"Se non nos unimos non poderemos parar o desastre na sanidade pública”

Acción pola sanidade pública CC-BY-SA Praza Pública

“Fracaso, paralización e engano”. Con estas tres palabras definiu este mércores Pachi Vázquez a política sanitaria do Goberno galego, nunha intervención na que o socialista enumerou conflitos e reivindicacións coma a paralización das obras do Hospital de Vigo, a falta de dotación do de Lugo, o fracaso do concurso de servizos de Ourense ou o bloqueo dos 15 centros de saúde comprometidos. Cada vez son máis as protestas, en máis lugares e procedentes de ámbitos sociais e profesionais distintos.

O líder do PSdeG-PSOE criticou que o PP empregue "a escusa da falla de orzamento" para xustificar a paralización dos investimentos na sanidade pública porque, dixo, “hai diñeiro público para facer hospitais públicos”. E lembrou que en 2012 a Xunta acadou un déficit un 0,3 por cento por debaixo do permitido, o que supuxo renunciar a 200 millóns de euros “que lle solucionarían a vida a milleiros de pacientes”.

Esta suposta insustentabilidade da sanidade pública é denunciada decote por Pablo Vaamonde, que pon o foco na falta de financiamento público para un servizo que as políticas conservadoras van deteriorando e precarizando. "Na sanidade pública móvense cartos, ao redor do 40% dos orzamentos, e hai empresas e capitais que queren gañar cartos con el, sobre todo porque o negocio noutras áreas coma a construción desapareceu. Hai unha estratexia global". Vaamonde denuncia que "Cando Feijoo chega ao poder pon en marcha ese modelo a pesar de que xa había probas noutros lugares de que non era eficiente. Porque a xestión privada non é máis eficiente que a pública. Pero é un negocio".

O mellor exemplo desa política de desprazamento do público ao privado atopámola en Vigo e no fracaso do proxecto de xestión privada do novo hospital, que está condenando á cidadanía viguesa a un servizo degradado. Pachi Vázquez sinalou este mércores no Parlamento que este proxecto “vai acabar cunha paradoxa, ou ben paralizando as obras ou ben que o goberno galego terá que avalar con diñeiro público a empresas privadas para acadar créditos privados”.

 

A Carta dos 350 médicos

Para Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, "trátase dunha carta moi importante porque por vez primeira un colectivo de médicos tan grande protesta tan abertamente contra os recortes"

Na súa intervención na cámara Vázquez tamén fixo referencia á carta contra os recortes que este martes presentaron máis de 350 profesionais dos hospitais públicos de Vigo. No texto denunúnciase a "marxinación" da área sanitaria viguesa e protéstase polas elevadas listas de espera, que -aseguran- superan os 20 mil pacientes, a pesar de que o Sergas só recoñece seis mil. Tamén se denuncia a redución de persoal a través de xubilacións forzosas para aforrar 3 millóns de euros en nóminas. E a carta péchase lembrando que "as direccións teñen o mandato de protexer, mellorar e facer máis eficiente o Sistema Sanitario Público, manténdoo público como o seu nome indica e potenciando o seu prestixio ante os cidadáns que cos seus impostos o sufragan".

Para Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, "trátase dunha carta moi importante porque por vez primeira un colectivo de médicos tan grande protesta tan abertamente contra os recortes. Houbo concentracións e mobilizacións convocadas polos sindicatos. Pero é a primeira vez que un número tan grande de profesionais compromete o seu nome asinando unha carta”. E engade que "os profesionais até o de agora non se significaron tanto en contra dos recortes e da privatización como en Madrid, onde a situación é máis extrema. Pero isto é un sinal de que o malestar comeza a estenderse por Galicia".

Pablo Vaamonde cre que "a resposta dos colectivos profesionais e colexios até o de agora foi moi morna. Pero debe ser maior e estou seguro de que crecerá a partir de agora"

Pola súa banda Pablo Vaamonde cre que "a resposta dos colectivos profesionais e colexios até o de agora foi moi morna. Pero debe ser maior e estou seguro de que crecerá a partir de agora. Comeza a haber unha maior contestación ás políticas de privatización e precarización e temos que ser conscientes de que en Madrid a marcha atrás nas privatizacións foi consecuencia da mobilización dos traballadores". Neste senso Manuel Martín destaca que nos últimos tempos varias entidades profesionais fóronse adherindo á Plataforma SOS Sanidade Pública “porque ven que ou ben nos unimos ou non imos poder parar este desastre”. "Os profesionais, a pesar dos recortes no salario e das condicións laborais, seguen realizando un gran traballo, porque non están ao servizo do goberno, senón ao servizo dos cidadáns", destaca Vaamonde.

 

Os conflitos esténdense

Vázquez reprocha que “regalan 200 millóns de euros” ao situarse por debaixo do obxectivo de déficit "en lugar de asumir unha unidade de radioterapia que custa 1,5 millóns de euros"

Na súa intervención parlamentaria Pachi Vázquez citou os coñecidos casos de Vigo, Lugo ou Ourense, nos que dende ha, meses se foron sucedendo as protestas contra a política sanitaria do PP, pero tamén que "os 51 centros de saúde comprometidos polo presidente da Xunta ficaron en tan só 15", dos cales, e tamén no caso do Hospital do Salnés, “só ten sido licitado o anteproxecto e o proxecto básico”.

Vázquez centrou boa parte do seu discurso a debullar o “fracaso do Hospital de Lugo”, que foi asumido por Feijóo cando tan só faltaba dotalo de unidade de hemodinámica, medicina nuclear e radioterapia, que seguen sen estar activas, o que “obriga a 1.000 pacientes oncolóxicos a coller o coche para tratarse”. Reclamoulle que “constrúan radioterapia e o centro de medicina nuclear xa” porque “teñen recursos”. Neste senso, reprochoulle que “regalan 200 millóns de euros” ao situarse por debaixo do obxectivo de déficit "en lugar de asumir unha unidade de radioterapia que custa 1,5 millóns de euros", o que se solucionaría, engadiu, “pechando o palacete que ten a Xunta en Madrid durante un ano”, en alusión á Casa de Galicia.

Vaamonde sinala que as decisións da Xunta van converter "un hospital novo e flamante nun hospitaliño con servizos recortados que vai obrigar os pacientes a ir a outras cidades para recibir tratamento e os profesionais non van poder desenvolver as súas carreiras"

Sobre o caso do hospital de Lugo, que vén motivando unha gran mobilización por parte dos representantes socialistas na provincia, Pablo Vaamonde sinala que as decisións da Xunta van converter "un hospital novo e flamante nun hospitaliño con servizos recortados que vai obrigar os pacientes a ir a outras cidades para recibir tratamento e os profesionais non van poder desenvolver as súas carreiras como desexarían. E o mesmo pasa en hospitais comarcais coma o de Monforte, A Mariña ou Barbanza".

Vaamonde cre que "xorden conflitos naqueles lugares nos que os cidadáns e os profesionais observan directamente as consecuencias destas politicas". E cre que a mobilización "irá a máis". Tamén o cre Manuel Martín, que lembra que "as medidas que adopta o Goberno galego non prexudican só os profesionais, senón a todos os cidadáns. A partir de agora cada vez máis xente se vai ver excluída da atención sanitaria. E casos que até agora eran puntuais, coma o inmigrante que faleceu en Baleares, serán habituais. No resto de Galicia debería haber unha maior resposta por parte sobre todo dos sindicatos e das forzas da oposición", reclama.

Intervención de Pachi Vázquez este mércores no Parlamento © PSdeG-PSOE
Acción pola sanidade pública CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.