O BNG propón garantir o 50% das clases en galego

Milleiros de persoas enchen a Quintana na manifestación de Queremos Galego Dominio Público Praza Pública

O BNG presentou este luns unha Proposición de lei de normalización de usos sociais e públicos da lingua galega co obxectivo de completar o desenvolvemento dos preceptos recollidos do Estatuto de Autonomía e anovar e reformar a Lei de normalización lingüística de 1983. A proposición recolle numerosas propostas que buscan asentar o uso do galego por parte das administracións públicas, o ensino, a xustiza ou os medios de comunicación.

A presentación das propostas foi realizada pola deputada Ana Pontón e as profesoras da UDC e especialistas en Sociolingüística, Pilar García Negro e Goretti Sanmartín. Pontón denunciou que o galego pasa por unha  “situación crítica” polo que resulta  necesario dar un salto  a  nivel   “lexislativo” para “revisar e modernizar” o marco legal. Pola súa parte, as profesoras Goretti Sanmartín e García Negro indicaron que a planificación lingüística debe contar cun armazón para camiñar  “a par coa sociedade” e avaliar o que se leva feito durante anos para que a lei non se converta en “papel mollado”.

Os nacionalistas pechan a exposicións de motivos da súa proposta afirmando que "a sociedade e as necesidades comunicativas viaxaron a moita máis velocidade do que a implantación progresiva e constante da lingua galega"

O Bloque afirma que “a ausencia de prescritividade e a vaguidade dos obxectivos” desta lei “non pode dar resposta ás actuais necesidades de potenciar o uso da nosa lingua. Tres décadas de vixencia desta lei aconsellan a súa actualización”. Engaden que "en trinta anos, a Comunidade Autónoma ampliou as súas competencias, en materias como a sanidade, as políticas activas de emprego, ou a función pública autonómica", e do mesmo xeito "estes trinta anos coñeceron unha abondosa produción científica que vén certificar unha evidencia alarmante: unha acusada e persistente perda de falantes da lingua galega nas xeracións máis novas".

A proposta recolle que  "todos os cargos públicos da Xunta de Galiza, no desempeño da súa función, utilizarán oralmente e por escrito a lingua galega"

Finalmente o BNG argumenta que "todos os estudos de campo e todas as prospeccións demoscópicas abonaron a idea de que o público preguntado demandaba máis presenza do galego en publicidade, medios de comunicación, ensino o oferta cultural" e sinala tamén "o extraordinario desenvolvemento que adquiriron novos medios e soportes de comunicación como a informática, a comunicación na rede ou na telefonía móbil". Os nacionalistas pechan a exposicións de motivos da súa proposta afirmando que "a sociedade e as necesidades comunicativas viaxaron a moita máis velocidade do que a implantación progresiva e constante da lingua galega". Esta nova norma tamén incorporaría os proceptos derivados da asunción por parte do Estado español da Carta europea para as linguas rexionais ou minoritarias e da Declaración universal de dereitos lingüísticos.

 

Uso oficial da lingua

A proposta recolle que "a Xunta da Galiza, as demáis administracións galegas e entes que delas dependen empregarán a lingua galega nas súas actividades internas e externas" e que "todos os cargos públicos da Xunta de Galiza, no desempeño da súa función, utilizarán oralmente e por escrito a lingua galega" ao igual que "todos os impresos ou documentación". O BNG tamén pide que "a documentación que a Xunta da Galiza dirixir ás restantes administracións públicas actuantes na Galiza redixiranse en galego". Ademais, "no desempeño da súa profesión, os/as funcionarios/as dirixiranse á cidadanía, nas súas comunicacións orais, en galego".

En canto á contratación pública, a proposta prevé que "os pregos de contratación e os anuncios redactaranse, aprobaranse e publicaranse en lingua galega sen prexuizo da publicación tamén noutra lingua oficial se así o esixir a lexislación de contratos do sector público nos contratos sometidos a publicidade comunitaria" e qus "as persoas físicas ou xurídicas concesionarias ou contratistas da Administración deberán respectar os usos lingüísticos da Administración na execución do contrato e, nomeadamente, na atención ás persoas usuarias e na documentación e publicidade dirixida ao público".

En canto ao ensino, a proposta defende que "na educación primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e ciclos formativos garantirase que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego"

A proposta contén asemade que "as comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas ou xurídicas residentes no ámbito lingüístico galego faranse en lingua galega, sen prexuízo do dereito das cidadás e dos cidadáns a recibilos en español se así o solicitaren".

En canto á sanidade, a proposta recolle que "en todos os centros sanitarios dependentes da rede pública ou utilizados por ela, implantarase o uso do galego como lingua de comunicación normal en todas as súas rotulacións documentación, historiais e atención ao/á paciente".

 

Ensino

En canto ao ensino, a proposta defende que "na educación primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e ciclos formativos garantirase que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego". Ademais, na etapa de educación infantil, "o profesorado usará na clase a lingua de instalación predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial da Galiza". 

A proposta insta á Xunta a facer cumprir "a todas as emisoras de radio e de televisión cuxa licenza de emisión depende de concesión autonómica o mandato de programación, información e publicidade en lingua galega, nunca inferior ao cincuenta por cento do total da súa emisión"

En canto á universidade, o BNG propón que a Xunta, en colaboración coa Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, "elaborará un plano de uso da lingua galega no Sistema Universitario Galego, que inclúa ferta docente universitaria que teña o galego como lingua vehicular". Ademais, quérese asegurar que "o profesorado dos corpos docentes universitarios e das categorías laborais nos que o contrato teña unha duración superior a dous anos das universidades públicas debe acreditar o coñecemento suficiente do galego nos concursos de acceso convocados polas universidades".

 

Medios de comunicación

A Xunta "disporá axudas, subvencións ou convenios cos medios de comunicación privados que utilizaren a lingua galega nos seus produtos" pero "esta colaboración económica estará sempre supeditada ao aparecemento non residual e fragmentado da lingua galega".

En canto aos medios de comunicación, a proposta insta á Xunta a facer cumprir "a todas as emisoras de radio e de televisión cuxa licenza de emisión depende de concesión autonómica o mandato de programación, información e publicidade en lingua galega, nunca inferior ao cincuenta por cento do total da súa emisión". E especifica que "disporá axudas, subvencións ou convenios cos medios de comunicación privados que utilizaren a lingua galega nos seus produtos" pero que "esta colaboración económica estará sempre supeditada ao aparecemento non residual e fragmentado da lingua galega".

 

Uso na Xustiza

Tamén se prevé que a Xunta adopte "medidas para impulsar a reforma da Lei orgánica do poder xudicial co fin de que xuíces, xuízas e maxistradas/os estean capacitados para desenvolveren en galego a súa función dentro da Galiza"

A proposta incorpora igualmente numerosas previsións para garantir os dereitos lingüísticos dos cidadáns e cidadás nos xulgados. Por exemplo, especifica que a Xunta "ditará as medidas de protección do uso do galego por parte das persoas administradas nas súas relacións de todo tipo coa Administración de Xustiza e con todos os actos que teñen a ver coas relacións laborais"e "impulsará o coñecemento e o uso do idioma galego por parte do funcionariado de Xustiza", ao tempo que "impedirá a discriminación das persoas utentes do galego nas actuais xurídicas e de relacións laborais de toda clase".

Tamén se prevé que a Xunta adopte "medidas para impulsar a reforma da Lei orgánica do poder xudicial co fin de que xuíces, xuízas e maxistradas/os estean capacitados para desenvolveren en galego a súa función dentro da Galiza".

Milleiros de persoas enchen a Quintana na manifestación de Queremos Galego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.