As voces que lle din "non" á mina de Corcoesto

Manuel Rivas e Rosalía Fernández leron o manifiesto final © Salvemos Cabana

Este domingo milleiros de persoas manifestáronse en Carballo contra o polémico proxecto de extracción de ouro que a multinacional canadiana Edgewater quere levar a cabo en Corcoesto. Non é a única ameaza: hai ducias de proxectos mineiros que están comezando as súas actividades en toda Galicia, na procura de ouro, de terras raras e doutros materiais, e aproveitando a crise económica e a grave situación de desemprego para vender as súas bondades. Corcoesto é a punta de lanza, un ensaio. Pero tamén é o lugar no que a xente se está organizando e mobilizando: plataformas sociais coma Salvemos Cabana ou a Plataforma pola Defensa de Corcoesto, organizacións ecoloxistas e partidos politcos, todos traballan unidos e estiveron o domingo en Carballo.

Falamos con Manuel Rivas, Fins Eirexas (Adega), Nela Abella (Verdegaia), Margarida Prieto (SLG), Manuel Antelo (alcalde de Vimianzo), Xosé Manuel Beiras (Anova), Xavier Vence (BNG), Xoán Bascuas (CxG) e Manuel Dios (EE) sobre o éxito da marcha e das accións que se deben poñer en marcha para frear a ameaza mineira en toda Galicia. En maio haberá un macroconcerto contra a mina. E a comezos de xuño, ao redor do día 5, convocarase unha manifestación nacional galega para protestar "contra todos os proxectos mineiros que están ameazando numerosas zonas de Galicia co apoio da Xunta".

Manuel Rivas: "A xente converteuse no río Anllóns: cando a protesta deixa de ser un regato e se converte nun río os gobernos teñen que escoitar”

Manuel Rivas foi o encargado de ler o manifesto na marcha do domingo. O escritor salienta que “é a unión da xente na rúa o que pode parar esta desfeita. Ten que oírse en Santiago e despois en Canada" e conclúe que "a concienciación é un proceso lento ao comezo pero esta mobilización comeza a ser masiva. A xente converteuse no río Anllóns: cando a protesta deixa de ser un regato e se converte nun río os gobernos teñen que escoitar”.

Tamén foron rotundas as voces dos representantes dos colectivos ecoloxistas. Fins Eirexas (Adega) afirma que "a protesta ten que transcender o ámbito local. Son ducias os proxectos mineiros que buscan o beneficio rápido a custa de destruír os recursos naturais e o territorio". E engadiu: "que non o dubide Feijoo: a próxima será en Compostela e onde somos tres mil seremos quince mil”. E Nela Abella (Verdegaia) lembrou que “as mobilizacións están servindo para implicar a toda Galicia e para informar a xente das repercusións desta mina. Estase xestando unha rede de colectivos antiminaría en Galicia que quere ser unha rede de apoio mutuo para compartir ideas e forzas”. De igual xeito Margarida Prieto (SLG) sentenciou que "a Xunta ten que recapacitar. Galicia non é unha mina. Ten que haber un cambio de rumbo na política do Goberno galego”.

 

As voces dos políticos

Fins Eirexas (Adega): "Que non o dubide Feijoo: a próxima será en Compostela e onde somos tres mil seremos quince mil”

Manuel Antelo (Alcalde de Vimianzo): “É unha loita por un modelo económico sostible en Bergantiños e a Costa da Morte. Temos moita necesidade de traballo pero non a calquera costa non adoptando actividades que están en desuso en todo o mundo desenvolvido”: “É unha loita por un modelo económico sostible en Bergantiños e a Costa da Morte. Temos moita necesidade de traballo pero non a calquera costa non adoptando actividades que están en desuso en todo o mundo desenvolvido”.

Xosé Manuel Beiras (Anova): “O Goberno galego non reflexiona porque non ten cerebro: ten neve en lugar de cerebro. Non se trata de facelo reflexionar senón de forzalo a que non poda levar adiante unha operación brutal de saqueo do país. Nesta mobilización os protagonistas son os cidadáns: as forzas políticas só deben ser instrumentos en mans da cidadanía”

Xavier Vence (BNG): “A cidadanía da comarca rexeita maioritariamente un proxecto que vai provocar moito dano e deixar moi pouca riqueza aquí. En todo caso a riqueza marchará para Canadá e aquí quedará o cianuro”

Margarida Prieto (SLG): "A Xunta ten que recapacitar. Galicia non é unha mina. Ten que haber un cambio de rumbo na política do Goberno galego”

Xoán Bascuas (CxG): “Non podemos consentir que os recursos naturais do pais sexan espoliados. Cando hai unha causa xusta é normal que suscite un apoio maioritario dos partidos. Pero ten que quedar claro que o protagonismo corresponde á cidadanía”

Manuel Dios (EE): “Este é o camiño que debemos seguir: o camiño da unidade e o camiño da presión. Corcoesto responde ao modelo de privilexiar as grandes compañías e este modelo económico depredador”

© Salvemos Cabana
Protesta contra a mina de Corcoesto © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.