20 anos sen Moncho Valcarce, o cura das Encrobas

Ramón Valcarce cuns amigos © Irmandade Moncho Valcarce

O 1 de febreiro de 1993 morreu de cancro na Coruña despois dunha vida de loita compaxinando durante anos o seu labor como crego e a súa militancia política: nacionalista e de esquerdas. Moncho Valcarce pasou á historia coma o cura das Encrobas, aquel crego que tanto axudou os labregos das terras de Meirama fronte aos intentos de expropiación por parte da empresa de extracción de lignitos. No transcurso desta loita Monxo foi detido o 15 de febreiro de 1977.

Moncho Valcarce pasou á historia coma o cura das Encrobas, aquel crego que tanto axudou os labregos das terras de Meirama fronte aos intentos de expropiación por parte da empresa de extracción de lignitos

Pero para falar de Moncho Valcarce hai que falar de loitas en plural. Valcarce naceu no seo dunha familia acomodada na Coruña. Deixou de lado o Dereito e optou por estudar Teoloxía. Despois dun breve paso por Roma, en 1967 regresa ao seminario de Santiago onde uns escritos lle valeron a expulsión acusado de "axitador de tendencia comunista". Desterrado na Coruña baixo a tutela do sacerdote Manuel Espiña, e grazas á súa axuda, conseguiu que o volveran a admitir no seminario. En 1969 comeza a exercer de crego en Sésamo, unha parroquia de Culleredo, onde se distinguiu polo carácter participativo das misas, a gratuidade nos servizos, a eliminación dos confesionarios, a introdución do galego como lingua litúrxica, e polas súas proclamas contra o caciquismo e as inxustizas.

O Partido Comunista chegou a instalar unha imprenta na casa reitoral, que se converteu nun punto de encontro de pluralidade para distintos colectivos de distintas ideoloxías. En 1974 foi detido en Betanzos nunha xuntanza clandestina. Moncho Valcarce foi xirando cara ao nacionalismo e traballou sobre todo nas Comisións Labregas e na AN-PG. Con eles participou moi activamente nos conflitos sociais que se viviron en Baldaio ou en Xove e tamén nas reivindicacións dos gandeiros contra a Cota Empresarial da Seguridade Social. En 1979 foi elixido concelleiro polo BNPG en Culleredo, onde chegou a ser tenente de alcalde.

No cemiterio de Santo Amaro o BNG renderalle unha homenaxe este sábado á unha do mediodia nun acto, no que intervirá a poeta Pilar Pallarés

Sempre resutou incómodo para a xerarquía eclesiástica, que fixo todo o posible para alonxalo da política enviándoo en 1987 a Salamanca coa disculpa de realizar un curso teolóxico na Universidade Pontificia. En 1991 foille descuberto un cancro incurable e dous anos máis tarde faleceu. Foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro cuberto cunha bandeira estreleira e entre os versos de Bouza Brey. No mesmo cemiterio de Santo Amaro o BNG renderalle unha homenaxe este sábado á unha do mediodia nun acto, no que intervirá a poeta Pilar Pallarés.

O crego das Encrobas na misa © Irmandade Moncho Valcarce
Ramón Valcarce na súa igrexa © Irmandade Moncho Valcarce

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.