Desafiuzada en Ferrol con dous pequenos ao seu cargo

Ana María, este xoves durante a visita ao Rexistro © Susete Ferrol

Un novo desafiuzamento dramático. Ana María e os dous menores ao seu cargo, de 14 e 17 anos, foron desaloxados do seu piso en Ferrol polo impago de tres  meses de aluguer. Malia as súas peticións e a de colectivos contra os desafiuzamentos, Asuntos Sociais do Concello limitouse a facilitarlles un cuarto nun hostal e 60 euros, ademais da posibilidade de que a muller puidese ir comer á Cociña Económica, pero en ningún caso cos dous menores. No entanto, a plataforma denuncia que a administración local non fixo trámite ningún para facilitarlle un aloxamento á familia mentres non se resolva a súa situación. Logo da presión cidadán, a administración local accedeu a pagarlle a pensión completa nun hotel até o vindeiro 22 de abril, pero a denuncia ante a Fiscalía de Menores polo trato recibido segue adiante.

Stop Desafiuzamentos denunciará o caso ante a Fiscalía de Menores

Antes, a plataforma de Stop Desafiuzamentos da comarca acompañara o pasado xoves a muller e os pequenos ao Rexistro Municipal para solicitar de urxencia unha das máis de cen vivendas baleiras de titularidade municipal que existen no barrio do Recimil. Ante o que denominan "un claro caso de desamparo e marxinalidade social á que está sometida a familia", o colectivo contra os desaloxos anunciou que denunciaría a situación ante a Fiscalía de Menores.

Ademais, e logo dunha breve entrevista coa asistenta social, a familia contaba co compromiso de que o Concello estudará o orzamento que achegue a plataforma para buscar un aloxamento nun  hostal con dereito a comida. No entanto, Stop Desafiuzamentos denuncia que a administración local non fixo trámite ningún nin tan sequera para reservar o hostal que xa fora aceptado, polo que Ana María non puido pasar a noite cos seus nenos.

Logo da presión cidadá e da dos movementos sociais como Stop Desafiuzamentos, o Concello accedeu a pagarlle a pensión completa nun hotel até o vindeiro 22 de abril, pero a denuncia ante a Fiscalía de Menores polo trato recibido segue adiante.

Veciños e activistas apoiaron a Ana María en Ferrol © Susete Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.