Máis do 60% dos xornalistas da TVG denuncian manipulación informativa

Redacción da Radio Galega © CRTVG

Os Comités de Empresa da TVG e a RG veñen de entregarlles aos grupos políticos con representación parlamentaria (PPdeG, PsdeG, AGE e BNG) 345 sinaturas recollidas entre os seus profesionais en defensa dunha televisión e unha radio públicas, plurais e ao servizo da cidadanía. Os traballadores e traballadoras que asinan o documento denuncian a manipulación informativa que se practica na TVG e na RG e demandan a creación do Estatuto Profesional que establece o artigo 36 da Lei 9/2011 de 9 de novembro dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que contempla tamén a creación dun Consello de Informativos para a Corporación RTVG. Máis do 60% dos xornalistas da televisión pública asinaron este documento que tamén se lle entregou ao Director Xeral e ao Consello de Administración da CRTVG, ademais de á presidencia da Comisión de Control Parlamentaria do ente.

Os traballadores e traballadoras que asinan o documento denuncian a manipulación informativa que se practica na TVG e na RG e demandan a creación do Estatuto Profesional

As asembleas de traballadores e traballadoras que promoveron esta iniciativa tamén veñen publicando un blog para denunciar prácticas concretas de manipulación informativa que se detectan a cotío na TVG. O blog eunonmanipulo.wordpress.com, que naceu o pasado 3 de abril, publicou nestes dous meses máis de 200 artigos e xa superou as 25.000 visitas.

A Lei establece tamén a creación dun Consello de Informativos como órgano interno de participación dos profesionais

Segundo os comités de empresa dos medios públicos, a mellor ferramenta  para garantir a veracidade informativa é a aplicación da norma en vigor, que    obriga á creación do Estatuto Profesional, un  instrumento que, segundo a mesma lei indica, está “destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos”. A Lei establece tamén a creación dun Consello de Informativos como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, que terá como obxectivos “velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles”.

Persoal da CRTVG, nunha manifestación contra os recortes CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.