"Os servizos públicos non responden como deberan ante o maltrato ás mulleres"

Aurora Antúnez, nunha imaxe d'As Quetas © Victoria Fernández

As "mulleres luguesas contra a violencia de xénero" decidiron agrupárense en torno ao nome de Enriqueta Otero, a mestra e guerrilleira que combinou a loita contra o franquismo coa defensa dos dereitos das mulleres. Aurora Antúnez, presidenta das coñecidas popularmente como As Quetas, advirte de que, malia á evolución dos últimos anos, aínda resulta moi difícil que unha muller que padeza a violencia machista "se identifique como vítima" ou que a sociedade "recoñeza que o seu coñecido, amigo ou irmán pode estar maltratando a outra persoa". En tempos de recortes o colectivo aposta polo "empoderamento feminino" e a "sensibilización social" para procurar o seu obxectivo fundamental: combater as agresións machistas. Por todo isto, As Quetas están en pleno proceso de relanzamento da súa actividade.

A elección do nome para a vosa asociación non é menor... Enriqueta Otero foi unha guerrilleira e unha loitadora...

Como somos unha asociación luguesa e feminista quixemos poñerlle un nome de muller a nosa asociación, é outro xeito máis de honrar e recoñecer a todas esas mulleres que a historia se encargou de invisibilizar ou silenciar pero que estiveron aí, abrindo camiño para as novas xeracións. Enriqueta é unha personaxe luguesa moi coñecida, moita xente a tratou, ou lémbrase dela, da súa forma de vestir, das súas muletas, do seu carriño... dende logo non pasaba desapercibida, mais en xeral a xente non sabe moi ben que era Enriqueta Otero ou o que fixo. O que máis nos motivou para poñerlle o seu nome a asociación foi coñecer que tiña a idea de crear unha casa da muller alí na súa Miranda natal, en Castroverde, era unha casa de acollida para mulleres, vitimas da violencia, prostitutas... na que primaba a formación laboral e cultural.  Tamén porque consideramos preciso ter ese caracter reivindicativo, gustamos colaborar, pero tamén dicir as cousas claras cando é preciso, e Enriqueta non tiña pelos na lingua, así que niso tamén coincidimos, matizando que nós tratamos de ser algo máis dialogantes do que era ela, que tiña fama de teimuda. Temos en proxecto facer un documental sobre ela, estamos descubrindo a Enriqueta, tivo unha vida de película, incluso houbo un intento de facer un guión de cine sobre ela...

Enriqueta Otero tomou partido toda a súa vida; por que é importante tomar partido abertamente na sociedade contra a violencia machista?

"É importante sermos conscientes dos comportamentos machistas para tentar cambialos e deixar de transmitilos"

Pois porque se está vendo, por desgraza, que as leis e os recursos sociais, policiais, xudiciais... Non  son suficientes para atallar o problema. É preciso tomar conciencia de que é un problema social, que nos afecta principalmente ás mulleres, a todas, porque ningunha estamos libres de que nos suceda, pero por extensión a todas as persoas, moi especialmente aos fillos e fillas desas mulleres. Hai que  entender de onde vén, que é esta sociedade machista na que todos e todas nos educamos a que sostén a violencia machista e que mentres non lle prantemos cara todos xuntos, non imos poder acabar con ela. A violencia machista mata cada ano a máis de 60 mulleres en España, e no mundo supón a primeira causa de morte no xénero feminino, é unha barbaridade! Que é o que pode facer unha persoa individual? O primeiro e máis importante ser consciente dos comportamentos machistas que el ou ela mesma esta reproducindo, de xeito probablemente inconsciente, pois todos nos educamos nunha sociedade machista e polo tanto en maior ou menor medida reproducimos eses comportamentos, é preciso facelos conscientes para tratar de cambialos e deixar así de trasmitirllos aos nosos fillos e fillas. Segundo os últimos estudos realizados, parece ser que imos cara a atrás, e que cada vez son máis os rapaces e rapazas que aceptan como normais comportamentos violentos como o control, os ciumes, a chantaxe emocional...

Unha das loitas é contra a vergoña por parte das mulleres vítimas de violencia?

