"Todas as crises económicas atacan máis as mulleres"

Marcha polo Día Internacional da Muller en 2012 © Susete Ferrol

"A débeda dos gobernos é coas mulleres, non coa banca". Este é o lema elixido pola Marcha Mundial das Mulleres para un novo 8 de marzo, o deste venres, no que desde Galicia volven reivindicar "ser libres" nun mundo e nun país no que a discriminación de xénero segue presente. E se cadra de xeito máis duro nestes tempos nos que  "se erguen de novo os vellos muros pero con outros nomes: crise, recortes, paro, peche de servizos sociais, economía submerxida, violencia de xénero...".

Así o denuncia a Marcha Mundial no seu manifesto con motivo dun Día Internacional da Muller no que censurarán os "brutais retrocesos" sufridos na igualdade por mor da crise e das políticas dos gobernos neoliberais e da austeridade. "Hai moitas medidas criticables e duras, pero abonda con escoitar algunhas das ousadías que se atreven a dicir cargos públicos ou a propia Igrexa para decatarnos de que estamos retrocedendo séculos atrás", asegura Ánxela Lagoa, unha das voceiras do colectivo.

"Abonda con escoitar algunhas declaracións de cargos públicos para decatarnos de que estamos a retroceder séculos"

"O ministro Gallardón, dirixentes da Igrexa, Castelao Bragaña...", lembra Lagoa, que se pregunta "como alguén se pode atrever a dicir que a maternidade é o que fai ás mulleres verdadeiras mulleres, que as leis están para violalas como as mulleres ou de culpar o xénero feminino do fracaso escolar ou do desemprego por non quedar na casa como antes". Todo iso foi dito por cargos institucionais. "Queren volver á familia tradicional e a modelos pasados", insiste a portavoz da Marcha Mundial, que aclara, no entanto, que as palabras tamén se acaban convertendo en feitos.

"As taxas da Xustiza, os recortes en educación, sanidade ou dependencia... Todas esas medidas aféctannos como traballadoras, porque moitos son sectores onde maioritariamente traballamos nós e onde se destrúe emprego, pero tamén como mulleres porque a falta de prazas públicas en colexios, garderías, hospitais ou servizos públicos difícultanos as condicións de vida", engade Ánxela Lagoa, que lembra que "a ausencia de prazas para os seus maiores ou os seus nenos" obriga a moitas mulleres a volver á casa. Os axustes ao servizo da ideoloxías.

"Xa tiñamos empregos máis precarios e agora auméntase esta precariedade e somos as primeiras afectadas polos despidos"

"É un retroceso brutal para o pobo e para as mulleres; non é unha ditadura, pero eles teñen a maioría e deciden como se tivesen o favor de toda a cidadanía", asegura Ánxela Lagoa, que recorda que "todas as crises económicas atacan máis as mulleres". "Xa tiñamos empregos máis precarios e agora auméntase esta precariedade e somos as primeiras afectadas polos despidos", insiste, tras lembrar tamén que, por exemplo, os principais afectados por desafiuzamentos son tamén do xénero feminino.

"A busca do benestar non existe; os gobernos rescatan e axudan os bancos, mentres os bancos enganan os aforradores", critica Ánxela Lagoa, que pon ese exemplo como paradigma das prioridades que os poderes públicos acaban marcando mentres reducen recursos na loita polo ben común ou a igualdade de xénero. Tamén nos xestos. "Desde hai tempo, cada vez que unha muller sufría un asasinato machista, pintabamos unha silueta no chan cos seus datos en recordo da afectada e como símbolo, pero o Concello de Ferrol decidiu prohibírnolo", explica a voceira da Marcha Mundial, que destaca que foi a concelleira de Igualdade a que ordenou o veto a esta lembranza. "Non gobernan para as persoas e crense por riba do ben e do mal", sentencia.

"Houbo avances, pero seguimos aturando actitudes machistas en moitas organizacións, incluídos partidos políticos ou sindicatos"

Para Ánxela Lagoa, os avances en igualdade "aínda son poucos" desde a Administración, sobre todo desde o estoupido da crise e a chegada da dereita, pero cre tamén que aínda queda moito por facer en diversas organizacións, pasando polos partidos políticos, os sindicatos e por suposto as empresas. "É certo que nas formacións políticas hai moitas mulleres, colectivos feministas e secretarías da muller, pero seguimos téndoo complicado e tendo que aturar actitudes aínda machistas; hai que seguir pelexando porque segue a costar facer cambios", conta.

En canto ao mundo empresarial, Lagoa considera que "os empresarios e as empresarias galegas son moi tradicionais" e nas súas firmas segue primando a discrminacións, "aínda que en moitas casos non sintan que o están a facer". A crise, ademais, impide que moitas denuncias cheguen a bo porto. "O medo a quedar sen traballo provoca que cada vez as mulleres reclamen menos os seus dereitos", conclúe.

Marcha polo Día Internacional da Muller en 2011 © Susete Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.