Comezan os 'Debates na Praza' falando de "Lingua e Soberanía. Ideas para o galego nun país con decisión"

Cartaz do debate CC-BY-SA Praza Pública

O Espazo Cultural da Nave de Vidán acollerá o vindeiro martes ás 20.30 o primeiro dos Debates na Praza, organizados por Praza Pública e o coñecido restaurante compostelán. Neste primeiro encontro falarase sobre Lingua e Soberanía. Ideas para o galego nun país con decisión, e contará coa participación de Carme Hermida, profesora da USC e concelleira de Anova en Teo; Eduardo Maragoto, profesor de portugués na EOI de Santiago, membro do Consello da AGAL; Goretti Sanmartín, profesora da UdC, membro da Executiva Nacional do BNG; e Henrique Monteagudo, profesor da USC, membro da Executiva Nacional de Compromiso por Galicia.

O debate será moderado por Marcos Pérez Pena, director de Praza Pública, e tratará entre outros asuntos as seguintes claves: Ata que punto cres que é bo ou malo para a normalización lingüística encadrala no debate sobre a soberanía que se está a abrir? Que vantaxes e inconvenientes cres que podería ter Cres que é máis necesaria a lingua para a soberanía ou a soberanía para a lingua? Cal sería para ti o estatus lingüístico legal ideal para Galiza tendo en conta a realidade sociolingüística? Unha soa lingua oficial? Varias? Como? No hipotético caso de que Galiza tivese capacidade total para decidir como gobernarse, que cousas que agora non se poden facer cres que habería que facer con respecto á lingua?

Nos vindeiros meses Praza Pública e A Nave de Vidán organizarán novos debates con este formato.

Cartaz do debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.