Betanzos, oitavo concello galego que se pronuncia contra a tortura aos animais

Acción en Catalunya pedindo que Mataró se declarase concello libre de circos con animais CC-BY-NC Libera

O pleno da corporación de Betanzos aprobou este pasado martes unha moción contra os espectáculos con animais na vila coruñesa, cos únicos votos dos dous edís do BNG. Con este xa son oito os concellos que apostan pola vangarda no eido do benestar dos animais, despois de Cangas, Dodro, Vedra, A Pobra do Brollón, Teo, Ares e Viveiro. Iniciativas semellantes entrarán no debate dos plenos municipais este xoves en Arteixo e Culleredo.

Iniciativas semellantes entrarán no debate dos plenos municipais este xoves en Arteixo e Culleredo

O texto, elaborado de xeito conxunto pola Asociación Animalista Libera, a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e a Fundación Franz Weber, explicaba na súa exposición de motivos a incoherencia que supón albergar actividades culturais e sociais de carácter internacional e seguir apoiando dende os concellos a tortura e morte dos animais como divertimento. As organizacións promotoras subliñan a necesidade de avanzar na protección dos animais evitando espectáculos que supoñen un tratamento degradante e antinatural dos seres vivos, e outros que os someten a unha morte cruenta.

O Concello non participará nin permitirá “calquera espectáculo ou festexo onde se usen ou empreguen, mostren, faga sufrir ou se torture, física ou psicoloxicamente ningún tipo de animal”

Betanzos aprobou que o Concello non participará nin permitirá “calquera espectáculo ou festexo onde se usen ou empreguen, mostren, faga sufrir ou se torture, física ou psicoloxicamente ningún tipo de animal” como os circos e os festexos taurinos. Tampouco poderá utilizar os medios públicos municipais para promover, patrocinar ou divulgar esta clase de actividades lesivas para os seres vivos.

 

O modelo de moción

No modelo de moción que promove Libera, e que despois cada concello pode adaptar, lémbrase a Lei de Protección dos Animais 1/93, do 14 de abril, a cal considera os animais "organismos dotados de sensibilidade física e psíquica e, polo tanto, suxeitos a gozar ou sufrir". A moción pide que se prohiba "calquera espectáculo ou festexo onde se usen ou empreguen, mostren, faga sufrir ou se torture, física ou sicoloxicamente ningún tipo de animal, tales como galos, cans, cabalos, gatos, burros, novillas, etc, incluidos circos con animais, touradas, encerros, etc".

Tamén se inclúe unha carta-tipo que se dirixe aos representantes políticos do concello e que lembra que "hai tradicións históricas no noso país que incluen o uso ou participación de animais, que sufren sicolóxica e fisicamente" e engade que "calquera costume, conduta, comportamento, non se pode manter in aeterum polo feito de ser tradicional, como o demostra o feito que un gran número de prácticas tan tradicionais ao longo da nosa historia, como a escravitude, as execucións públicas, a subordinación das mulleres aos homes, a mesma pena de morte, as mutilacións practicadas aos delincuentes ou a tan a nosa matanza pública do porco, están agora prohibidas por lei, así como lugares que xa rexeitan os circos con animais".

O modelo de moción lembra a Lei de Protección dos Animais, que considera os animais "organismos dotados de sensibilidade física e psíquica e, polo tanto, suxeitos a gozar ou sufrir"

O texto tamén defende que "ningún animal debe ser sometido a malos tratos: nin os animais salvaxes, para os que temos que conservar o medio coa finalidade de permitirlles vivir de acordo coas súas necesidades; nin aos animais domésticos, polo benestar dos cales os que exercemos de donos temos que velar; nin os animais de granxa que decidimos criar para alimentarnos, aos que debemos como mínimo unhas condicións dignas de vida, espazo suficiente para realizar exercicio, unha alimentación completa e, finalmente, un sacrificio rápido e indoloro".

Acción en Catalunya pedindo que Mataró se declarase concello libre de circos con animais CC-BY-NC Libera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.