Os recortes sanitarios fan que tratar o cancro sexa o triplo de caro para quen o padece

Pacientes reciben quimioterapia nun hospital galego © Sergas

"O cancro pódese previr e estamos dispostos a poñer todos os medios ao noso alcance para facelo". "Entre todos conseguiremos que cada día máis pacientes deixen atrás esta enfermidade". Nas primeiras horas deste 4 de febreiro, Día Mundial contra o Cancro, a secretaria xeral de Sanidade do Goberno de España, a ex conselleira Pilar Farjas, pronunciaba estas verbas nun foro organización pola Asociación Española contra o Cancro (AECC), no que enviou unha "mensaxe de apoio e esperanza" e subliñou que tratar esta doenza é "prioritario" para o departamento que dirixe Ana Mato. Na mesma xornada a propia AECC viña de facer público un estudo que viña desmentir, cando menos en parte, as afirmacións de Farjas. Á luz dos últimos recortes, explica a asociación, quen padece cancro xa non só se ten que preocupar de tratarse e recuperarse, senón tamén do impacto económico que pode ter loitar pola súa propia saúde.

Na AECC a política gobernamental dá lugar a motivos de "preocupación", nomeadamente a derivada do Real Decreto 16/2012, co que o gabinete de Mariano Rajoy aplicou a súa principal tesoirada sanitaria ata o momento. O "potencial impacto negativo" que estes recortes "poden ter sobre a calidade de vida das persoas con cancro e da súa familia", así como "sobre a prevención e o control da enfermidade" levou este colectivo a elaborar un informe baseándose en datos oficiais como os que indican "un aumento na porcentaxe de poboación en risco de pobreza e de exclusión social". "Se a isto unimos a dimisión ou recortes en prestacións sociosanitarias, a poboación española que se atopa en especial risco de exclusión social verá agravada de forma considerable esta situación cun diagnóstico de cancro". Non en van, lembran, segundo o INE catro de cada dez fogares do Estado "non poden asumir gastos imprevistos e o 12,7% chega a fin de mes con moita dificultade".

A AECC calcula que unha familia pode chegar a ter que dedicar o 18% dos seus ingresos mensuais a afrontar o cancro

Concretamente, a AECC analiza "o impacto das medidas" do Goberno central nunha familia tipo "cun único membro activo, cunha renda inferior aos 18.000 euros ao ano, con dous fillos menores de idade, residentes no ámbito rural e que non contan con ningún membro enfermo". Segundo o propio INE, detallan, "o gasto medio mensual en saúde desta unidade familiar ascende a un 3%" do total dos gastos. Tomando como referencia "casos concretos de pacientes tipo" a asociación conclúe que, "en caso de que se diagnostique un cancro, esa familia terá que aumentaro o gasto durante o proceso de tratamento da enfermidade en 15 puntos porcentuais", chegando a ter que dedicar, polo tanto, 18 de cada 100 euros ingresados ao mes á propia saúde.

O temor ao repagamento e ás restricións en medicamentos

Boa parte da alerta que lanzan os e as doentes de cancro está relacionado coa inclusión do transporte sanitario non urxente na denominada "carteira suplementaria" do Sistema Nacional de Saúde, isto é, os servizos sanitarios nos que o Estado determina que hai opción a aplicar o repagamento. Este tipo de ambulancias programadas son especialmente utilizadas nos tratamentos oncolóxicos, xa que moitos deles, como a administración de quimioterapia ou radioterapia, non requiren ingreso nun centro sanitario durante varios días seguidos, pero si visitas habituais ao hospital para recibir a medicación. Dispoñer dunha ambulancia faise necesario non só para quen sufra a enfermidade e non dispoña de vehículo propio ou de transporte público axeitado, senón tamén para moitos pacientes a quen os efectos secundarios do tratamento lles impiden desprazarse de maneira completamente autónoma. O repagamento paira tamén, ademais, sobre medicamentos que non son estritamente para tratar o cancro, pero si estes efectos secundarios.

No Clínico de Santiago os doentes alertaron do adiamento de tratamentos por motivos económicos

O do transporte non é o único recorte que prexudica o tratamento do cancro. Como vén relatando Praza Pública, os motivos económicos están tamén por tras das restricións na administración dalgúns medicamentos que xa se revelaron como efectivos para loitar contra algúns tumores. Estas denuncias chegaron nos últimos meses dende, por exemplo, o Hospital Clínico de Santiago, onde a Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía alertou o pasado outubro de que a dirección do centro se viña "negando sistematicamente" a financiar un medicamento de quimioterapia, a abiraterona, aínda que isto supoña "contravir a opinión médica",

O Ministerio admite que condiciona aos cartos a administración de certos medicamentos

Naquel caso concreto a dirección do hospital compostelán negouse a recoñecer abertamente que os motivos económicos estivesen por tras do adiamento na administración dun medicamento que, finalmente, o paciente afectado si chegou a recibir. Máis explícito foi hai escasos días o director xeral de Carteira Básica de Servizos do Ministerio de Sanidade, Agustín Rivero. Nun acto público, Rivero puxo o exemplo de dous novos medicamentos contra o cancro -cuxos nomes non citou- "que son inovacións" e que, na súa opinión, "non melloran moito a vida do paciente, quizais apenas nunha semana, e aínda que para o que ten o seu pai ou nai afectado é importante, a niveis macroeconómicos, non é rendible".

Pacientes reciben quimioterapia nun hospital galego © Sergas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.