Por que os concellos galegos non promoven máis a redución e a reciclaxe do lixo?

Centro de compostaxe © UDC

Xosé Veiras analiza no blog Un claro no Bosque as alternativas que dende o ámbito local se poden poñer en marcha para non ter que queimar e acumular o lixo

O Parlamento de Galicia vén de rexeitar unha iniciativa lexislativa popular (ILP) pola reciclaxe e contra a incineración. É a segunda vez que o fai, pois xa vetou outra promovida nos anos 90. Nas dúas votacións,  o voto contrario do PP foi suficiente para a rexeitar. Desta vez, o PSdG-PSOE votou a favor, mais hai 17 anos abstivérase. O seu daquela secretario xeral, o ex-alcalde da Coruña Francisco Vázquez, apoiaba SOGAMA. O derrube do vertedoiro municipal de lixo da Coruña, en setembro de 1996, faríao mudar de opinión. Como alcalde, acabaría impulsando un plan de residuos alternativo, con resultados pouco brillantes pero mellores que os de SOGAMA. O rexeitamento da ILP non o impediu daquela. Tampouco agora imposibilitaría que os concellos se comprometesen a fondo cos “tres erres” (redución, a reutilización e a reciclaxe).

A empresa semipública SOGAMA non sería viábel sen a adhesión dos concellos. Creouna en 1992 a Xunta, da man da hoxe Gas Natural Fenosa, mais aliméntana os concellos co lixo que recollen e o diñeiro que pagan.  Por lei, a recolla e o tratamento do lixo son competencias municipais. Sen apenas resistencia social a nivel local á adhesión a SOGAMA, a adopción do modelo de xestión ideado por Xosé Cuiña foi a escolla cómoda de 296 dos 315 municipios do país. Moi poucos optaron pola vía, máis complexa, de promover plantas propias de compostaxe e de reciclaxe. E ningún  impulsou até hoxe unha política de residuos asentada na prevención e na xestión pública.

Falarmos da xestión do lixo en Galicia é, sobre todo, falarmos de SOGAMA. A Xunta e case todos os Concellos deixaron o problema do lixo en mans de SOGAMA. E non só os gobernados polo PP1. Os partidos de esquerda comprometéronse pouco cos “tres erres” desde o poder municipal –e desde a Xunta, na etapa do bipartito-. Sobre todo o PSOE, capaz  ao tempo de votar contra a incineración no Parlamento e de facilitar a ampliación da incineradora de SOGAMA –e, no seu día, a súa instalación- desde a alcaldía de Cerceda.

 

SOGAMA non sería nada sen os Concellos

A Xunta e case todos os Concellos deixaron o problema do lixo en mans de SOGAMA. E non só os gobernados polo PP. Os partidos de esquerda comprometéronse pouco cos “tres erres” desde o poder municipal

Ben está que se poña o foco en SOGAMA, e nunha política autonómica que segue a apostar fortemente pola incineración, mais cómpre non esquecermos que, sen os concellos que lle entregan o lixo voluntariamente, SOGAMA tería sido, en lugar dun desastre ambiental, un fracaso empresarial. Os concellos (e as deputacións provinciais) son corresponsábeis da excesiva xeración de lixo2, das baixas taxas de reciclaxe e da consolidación da macroincineradora de Cerceda. Nin sequera cabe a SOGAMA o “mérito” de ter introducido no noso país a incineración como método de tratamento do lixo. Antes de SOGAMA, xa houbo unha incineradora municipal en Vigo3.

 

A privatización da recolla e o tratamento do lixo

O principal obstáculo para estas políticas é o seu carácter contraditorio coas dinámicas dun sistema económico produtivista e consumista, pero facer da recolla e do tratamento do lixo un negocio privado (máis lixo, máis negocio) engade un obstáculo adicional

A xestión privada dos residuos municipais dificulta a adopción de políticas de prevención. O principal obstáculo para estas políticas é o seu carácter contraditorio coas dinámicas dun sistema económico produtivista e consumista, pero facer da recolla e do tratamento do lixo un negocio privado (máis lixo, máis negocio) engade un obstáculo adicional. Por non falarmos do que implica engordar aínda máis as grandes empresas da construción (propietarias das principais concesionarias dos servizos de lixo)4 e do sector eléctrico (neste caso Gas Natural Fenosa, copropietaria coa Xunta de SOGAMA), cuxa actividade económica e influencia política tanto teñen a ver con moitos dos problemas  que padecemos.    

 

Incinerar destrúe recursos naturais e contribúe á mudanza climática

A prevención e a reciclaxe deses residuos terían aforrado máis enerxía da que SOGAMA produciu, equivalente á de 1.176.000 toneladas de carbón

Segundo un comunicado da propia SOGAMA, de mediados do pasado ano, desde a entrada en funcionamento, hai máis de 10 anos, do seu “complexo ambiental” incinerou 5.230.000 toneladas de lixo “non reciclábel”. A prevención e a reciclaxe deses residuos terían aforrado máis enerxía da que SOGAMA produciu, equivalente á de 1.176.000 toneladas de carbón, un pouco menos da cantidade importada  polas térmicas de carbón galegas só en 2010.

