O Colexio de Xornalistas cre que a reforma procesal penal de Gallardón suporá "a reinstauración da censura"

Xulgado Dominio Público Praza Pública

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Col.legi de Periodistes de Catalunya e o Colegio Profesional de Periodistas de Andalucia denuncian que que o anteproxecto de Código Procesal Penal, que prepara o Ministerio de Xustiza e que substituirá á vigente Lei de Enxuizamiento Criminal, outorgaralle ao fiscal "a facultade de instrutor, pero tamén, baixo a aparencia de convertelo no portavoz da instrución ante os medios, transformarao de facto nun censor".

A norma outorgaralle ao fiscal "a facultade de instrutor, pero tamén, baixo a aparencia de convertelo no portavoz da instrución ante os medios, transformarao de facto nun censor"

Segundo o Colexio, a proposta pretende limitar o dereito fundamental á información nunha dobre vertente, por unha banda facultando ao fiscal como instrutor para prohibir informar a todos os cidadáns que interveñan nun proceso, atribuíndolle en exclusiva a facultade de informar aos medios, o que limita gravemente o acceso ás fontes e a posibilidade de contrastar a versión oficial, e doutra banda posibilita que se poida ordenar o cese da difusión do proceso a través dos medios de información, baixo os criterios genéricos de que se poida comprometer o dereito a un proceso xusto ou os dereitos fundamentais dos afectados.

Posibilita que se poida ordenar o cese da difusión do proceso a través dos medios de información

O borrador do Código Procesal, no artigo 132, párrafo 3, establece que "durante a fase de investigación o Fiscal poderá requirir ao encausado, testemuñas, peritos profesionais, ou a calquera terceiro que haxa ter acceso á información que conveña manter reservada, que se absteñan de revelar fóra do proceso o contido das declaracións ou calesquera datos ou informacións sobre os feitos investigados dos que tiver coñecemento". E tamén, finalizada a investigación, o fiscal poderá solicitar ao Tribunal que estenda ese sixilo ata a apertura da vista oral. É dicir, que o ministerio público pode impoñer durante todo o tempo -meses ou anos- que dure a investigación que ninguén relacionado co caso, non xa o encausado nin os letrados que o defenden ou acusan, senón calquera testemuña ou perito, revele ou comente nada do que dixera ou escoitara sobre o asunto.

Dado que pretender facer cumprir tal sixilo vai resultar máis imposible aínda que o actual segredo do sumario, o anteproxecto ataca o problema de raíz: a difusión pública: "Se difundir públicamente por calquera medio información sobre o proceso, con vulneración do segredo das actuacións ou no seu caso dos deberes de sixilo e reserva previstos neste Título, o Tribunal de oficio ou instancia do Ministerio Fiscal poderá acordar, previa ponderación dos intereses en conflito o cese da difusión, sempre que esta puider comprometer gravemente o dereito a un proceso xusto ou os dereitos fundamentais dos afectados" (art. 132.4). Ou sexa, segundo unha previa ponderación que non parece distinguible do libre albedrío, o Tribunal pode acordar que se deixen de difundir declaracións que se prestaron ou feitos que se produciron.

Dado que pretender facer cumprir tal sixilo vai resultar máis imposible aínda que o actual segredo do sumario, o anteproxecto ataca o problema de raíz: a difusión pública

Segundo o Colexio de Xornalistas, "a forma en que se lle asigna ao fiscal a función de único portavoz é máis dotalo dun interruptor que dun altofalante". O Colexio manifesta o seu "malestar" porque "na elaboración dunha norma tan importante, aínda que sexa en fase de anteproxecto, que vén substituír a outra máis que centenaria, non se consultaron aos organismos profesionais en aspectos tan delicados -e tan, como reza a redacción do borrador, de interese público- como a transparencia da xustiza cara á sociedade e a publicidade dos procesos xudiciais, dos que os medios son os intermediarios esenciais".

Xulgado Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.