"A mellor homenaxe que lle podemos facer a Sampedro é seguir coa súa loita por unha sociedade mellor"

José Luis Sampedro © charrada.blogspot.com

O escritor e economista barcelonés José Luís Sampedro, de 96 anos de idade, faleceu na madrugada do domingo ao luns e foi incinerado este martes. "El quería morrer como viviu: discretamente", explica a súa familia. A súa viúva Olga Lucas revelou que o seu esposo "non quería leas no tanatorio nin en ningún sitio". Así, rememorou as súas palabras: "Se cren que son merecedor dunha homenaxe, que a organicen, pero non ao redor do meu cadáver". Para a viúva de Sampedro, a biografía do escritor está nos seus libros.

"Se cren que son merecedor dunha homenaxe, que a organicen, pero non ao redor do meu cadáver"

O humanista e economista distinguiuse durante os últimos 30 anos pola súa defensa dunha economía "máis humana, máis solidaria, capaz de contribuír a desenvolver a dignidade dos pobos", e máis recentemente en acompañar as reivindicacións do 15-M. Nada máis xurdir en España o Movemento 15M, circulou pola rede unha entrevista a Sampedro realizada pola Asociación Movimiento Visual na que reflexionaba sobre a manipulación da opinión pública, a falta de pensamento crítico ante unhas eleccións ou a falta de formación para ser cidadáns conscientes.

No ano 2010 o Consello de Ministros outorgoulle a Orde das Artes e as Letras de España pola "súa sobresaliente traxectoria literaria e polo seu pensamento comprometido cos problemas do seu tempo". Recibiu o Premio Nacional das Letras Españolas no ano 2011 e o 24 de maio de 2012 foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Alcalá. O pasado ano a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeouno Escritor Galego Universal, destacando "a alta calidade da súa literatura lúcida, profunda, radical e transgresora, impregnada do insubornábel compromiso ético do autor".

"O capitalismo convérteo todo en mercadoría, pero coa contestación social parece que está a xurdir outra cousa. Albíscase outro sistema"

Nunha recente entrevista publicada pola revista Jot Down, Sampedro afirmaba que “estamos a vivir un momento tráxico" pois "o déficit democrático é grande, non hai democracia. Democracia quere dicir goberno do pobo e polo pobo. Aquí só hai voto unha vez cada catro anos, máis condicionado pola manipulación mediática que pola educación. Votamos a políticos e mandan os financeiros". En relación cos actuais plans de rescate da troika, Sampedro reflexionaba: "Quen ten a soberanía? Que país se cre independente? Nin EE UU é independente. No mundo actual non hai esas independencias, hai interdependencias". Con todo, o autor apreciaba as respostas: "O capitalismo convérteo todo en mercadoría, pero coa contestación social parece que está a xurdir outra cousa. Albíscase outro sistema".

De igual xeito, nunha longa entrevista que concedeu o pasado verán á Cadena Ser, e na que Sampedro se definiu como "moribundo, con permiso", denunciou que “os cartos deben estar ao servizo do traballo, pero na actualidade é o traballo o que está ao servizo dos cartos”. Preguntouse, así mesmo, se "hai que encher os bancos de cartos, mentres a xente o pasa como o pasa?". Sampedro criticou os recortes decididos polo Goberno nas políticas sociais e outras medidas: das que dixo que "non son reformas, son contrarreformas". E afirmou que o Goberno se dedica a "desmontar, con desfachatez e cinismo" todo o construído previamente.

“Cando un está sometido á forza, é importante dicir non, aínda que sexa internamente, na cabeza”

Criticaba especialmente as medidas adoptadas en educación, que considera que potencian o ensino relixioso que "crea un pensamento dogmático, se establece un dogma e xa non se pode discutir, acábase co pensamento libre. Sen el non hai nin cidadanía, nin democracia". Finalmente consideraba que o 15M continúa a ser un "revulsivo importante, xa que conseguiu revolver as cousas". A este respecto, Sampedro salientou a importancia das mudanzas e revolucións interiores: “Cando un está sometido á forza, é importante dicir non, aínda que sexa internamente, na cabeza”. Concluíu que o fundamental é “ser cada un o que é, non ser outro. Polo menos ser libre no pensamento, fuxir dos dogmas de todo tipo”.

"Sampedro foi e será todo un referente para aquelas persoas que día a día traballan por unha sociedade mellor"

O deputado de Compromís no Congreso, Joan Baldoví, subliñou esta mañá que Sampedro foi e será "todo un referente para aquelas persoas que día a día traballan por unha sociedade mellor". "Sen ningunha dúbida, hoxe é un día triste porque morreu unha gran persoa, maior en idade pero moi novo no pensamento", subliñou Baldoví, para quen Sampedro "era un mozo indignado coas inxustizas e cos corruptos que se aproveitan da democracia que tanto defendeu". "E a mellor homenaxe que lle podemos facer é seguir coa súa loita por unha sociedade mellor", engadiu.

AGE destaca que "o seu combate serviu para fornecer de ferramentas críticas aos movementos sociais de oposición á troika europea e os seus mandados no sur de Europa

Tamén Alternativa Galega de Esquerda expresou a súa tristeza pola morte de Sampedro, "militante contra o neoliberalismo e a ditadura financeira" e "un dos intelectuais máis comprometidos durante os últimos anos con posicións progresistas e de esquerdas". AGE destaca que "o seu combate serviu para fornecer de ferramentas críticas aos movementos sociais de oposición á troika europea e os seus mandados no sur de Europa. A maiores, a súa obra literaria deixou fermosas páxinas de delicadeza e preocupación pola condición humana". E lembra a amizade que mantiña con Xosé Manuel Beiras.

José Luis Sampedro © charrada.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.