A contaminación local asociada á actividade dunha incineradora é, por si soa, razón suficiente para a rexeitar, sobre todo no medio rural5. Mais o peor da incineración, desde o punto de vista da sustentabilidade ecolóxica, non é a contaminación local6. É o desperdicio de recursos naturais, cuxa extracción e transformación é a causa última da crise ecolóxica global. Os residuos son unha auténtica “mina” de recursos que non deberiamos desaproveitar nunha Galicia caracterizada polo sobreconsumo e a dependencia de materiais e de enerxía importados. A reutilización e a reciclaxe dos residuos urbanos son unha sorte de “minaría urbana” alternativa á megaminaría destrutiva que está a espoliar o planeta e, agora máis que nunca, está a pór os seus ollos no territorio galego.

Os residuos son unha auténtica “mina” de recursos que non deberiamos desaproveitar nunha Galicia caracterizada polo sobreconsumo e a dependencia de materiais e de enerxía importados

O vertido e a incineración supoñen o malgasto de valiosos recursos naturais.  No noso país, vértense ou incinéranse  nada menos que o 85% dos residuos municipais (2009). No conxunto da UE acaban no vertedoiro ou na incineradora o 60% deste tipo de residuos (2010). Queda moito para lograrmos unha Europa e unha Galicia que usen uns recursos naturais cada vez máis escasos e caros con suficiencia e con eficiencia. O que pasa, entre outras cousas, por reducir e reciclar o lixo7.

 

Que poden facer os concellos pola redución, a reutilización e a reciclaxe?

Non é pouco o que poden facer os gobernos locais a prol da prevención e a reciclaxe dos residuos, sempre que non renuncien á autonomía municipal, abandonen a comodidade das políticas dominantes hoxe e promovan a participación cidadá

Non é pouco o que poden facer os gobernos locais a prol da prevención e a reciclaxe dos residuos, sempre que non renuncien á autonomía municipal, abandonen a comodidade das políticas dominantes hoxe e promovan a participación cidadá. Os concellos galegos poderían facer moito máis do que están a facer polos “tres erres”. A continuación apuntamos algunhas medidas, entre outras posíbeis. Medidas que representa oportunidades de mellora ambiental, de creación de empregos verdes e de redución de custos económicos.

  • Implantar a recolla selectiva porta a porta (PaP). A recolla PaP do lixo separado por fraccións é un sistema que ofrece mellores resultados que os contentores, atinxindo un 80% de recolla selectiva. Ten sido noticia no Estado español pola polémica suscitada en Euskadi a raíz da súa implantación en municipios gobernados por Bildu, mais é un sistema aplicado en moitos municipios de diversos países por gobernos de distintas cores políticas. En Cataluña, onde se formou a Asociación de Municipios Cataláns para a PaP, máis de 80 municipios implantaron este sistema desde o ano 2000.
  • Remunicipalizar a recolla (e o tratamento) do lixo. Moitos concellos privatizaron a recolla do lixo desde os anos 80, alimentando un negocio dominado por grandes construtoras. Sería desexábel unha remunicipalización da recolla do lixo acompañada do estabelecemento dunha política tarifaria socialmente xusta e favorecedora da redución e a reciclaxe.
  • Accións permanentes de educación ambiental para evitar o desperdicio alimentar, fomentar o uso de auga da billa, promover a compra de produtos con menos envases, desbotar o emprego de bolsas dun só uso, separar correctamente os residuos, participar na compostaxe doméstica ou comunitaria, etc,.

Existe unha Rede Estatal de Entidades Locais pola Compostaxe Doméstica e Comunitaria, da que non é socio ningún concello galego

  • Fixar as taxas do lixo en función da produción real, e non, por exemplo, do consumo de auga. A cantidade xerada obteríase por pesada directa ou por estimación a partir de bolsas especiais para o depósito dos residuos, que deben adquirirse ao municipio. O sistema PAYT (Pay-as-You-Throw) (Pagar polo Producido) favorece a redución e a separación en orixe, sendo común nalgúns estados europeos. Porén, na Península Ibérica a súa aplicación é aínda moi limitada. No Estado foron pioneiros algúns municipios de Cataluña e de Mallorca. En Portugal estase comezando a aplicar na Maia, municipio da área metropolitana do Porto.  
  • Unha das medidas propostas pola ILP era “implantar a compostaxe doméstica como modelo prioritario, especialmente nos ámbitos de poboación dispersa, así como a compostaxe comunitaria en pequenos núcleos, barrios e espazos urbanos”. Galicia é unha das comunidades do Estado onde máis se ten impulsado a compostaxe doméstica8, grazas ao impulso de asociacións ecoloxistas (ADEGA, Amigos da Terra), dalgúns concellos e deputacións, e até da propia SOGAMA, mais é claro que estas modalidades de compostaxe poderían desenvolverse moitísimo máis.  Existe unha Rede Estatal de Entidades Locais pola Compostaxe Doméstica e Comunitaria, da que non é socio ningún concello galego.
  • Apoiar o sistema de depósito, devolución e retorno (SDDR) de envases de bebidas ao comercio, parecido ao que se empregaba cando “devolvíamos o casco”, e aplicado hoxe con éxito en máis de 40 rexións do mundo . Segundo a iniciativa Retorna, os Concellos españois aforrarían entre 58 e 93 millóns de euros coa implantación dun SDDR, pois deixarían de pagar os custos de recolla e tratamento dos 28 millóns de envases que actualmente se envían a vertedoiro ou incineración ou son abandonados. Porén, ningún concello galego aprobou até agora unha moción de apoio a este sistema como a proposta por Retorna. No Estado español, Cadaqués (Girona) está a realizar unha proba piloto deste sistema.

