Fracasa o intento de desaloxo 'sorpresa' dunha anciá de 85 anos na Coruña

A Policía intenta evitar o paso dos manifestantes CC-BY-SA M. Pereira

Continúa o pulso na rúa Padre Feijoo da Coruña logo dunha longa mañá e de máis de sete horas cargadas de tensión. Aurelia Rey, a anciá de 85 anos que está ameazada de desaloxo polo atraso no pago do aluguer, semella que non será desafiuzada neste luns tras a forte presión cidadá que impediu a entrada da comisión xudicial na súa vivenda.

A Policía e os funcionarios xudiciais esperaron á marcha dos manifestantes e da prensa para intentar desaloxar a Aurelia Rey

Logo de catro horas de espera, e tras o anuncio por parte de fontes xudiciais da comisión de que non se levaría a cabo o desaloxo, a Policía aproveitou a marcha de boa parte dos manifestantes e da maioría dos xornalistas para tentar botala da casa. Foi arredor das dúas da tarde cando seis furgóns policiais apareceron na rúa para levar a cabo un desafiuzamento que tan só uns minutos antes parecía suspendido e despois tamén de que os axentes antidisturbios abandonasen a zona.

Nese momento, e nos primeiros momentos de tensión, os voceiros de BNG e Esquerda Unida no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril e César Santiso, foron zarandeados e golpeados pola Policía, tras denunciar unha situación que cualificaron de "engano" e "trampa" por parte da comisión xudicial e da Delegación do Goberno.

Co paso do tempo, e coa volta de centos de manifestantes, a rúa permaneceucortada mentres uns vinte axentes antidisturbios intentaban facilitar o traballo da comisión xudicial. O portal estaba pechado cunha cadea, pero o primeiro grupo de bombeiros que foran chamados ao lugar negáronse a rompela para facilitar o desafiuzamento da anciá. De feito, un deles foi despedido entre aplausos mentres sostía un cartel de Stop Desafiuzamentos e agora enfróntase a un posible expediente.

Un equipo de bombeiros negouse a romper a cadea que impedía o desaloxo e tras suxeitar un cartel contra os desafiuzamentos foi despedido entre aplausos

Logo de que un bombeiro si aceptase colaborar coa apertura da porta, varios dos manifestantes que observaban desde o fondo da rúa romperon o cordón policial e intentaron evitar a entrada na vivenda de Aurelia Rey. Foi daquela cando volveu a tensión e de novo o concelleiro nacionalis Xosé Manuel Carril foi empurrado e arrastrado por varios axentes. Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Parlamento, sufriu tamén os empurróns da Policía e caeu ao chan, ao tempo que algún xornalista recibía algún golpe, ao igual que varios veciños, aínda que os axentes non fixeron uso das porras.

Paralización

As novas acumuláronse nunha mañá na que os concentrados para evitar a expulsión de Aurelia chegaron a celebrar a súa vitoria ao redor da unha do mediodia. "Pensei que tiña algo, pero teño moito máis". Con estas palabras, Aurelia Rey agradecía o apoio de centos de cidadáns que, coa súa presión, lograran paralizar o desaloxo desta anciá de 85 anos da súa céntrica casa da Coruña. "Estou moi agradecida a todos; calquera cousa que poida facer eu por eles, fareino", asegurou a muller desde a súa vivenda, minutos despois de que a comisión xudicial encargada do caso anunciase á plataforma convocada ante o portal que o desafiuzamento previsto fora aprazado.

Entre berros de "Aurelia queda, Aurelia non se vai", "desafiuzar o Partido Popular" ou "unha cidade para todas", os 200 manifestantes -aos que se uniron varios viandantes que decidiron apoiar a convocatoria- conseguiron deter o desafiuzamento. É só temporal, pero dá máis tempo e esperanza a Aurelia.

A comisión xudicial debe fixar agora unha nova data para o desaloxo

A paralización era e acabou sendo unha vitoria temporal simplemente. Segundo voceiros de Stop Desafiuzamentos, con ela Aurelia Rey tería un novo prazo de quince días para intentar evitar quedar sen casa, aínda que a plataforma advirte de que, nestes casos, o seguinte intento podería realizarse xa coa rúa acordoada e un dispositivo policial maior que impida o paso de manifestantes. Ante esta posibilidade, os colectivos que apoian a muller de 85 anos preparan xa "outras medidas de resistencia" que eviten que se consume un caso que consideran "vergonzoso"

Varios manifestantes romperon un cordón policial e evitaron o desaloxo nun dos momentos de máis tensión

Unha expulsión sen débeda

Aurelia Rey leva máis de trinta anos vivindo nunha casa da rúa Padre Feijoo da Coruña. Paga 165 euros de aluguer grazas a un contrato de renda antiga, pero isto supón máis dun terzo da súa pensión de 375 euros. O atraso en dous pagos -un deles no ano 1999 e outro en marzo de 2011- foron suficientes para que os donos do inmoble reclamasen o desaloxo desta anciá, malia que non mantén débeda ningunha cos caseiros e logo de denunciar continuas presións por parte da familia propietaria do piso para provocar a súa marcha da vivenda. A última oferta implicaba o aprazamento do desaloxo dous meses co único obxectivo de convencer a afectada para que abandonase o seu fogar.

Unhas 200 persoas mantivéronse concentradas máis de catro horas para deter o desaloxo

Arredor dunhas 200 persoas, convocadas por Stop Desafiuzamentos, estiveron concentradas este luns fronte á vivenda para intentar deter o desafiuzamento e denunciar o mobbing inmobiliario que, segundo a plataforma, está sufrindo a anciá para conseguir que o céntrico inmoble -polo que se podería chegar a pagar un aluguer de 600 euros mensuais- quede libre.

Stop Desafiuzamentos critica a actitude do Concello, ao que consideran "cómplice" da situación por inacción. O Goberno municipal ofrécelle a Aurelia Rey trasladala a unha residencia de anciáns, pero ela non quere, entre outros motivos porque se vale por si mesma para realizar a súa vida diaria. "Que vaian eles para unha residencia; eu quero vivir a vida porque xa traballei dabondo para poder gobernala como eu queira", aseguraba antes de agradecer o apoio dos veciños que aínda quedaban concentrados ás portas do edificios catro horas despois.

Aurelia Rey atende os medios tras paralizarse o desafiuzamento CC-BY-SA M. Pereira
Concentración ante a casa de Aurelia Rey CC-BY-SA M. Pereira
Carga policial ante a casa de Aurelia Rey CC-BY Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.