tipo de loitas autónomas, asociacións veciñais ou novos movementos.

Acordouse reforzar os piquetes habituais dos sindicatos e buscar algúns puntos para facer un piquete propio

Na Coruña acordouse reforzar os piquetes habituais dos sindicatos e buscar algúns puntos para facer un piquete propio, nomeadamente a partir do mediodía, cando a actividade dos sindicatos descende, co obxectivo de que a forza da folga se manteña ao longo de todo o día. Entre as empresas sobre as que se decidiu facer máis fincapé están Atento, que vén de presentar un ERE, e Nova Galicia Banco e en xeral preténdese “buscar aqueles conflitos ou empresas nas que os sindicatos non teñen moita presenta ou nos que non fan piquetes habitualmente, ou aquelas empresas que están sendo denunciadas por prácticas autoritarias ou de restrición do dereito de folga”.

Ao mediodía, os colectivos que participan neste bloque autónomo, reuniránse no Obelisco para un xantar colectivo, no que tamén se debaterá as accións que se levarán a cabo pola tarde. Tamén se decidiu usar o hashtag para twitter #29Mcoruna para informar sobre a actualidade da folga e estaren en contacto.

“O fundamental é pasar da greve meramente laboral á greve social, da simple reivindicación do traballo á reivindación de rendas, de vivenda, de dereitos sociais”

Antón Gómez-Reino Varela, participante na asemblea, cre que “o fundamental é pasar da greve meramente laboral á greve social, da simple reivindicación do traballo á reivindación de rendas, de vivenda, de dereitos sociais” e en xeral ve "un ambiente de folga máis forte que en calquera outra convocatoria dos últimos anos”. Da asemblea desta semana salienta a alta participación e as características novas das persoas que máis se implicaron: “O rasgo máis definitorio das persoas que participaron na asemblea do outro día era que eran xente nova, en idade, pero tamén en canto á súa militancia, procedente dos movementos de indignados, con pouca participación dos colectivos e movementos con máis percorrido histórico na cidade. Hai moitas ganas de saír á rúa e de facer cousas. Fai falla declinar o discurso e ter confianza para facer cousas á marxe do que fagan os sindicatos”.

Como anticipo a esta mobilización, este domingo ás doce do mediodía concentraranse na Praza de María Pita o grupo de traballadores despedidos da Torre de Hércules, así coma o grupo de Laboral do movemento 15M na cidade, que veñen de constituír a plataforma A Coruña en Loita.

 

Empresas denunciadas por restrinxir o dereito á folga

Relacionado con isto, esta semana creouse unha web, 29M Huelga General sin miedo, que recolle denuncias anónimas sobre empresas de todo o Estado que en pasadas convocatorias de folga, ou xa nos días previos a esta, puxeron restricións ao dereito de folga dos traballadores ou ameazaron con represalias se os empregados decidían exercer o seu dereito. O listado de empresas denunciadas pódese consultar provincia a provincia, con información sobre a empresa e o tipo de coacción ou mala práctica exercida no pasado ou nos últimos días. A base de datos recolle 41 empresas denunciadas na provincia da Coruña, 33 de Pontevedra, 3 de Lugo e 16 de Ourense, un total de 93 en Galicia.

CC-BY-NC Rodcasro
Piquetes informativos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.