Vai ao Concello e "grava o teu pleno"

Pleno do Concello de Santiago, un dos que recibiu a proposta © Concello de Santiago

As sesións plenarias dos concellos son, polo xeral, de carácter público. Á marxe de certas normas de acceso en momentos puntuais, non hai ningún impedimento para que a cidadanía poida presenciar os debates e resolucións dos seus representantes nos municipios. Do mesmo xeito, non hai lei ningunha que vete a gravación e difusión do que se aborda nas sesións plenarias. Malia todo isto, a maior parte dos concellos aínda non grava ou, cando menos, non difunde os seus plenos e, nalgúns casos, os grupos de goberno mesmo impiden que alguén realice este labor. Neste contexto é no que o partido Piratas de Galicia, en colaboración co colectivo Graba tu pleno, se dirixen aos gobernos locais galegos para garantir a difusión pública das súas sesións.

Concellos como Santiago, Vigo, A Coruña, Ourense ou Arteixo xa recibiron formalmente a proposta destes grupos, consistente en que os plenos sexan retransmitidos en streaming por internet e, posteriormente, a gravación fique dispoñible para quen a queira consultar. Trátase, explican, de "reducir a distancia social" entre mandatarios e cidadanía, "facilitando o acceso á actividade consistorial" e mellorando "a transparencia institucional nun momento clave, no que cada vez aparecen mías casos de corrupción. "O feito de que os plenos sexan accesibles para calquera e de que quede un rexistro claro do que dixo e votou cadaquén fará que a toma de decisións sexa menos opaca e, polo tanto, que haxa menos corrupción".

O proxecto é "perfectamente viable", como demostra o feito de que xa estea en marcha en Lugo, explican

Neste contexto, e co obxectivo adicional de "axudar os profesionais dos medios de comunicación" a dispoñeren dunha "videoteca da actividade municipal", os grupos impulsores do proxecto coidan que non hai "ningún problema" para proxecto en marcha, nin técnico nin económico. "Os requisitos son practicamente nulos", sinalan; "non hai ningún custo" de programas informáticos, "xa que existen moitas versións totalmente de balde", e as actuais tecnoloxías permiten realizar a conexión "cun simple teléfono móbil". Ademais, "por se quedase algún reparo, os expertos de Piratas de Galicia ofrécense a proporcionar os coñecementos técnicos que fagan falta e a instalar e ensinar a utilizar os programas nas localidades interesadas".

"O proxecto non é só necesario, senón perfectamente viable", subliñan, algo que, din, demostra que "este tipo de innovación" xa está en marcha en Lugo, cidade que foi "pioneira" en retransmitir os seus plenos e en ter dispoñibles os vídeos a través da rede. Se a iniciativa se extende, afirman, Galicia avanzará cara á "vangarda dos sistemas de goberno aberto" e como "exemplo e referente no uso das novas tecnoloxías para que a Administración se achegue á cidadanía", conclúen.

Pleno no Concello de Lugo, que xa emite e grava as sesións © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.