"De xeito case inconsciente, os propios medios buscan unha xustificación para os asasinatos de mulleres"

Si, culpabilidade e vergoña son sentimentos que habitualmente podemos atopar en mulleres que sufriron maltrato e aqui xoga de novo un papel importante a conciencia social, neste caso máis que conciencia sensibilización. É preciso entender como funciona este tipo de violencia e en que se basea para ter empatía polas vítimas, entendelas e apoialas, non culpabilizalas. Aínda hoxe en día se escoitan frases de tipo "se esta con el é porque quere", "debe ser masoca" ou de xeito casi inconsciente os propios medios de comunicación buscan unha xustificación para os asasinatos de mulleres "ella ya estaba con otro", "el móvil del crimen fueron claramente los celos"... A falta de apoio social bota para atrás a moitas mulleres á hora de dar o paso e denunciar, hai que ter en conta que é probable que estas mulleres se atopen en unha situación de illamento, coa autoestima moi baixa, sentimentos de incapacidade e inutilidade. O que menos necesitan estas mulleres é sentirse soas ou desamparadas, o apoio social é fundamental, os veciños, os compañeiros de traballo, os sanitarios, todos e todas en xeral debemos coñecer que é o que estan pasando para apoialas ata que se sintan fortes para dar o paso de denunciar e deixar o seu agresor, pois é xusto despois da denuncia ou de tomar a decisión de deixalo cando son máis vulnerables.

Que pode facer unha asociación como a vosa nese sentido?

Nós o que facemos é tratar de informar sobre que é e como funciona a violencia de xénero. Concretamente nese sentido temos en mente, facer obradoiros ou charlas para entender "por que quedan" para que o entorno entenda por que unha muller volve co seu agresor, pois para o entorno pode ser moi frustrante esa situación, e acaban por darlle de lado, e aqui é onde xorde a culpabilización.

Vós implicástesvos abertamente no rexeitamento de casos como o acontecido recentemente en Lugo... Que máis actividades tedes previstas?

Dende esta semana imos empezar a facer charlas de prevención da violencia machista nos distintos centros sociais da cidade de Lugo, poderedes atopar as datas concretas na nosa páxina web. Tamén temos previsto facer un novo cineforum esta vez coa película Esperando la carroza, que é unha comedia que describe dun xeito agridoce unha situación de maltrato. Queremos desenvolver unha iniciativa en conxunto con outras entidades para pedirlles ás administracións competentes que leven a cabo un programa integral de prevención da violencia machista en todos os centros e niveis educativos, pois así o contemplan as leis en materia de violencia de xénero, pero... a realidade é que solo se fan actividades puntuais e que non son suficientes.

Nótanse na vosa actividade os recortes xeralizados que se están a aplicar?

Como asociación non, porque nós ata o de agora non solicitamos ningunha subvención, traballamos con xente voluntaria e procuramos o autofinanciamento, se ben é certo que o noso orzamento é reducido.Temos en mente evolucionar e crecer como asociación así que non descartamos nun futuro próximo solicitar algunha subvención, pero o é importante que a xente saiba que o único que se precisa para cambiar as cousas é vontade e tempo. Como lin por aí, "eu soa non vou poder cambiar o mundo pero xuntas ímolo poder mover un pouquiño". A unión fai a forza e agora máis que ca hai que telo presente.

E nas vítimas? É máis difícil que saian da espiral da violencia por eses recortes? O salario da liberdade, por exemplo, vén de descender un 25%...

"Son os movementos sociais, eses que se queren catalogar de terroristas, os que fan que a xente non morra de fame"

Ser muller, por desgraza, aínda segue  a ser un factor engadido de vulnerabilidade, por moitos motivos. A situación actual do país motiva evidentemente que moitas mulleres permanezan nunha situación de maltrato pois as alternativas que se lles presentan non son nada alentadoras. Habería moito que criticar aos poderes públicos. Nós colaboramos sempre que podemos cos moventos sociais de Lugo como o 15M para denunciar este tipo de situacions, tamén vimos de ter unha xuntanza cunha representante do Grupo de Dereitos Sociais e Renda Básica de Lugo que se ofrecían como plataforma informativa e de apoio para estas mulleres que se atopasen en situacións de dificultade xa que a realidade é que os servizos públicos non están respondendo como deberan e ao final son os movementos asociativos, eses que queren tachar de terroristas, e a solidaridade das persoas a que fai que a xente non morra de fame ou teña un teito onde vivir. Malia todo nós queremos ser optimistas, hai recortes e si afectan, pero existen recursos e éstes téñense que poñer á disposición de quen os necesita e se isto non é así a xente ten que saber que hai asociacións que están actuando, denunciando, e esixíndolles ás administracións públicas que fagan o seu traballo. Hai un sentimento de pesimismo xeralizado, é normal, pero tamén é motivado, se estamos tristes quedamos na casa, volvémonos egoistas e non saimos ás rúas, non nos unimos para reivindicar. Hai alternativas, hai recursos, hai moventos sociais que están actuando, que poden axudar pero que tamén precisan de xente que os soporte e que bote unha man.

Aurora Antúnez, presidenta da asociación Enriqueta Otero © Victoria Fernández

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.