A 'Semana pola Renda Básica das Iguais' segue a moverse por Galicia

Manifestación a prol da renda básica CC-BY latrastiendademerida

Entre o 25 ao 31 de xaneiro, en case unha decena de cidades e vilas galegas, estase a desenvolver a Semana Galega pola Renda Básica das Iguais, que xira ao redor da presentación do libro Repartindo a nosa riqueza, publicación editada o pasado mes de decembro e que expón os resultados do estudo da viabilidade da implantación da Renda Básica das Iguais en Galicia.

Froito de tres anos de traballo, análise, documentación e investigación, a obra analiza as posibilidades de implantación do "dereito que ten cada persoa a percibir periodicamente uns ingresos que lle permitan cubrir as súas necesidades"

Froito de tres anos de traballo, análise, documentación e investigación, a obra analiza as posibilidades de implantación do "dereito que ten cada persoa a percibir periodicamente uns ingresos que lle permitan cubrir as súas necesidades". Xa que logo, unha contía que ha de percibirse de xeito individual, universal e incondicional e cuxa cantidade equivale ao límite que marca o limiar de pobreza en cada territorio. As vías para acadar os ingresos necesarios para a implantación deste dereito consisten na re-asignación do gasto público e na reforma do sistema fiscal.

De cara a xerar debate sobre a utilidade desta ferramenta, colectivos sociais de distinta índole, coinciden na necesidade de facer fronte á precarización das condicións de vida nos que se atopan polo menos seis de cada dez fogares galegos -segundo os últimos datos do IGE referente ao ano 2012-, decidiron dar un paso máis na loita polo dereito a vivir dignamente. Entre os colectivos que están a organizar esta 1ª Semana Galega pola RBIs están: Coordinación de Loitas Baladre, Oficina de Dereitos Sociais COIA-Vigo, Grupo de Axitación Social, CS Bou Eva (Vigo), Colectivo de Benestar Social, Encontro Social de Ferrolterra, Coruña en Loita, Liga Estudantil Galega, Colectivo Na Encrucillada e a Cova da Terra (Lugo) ou a CNT e o Ateneo Libertario de Allariz.

O obxectivo é a distribución das rendas acumuladas nas mans duns poucos, para dar resposta á exclusión que está a afogar cada día a máis persoas, mentres que os prazos de espera e criterios para acceder a prestación irrisorias como a RISGA non fan máis que aumentar

O obxectivo é a distribución das rendas acumuladas nas mans duns poucos, para dar resposta á exclusión que está a afogar cada día a máis persoas, mentres que os prazos de espera e criterios para acceder a prestación irrisorias como a RISGA non fan máis que aumentar. A longo prazo, a proposta trata de contribuír á transformación social desde parámetros de equidade e xustiza social.

As actividades desta Semana van dende palestras, aulas abertas co alumnado de Traballo Social, un obradoiro sobre Renda Básica e Xénero, a gravación dun documental divulgativo sobre esta proposta e xuntanzas con profesionais do ámbito social e colectivos en situación de exclusión, como persoas con VIH, familiares de presas e presos, ou mocidade.

 

Manifestación a prol da renda básica CC-BY latrastiendademerida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.