A do Barbanza atinxe “cifras de reciclaxe do 50% e noutros municipios do Estado acadan cifras do 80% e 90% de reciclaxe, con sistemas de recolla porta a porta e compostaxe”. Por que máis concellos non apostaron por esta opción? A resposta radica, sobre todo, na falta de vontade política

  • Impulsar plantas de compostaxe e reciclaxe. Os concellos promoveron até hoxe dúas plantas de compostaxe e reciclaxe (Lousame e Nostián). Como apuntou a comisión promotora da ILP dos residuos, a do Barbanza atinxe “cifras de reciclaxe do 50% e noutros municipios do Estado acadan cifras do 80% e 90% de reciclaxe, con sistemas de recolla porta a porta e compostaxe”. Por que máis concellos non apostaron por esta opción? A resposta radica, sobre todo, na falta de vontade política. O Plan de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020 da Xunta só pretende reciclar un “minimo” do 30% do lixo en 2020.

Se as forzas políticas que votaron a favor da ILP no Parlamento se comprometen en serio con políticas de “residuo cero” desde os Concellos que gobernan, a pesar da Xunta e de SOGAMA, a incineración perderá terreo en favor da reciclaxe.

Se as forzas políticas que votaron a favor da ILP no Parlamento se comprometen en serio con políticas de “residuo cero” desde os Concellos que gobernan, a pesar da Xunta e de SOGAMA, a incineración perderá terreo en favor da reciclaxe

(1) 296 dos 315 concellos do país están adheridos a SOGAMA. Actualmente, 208 teñen alcaldes ou alcaldesas do PP, 54 do PSOE, 23 do BNG e 11 doutras candidaturas.
(2) Segundo o Sistema de Información Ambiental de Galicia (SIAM) da Xunta, a xeración de residuos urbanos por habitante ascende 1,125 kg/habitante/día (410,6 kg/ano). Entre 2002 e 2011 aumentou o 9,5%, aínda que desde 2008 obsérvase unha tendencia ao descenso, por efecto da crise. Xeramos demasiados residuos municipais, aínda que estamos por debaixo da media da UE (503 kg/ano). No contexto mundial, a xeración per cápita de lixo de Galicia sería moi similar á media mundial (1,2 kg/hab/ano), segundo os datos máis recentes recollidos pola Unidade de Desenvolvemento Urbano e Goberno local do Banco Mundial no informe What’s a waste 2012.
(3) Incineradora que, por certo, nos deixou un preocupante legado, que aborda neste Antón Lois (Amigos da Terra): Incineradora, a herdanza tóxica viva.
(4)  O negocio no noso país é disputado principalmente por Cespa (Ferrovial), Urbaser (ACS), FCC e Isolux-Corsán  (“El negocio de la basura ocupa a 5.000 trabajadores en Galicia”, El Pais, 3 de abril de 2008)
(5) Resulta inxusto trasladar a un concello rural un problema xerado maiormente nos municipios urbanos, onde a xeración de lixo por habitante é sensibelmente superior á das áreas rurais A xeración media de residuos por habitante (2005) en Galicia aumenta desde os 0,66 kg/hab/día nos municipios de menos de 500 habitantes aos 1,22 kg/hab/día  nos de máis de 100.000 habitantes.
(6) Máis preocupantes son seguramente os prexuízos para a saúde que está a causar a contaminación (atmosférica e acústica) do tráfico nas cidades. Mesmo no que atinxe ás perigosas dioxinas e furanos, que tanto se relacionan, acaídamente, coa incineración de residuos, non é, no caso de Galicia, SOGAMA a principal empresa emisora. Segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, é MEGASA, siderúrxica situada no fondo da ría de Ferrol que agora ameaza co peche se non se lle rebaixa a factura eléctrica.
(7) Un informe de Amigos da Terra Europa, Less is more, apunta que a xestión tan pobre dos residuos municipais en Europa contribúe a unha demanda insustentábel de materiais importados por parte de Europa, o que a converte en responsábel da deterioración ambiental das zonas do resto do mundo onde se extraen eses materiais. O informe mostra os impactos de tres materiais moi empregados en Europa: o litio, o aluminio e o algodón.
(8) Galicia é, tras Cataluña, a comunidade autónoma onde se realiza máis compostaxe doméstica  (El Progreso, 2 de outubro de 2011).

Manuel Soto defende a ILP no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública
Lixo recollido polo sistema 'porta a porta', nunha localidade vasca © Manuel Garreta
Centro de compostaxe © ADEGA
Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.